mércores, xullo 16, 2008

Promethea 4



Os capítulos que narran a viaxe astral da Promethea actual, Sophie Bangs, coa súa antecesora, Barbara Shelley, poden ser disfrutados a certos niveis: a homoxeneidade de cada capítulo e a heteroxeneidade do conxunto da unha idea do coidado con que Alan Moore e J.H. Williams III elaboraron cada peza deste tapiz new age no que a racionalidade e exactitude das formas contrastan co arroutado e máxico do fondo. Porén, non pode negarse que o delirio esotérico do de Northampton chega a cansar na súa lectura acumulada, máis ainda nas doses mensuais para as que foi concebida inicialmente a serie. A pesares diso, a trama terrenal mantén o interese, por máis que a súa presenza se limite a unhas poucas páxinas por capítulo.

No presente tomo, o cuarto da serie (Norma, 2008), a viaxe chega á súa fin, o que permite evidenciar de novo algunhas das virtudes de Moore. Por unha banda, o pretexto baixo o cal as protagonistas emprendían o seu periplo astral atopa unha conclusión congruente e suxestiva. A Moore cumpríalle unha excusa para levar a cabo o que semella ser o seu proxecto principal, a exposición demorada da súa cosmogonía máxica, pero o que podería ter sido ilexible resulta ser o contrario, unha lectura agradable, a condición, iso si, de que o lector tome unha certa distancia e non pretenda facer súa toda a literalidade da obra.

Por outra banda, Moore premia a quen resistira a excursión pola Inmateria cun capítulo 24 repleto de acción, literalidade e valores terreos, no que supón a recuperación do espíritu que presidía os primeiros números da serie. E de novo, o que sen dúbida é un desquite para o lector (e probablemente tamén para o autor) encaixa harmoniosamente no argumento e desemboca no delicioso capítulo final deste tomo, no que ten lugar un cativador xuízo, co xuiz Salomón como figura sobresaínte dun elenco que ben podería ter sido extraído dunha obra de Neil Gaiman, e que Moore resolve con enxeño salomónico. De xeito que, nestes últimos capítulos, a serie colle azos e afronta o seu tramo final con óptimas expectativas.

Entradas relacionadas – Promethea
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3

Entradas relacionadas – Alan Moore
O día do xuízo
A Cousa do Pantano
Top 10

domingo, xullo 13, 2008

A lectura das ruinas



O antibelicismo é un valor tan unánimemente asumido como pouco respectado por quen ten a responsabilidade decisoria. Escribir unha obra sobre a guerra deixa unha marxe á orixinalidade tan escasa, cando menos no que á mensaxe se refire, que non é de estrañar que David B. pretendera resultar imprevisible nos restantes extremos que compoñen este A lectura das ruinas (Norma, 2008). Ambientado na primeira Guerra Mundial, o relato parte dunha improbable manobra de distracción dos servizos de espionaxe inglés e francés para construir unha trama repleta de elementos oníricos e dun certo surrealismo, no que pretende ser unha achega ó fenómeno da guerra alonxada de lugares comúns. O resultado é unha obra interesante e ben desenvolvida que combina un ton melancólico con momentos de humor.

No que atinxe ó aspecto gráfico, a simplicidade de David B. semella menos unha elección libre que a opción única dun debuxante limitado. Con todo, a experiencia do autor francés permítelle tirarlle o maior partido ás súas habilidades, notables no que a narrativa e composición se refire. Polo demáis e malia a presenza da cor, o seu debuxo resulta algo máis sombrío do que adoita, en correspondencia coa temática da obra.

domingo, xullo 06, 2008

¿Por que fas isto?



Nas obras de Jason sempre semella haber algún tipo de fenda entre a historia e os personaxes que a protagonizan. O seu estilo intimista e a súa característica habilidade para enganar a xéneros casan mal con eses animais antropomórficos que debuxa, segundo ten sinalado, simplemente porque lle gusta o resultado. A extrema racionalidade das súas composicións, a monotonía propria dunhas viñetas de cores apagadas e sen apenas sombras contribúen a crear un ambiente peculiarmente melancólico, impropio dun debuxante cuxas referencias fundamentais (confesa) son a liña clara e a súa figura máis senlleira, Hergé.

En ¿Por que fas isto? (Astiberri, 2007), Jason concédese máis liberdade formal que en Non me deixes nunca, recurrindo só esporádicamente á homoxeneidade na organización de páxina, anque mantendo outros do seus rasgos habituais: economía de medios, silencios, sinxeleza formal. De feito, a lentitude característica da súa narrativa contrasta coa natureza do relato, concebido a priori coma unha intriga policíaca que remite directamente ó cinema de Hitchcock. Así, se a propria cuberta do cómic xa apela a A ventana indiscreta, posteriores lances da narración, como a conversión do protagonista en sospeitoso, ou a actuación á marxe da policía remiten a Os 39 escalóns ou O home que sabía demasiado.

E sen embargo, o autor consegue, no desenvolvemento e resolución dunha trama así construida, manterse fiel á sua propria personalidade antes que ós tópicos do xénero, imprimíndolle ó relato o ton reflexivo e un tanto amargo a que nos ten afeitos.

Entradas relacionadas
Non me deixes nunca

venres, xullo 04, 2008

A miña mamá está en América e coñece a Buffalo Bill



A apariencia deste A miña mamá está en América e coñece a Buffalo Bill (Ponent Mon, 2008) pode levar a engano. Tanto polo estilo gráfico de Emile Bravo como polo aspecto formal do volumen podería pensarse que éste é un libro dirixido ós máis cativos. De feito, a narración é dunha sinxeleza máxima, con textos moi breves (ou mesmo ausentes) e un abundante colorido que ofrecen un aspecto dunha amabilidade aparentemente infantil. E sen embargo, a idea que centra a historia é precisamente a perda da inocencia infantil e a imposibilidade de impedir indefinidamente que os máis cativos experimenten a perda e a dor.

Dito así pode soar moi solemne. O plantexamentto de Jean Regnaud non o é en absoluto. Pola contra, os momentos dramáticos son escasos e o que predomina é a tenrura e o humor. O recurso á presentación da realidade adulta peneirada pola ollada infantil semella inesgotable, vistos os bos resultados que ofrece nesta enésima aproximación ás dúbidas e malas interpretacións que os rapaces fan do mundo dos maiores.

O apartado gráfico é unha lúcida mostra tanto da pericia do artista coma das posibilidades do medio. Sobre uns fondos de cor variable dun capítulo a outro, Bravo desprega unha consciente variedade de recursos coa sinxeleza coma denominador común. Textos escasos, ausencia de textos, sustitución por pictogramas, viñetas tradicionais, ausencia de viñetas, lances mudos, splash pages… E por riba de todo, a supeditación dos mesmos a unha narración que flúe cunha naturalidade extrema, compoñendo un relato que cativa dende todos os seus extremos.

xoves, xullo 03, 2008

Nightwing: O lado máis escuro da xustiza – A caza de Oráculo



A serie regular de Nightwing atravesa un intre significativo no que ó seu equipo creativo se refire. Entre o seu cuarto tomo, O lado escuro da xustiza (Planeta, 2008) e o quinto, A caza de Oráculo (Planeta, 2008), ten lugar a marcha do que ata agora fpra o debuxante regular da serie, un Scott McDaniel clave na definición visual da cabeceira. Sustitúeno sucesivamente Greg Land e Patrick Zircher, ós que se engade un Butch Guice que debuxa os capítulos da serie Aves de Presa que se inclúen no quinto tomo, tres debuxantes de estilos e traxectorias diversas pero que teñen máis en común entre sí que respecto ó artista que veñen a reemprazar. Zircher é un narrador eficaz que coñecemos polo seu posterior traballo nos Thunderbolts; Guice chega cunha longa traxectoria ás súas costas, series mutantes da competencia incluidas; pola súa banda, Greg Land foi derivando de debuxante a portadista e hoxe o seu labor está sendo fortemente cuestionado tanto pola artificiosidade que o acabado por ordenador lle imprime ás súas planchas coma pola súa frecuente “inspiración” en fontes fotográficas. Se o traballo de McDaniel se caracterizou polas planificacións arriscadas, o dinamismo extremo e unha estilización deformante, os seus sustitutos posúen un estilo máis clásico e axustado ó canon superheroico, menos efectista e probablemente máis lexible, pero que semella axeitarse peor ó ton que lle imprimiu Dixon á serie. Así, por exemplo, a visión de Dudley Soames-Torsión co seu colo esganado renxe moito máis na representación limpa e lanzal de Land que na hiperbólica e distorsionante de McDaniel.

Pola súa banda, Chuck Dixon segue fiel á súa fórmula: moita acción, algo de humor, adversarios do bat-universo e heroes invitados. Apenas concluida a participación do ex-discípulo de Batman no crossover Terra de ninguén, Dixon plantexa un novo cruce, desta volta coa serie Aves de Presa, co-protagonizada por unha Oráculo que se reivindica coma un dos personaxes máis interesantes do universo DC.

Entradas relacionadas – Nightwing
Nightwing Ano I
Nightwing: Un cabaleiro en Blüdhaven
Nightwing: Xustiza violenta
Nightwing: Amor e balas

martes, xullo 01, 2008

Queen & Country Confidencial 3



Greg Rucka, creador e ata agora único escritor de Queen & Country, confiou o guión da terceira miniserie do spin off Queen & Country Confidencial (Norma, 2008) a Anthony Jonhnston, autor apenas coñecido pola súa obra Tres días en Europa ou por ter adaptado ó cómic varias narracións de Alan Moore. Os créditos deste volume non deixan claro cal foi a aportación de Rucka ó mesmo, dado que Johnston consta como único autor do guión. Podemos presumir que o norteamericano inspirou e titelou esta miniserie, que incorpora ó campo temático da cabeceira a cuestión irlandesa, ata agora significativamente ausente.

Na liña dos anteriores volumes da rama Confidencial, Johnston desenvolve unha historia simple e concisa coa que pretende darlle unha certa profundidade ó personaxe de Nick Poole, o monitor máis recentemente incoporado á serie matriz, así como deixar constancia da súa valía. O problema político e social do Ulster aparece retratado cunha distancia que excede os límites da prudencia requerida e da a entender que se preferiu sobrevoar a cuestión de fondo e traducila nun conflicto familiar máis fácilmente manexable.

O encargado do debuxo foi un descoñecido Christopher Mitten que semella escudarse no branco e negro para acentuar a excesiva sinxeleza dos seus lápices. O resultado é irregular: Mitten concéntrase nas figuras humanas e especialmente nas facianas dos personaxes o que, unido á escasa elaboración dos fondos, semella evidenciar un problema para dotar de profundidade ós espazos. Como o guionista, cubre o expediente no que resulta ser un dos arcos máis frouxos da serie.

Entradas relacionadas – Queen & Country
Queen & Country Confidencial 1
Queen & Country Confidencial 2
Queen & Country: Operación Bola de Cristal
Queen & Country: Operación Blackwall
Queen & Country: Operación fronte tormentosa
Queen & Country: Operación dente de león
Queen & Country: Operación alforxas

sábado, xuño 28, 2008

A revolución dos pinceis



Disque a reflexión dun medio sobre si é a antesala ou mesmo o síntoma primeiro da súa decadencia. Pode ser, pero á literatura e ó cinema tenlles dado froitos ben apetecibles e o cómic non ten por que ser unha excepción. O primeiro que chama a atención de A revolución dos pinceis (Dolmen, 2008) é a orixinalidade da súa proposta. Josep Busquet e Pere Mejan plantexan unha reflexión sobre o oficio de facer cómics pero, lonxe de presentalo dende a súa cotidianeidade, constrúen unha peculiar ucronía na que as arelas de liberdade de expresión e respecto á creación artística dos autores de cómic funcionan como xermolo do movemento revolucionario na Francia do XVIII. Trátase dunha aposta arriscada que lles permite ós autores tomar unha certa distancia e ofrecer algo máis que unha mera acumulación de experiencias persoais. É ese outro aspecto a agradecer, o feito de que ainda que a trama incorpore episodios ou personaxes identificables con referentes reais, os autores optan por non convertir a historia nun simple xogo referencial ou nunha sucesión de chiscos ó lector ou de mensaxes soterradas dirixidas a xente do mundiño.

Pero non todo son acertos. Se o plantexamento da obra me parece máis que correcto, penso que o seu desenvolvemento e desenlace deixan bastante que desexar. Sendo como é a relación entre creador e editor o eixo sobre o que xira a trama, a descripción que da mesma fan os autores semella calquera cousa menos equilibrada. Lonxe de retratar as contradiccións proprias da súa dialéctica e da frecuente contraposición dos seus intereses, os autores optan por construir un conto de bos e malos, no que os creadores se nos presentan coma seres íntegros, moralmente inmaculados e socialmente imprescindibles, mentres os editores se nos amosan coma seres mesquiños, explotadores e violentos. Busquet e Mejan ou ben non conciben a liberdade artística coma un dereito limitado (que o é, coma todos os dereitos) ou non confían abondo no lector para presentarllo como tal. A súa defensa do labor dos artistas e da imprescindible función social que desenvolven excede os límites do idealismo e cae na retórica e nun maniqueísmo que estraga os seus bos propósitos e resulta finalmente contraproducente.

Busquet é un escritor veterano e esta obra demostra a súa capacidade para plantexar argumentos suxestivos; pola súa banda, o labor gráfico de Mejan é irreprochable. Penso que é lícito esixirlle máis a dous autores tan competentes.

martes, xuño 24, 2008

The Authority Vol.3


A trasgresión dalgúns dos límites proprios do cómic superheroico no primeiro volume de The Authority valeulle a Warren Ellis para levar a cabo unha interesante reflexión sobre o xénero. No seu día amosei a miña disconformidade coa opción seguida por Mark Millar para a súa continuación no segundo volume, pero non se pode discutir que hai unha continuidade lóxica entre a súa versión e a orixinal. Nos dous casos asúmese tácitamente que The Authority nen é nen pode ser un supergrupo convencional, que a posta en cuestión da figura do superheroe é consustancial ó seu espírito e que esta vocación reflexiva debe superpoñerse á literalidade da serie.

O terceiro volume da cabeceira (Norma, 2007) supón a renuncia a este sinal de identidade. O tomo recopilatorio contén tres arcos argumentais diferenciados ós que engade o crossover Golpe de Estado no que os Authority comparten protagonismo con Sleeper, Stormwatch: Team Achilles e WildC.A.T.S. 3.0. Hai un número considerable de autores implicados, uns apenas coñecidos (Robbie Morrison, Dwayne Turner, Tan Eng Huat, Carlos D’Anda), outros de sona considerable (Ed Brubaker, Jim Lee, Whilce Portaccio, Joe Casey), pero todos eles coinciden en se manter nun nivel máis que discreto.

Os dous primeiros arcos axústanse a un esquema semellante. Dado que The Authority é un grupo de acción global, tamén o deben ser as ameazas ás que se enfrontan. Así, nestas dúas liñas argumentais debe facerse fronte a senllas invasións entre extraterrestre e interdimensionais, invasións que se xustifican en razóns diversas pero subsumibles baixo unha mesma categoría: porque si. O desenvolvemento e resolución da acción resultan puramente rutinarios, é decir, o contrario do que debe esperarse dunha cabeceira como esta. O seguinte arco argumental introduce un elemento que si podería dar xogo, a relixión. Sen embargo, a historia carece por completo de interese ou orixinalidade, cun esquema argumental proprio dun capítulo do Equipo A (primeiro combate derrota, captura, liberación, segundo combate victoria). En conclusión, non hai nestes 12 capítulos unha soa idea que xustifique de seu a continuación dunha serie que se construiu en torno á idea de procura de novos camiños.

Si parece responder a esta idea o mencionado crossover Golpe de Estado. Esta miniserie, na liña de elevar a magnitude da intervención dos Authority, propón a exacerbación da súa proactividade ata o punto de tomaren o control (político) dos USA. Sen embargo, o conxunto da obra esgótase nesa idea central, sen que a trama se desenvolva en ningún sentido que non sexa o de facer interactuar ós membros de The Authority cos protagonistas das restantes series participantes. O resultado é, máis outra vez, decepcionante.

Entradas relacionadas
The Authority Vol.1
The Authority Vol.2

mércores, xuño 18, 2008

Caderno de Xapón



Hai pouco lía nalgún artigo que, dado que toda viaxe é no fondo unha experiencia subxectiva, a literatura de viaxes non ten moito sentido. Non era unha idea moi elaborada senón apenas un apuntamento que enfiaba co asunto principal dun texto cuxo tema ou autor lamento non lembrar agora. A afirmación é certa pero susceptible de ser invertida. Isto é, dado que toda viaxe é unha experiencia subxectiva, os libros de viaxes teñen perfecto sentido en tanto non aspiren a conferirlle validez xeral ás súas conclusións. Ou dito doutro xeito, teñen bastante menos sentido as guías turísticas, coma obxectivación case normativa de experiencias viaxeiras, que a literatura de viaxes abertamente subxectiva.

Miguel-Anxo Murado parte da modestia vocacional neste seu Caderno de Xapón (Galaxia, 2001) que el mismo define como escolma de sensacións antes que análise estricta de Xapón e a súa cultura. Se hai algo que distingue á prosa de Murado, especialmente cando non escribe ficción, é o posuir unha ollada propria, un xeito xenuino de se achegar á realidade. Repasando as impresións doutros lectores sobre esta obra atopo con certa sorpresa que moitos deles o consideran un libro divertido. Non é que non o sexa, que o é, senón que dalgún xeito considero ese ton irónico e desmitificador moi proprio do autor, ata o punto de dalo por suposto.

Polo demáis, a o escritor axusta a obra ás súas pretensións iniciais, debullando reflexións e anécdotas, mesturando imaxes actuais con visións literarias ou históricas, compoñendo unha panorámica parcial, incompleta, arbitraria. E nesa continxencia de contidos, na intercambiabilidade da orde en que se presentan, no cruce de olladas sobre unha mesma realidade, atopa a obra a súa xustificación última e se ofrece ó lector para o seu desfrute.

Entradas relacionadas – Miguel-Anxo Murado
Ruido, relatos de guerra

martes, xuño 17, 2008

Daredevil: Marcado pola morte – Elektra



A publicación por parte de Panini da etapa de Frank Miller en Daredevil dentro da colección Best of Marvel Essentials permitirame, por fin, ter nun formato homoxéneo e digno o que ata o de agora tiña disperso entre os (deteriorados) cómics en grapa e unha reedición posterior en cartoné de Fórum. Poucos descubrimentos se poden facer en torno á importancia que estes cómics tiveron tanto para a carreira do seu autor como para o devir do personaxe. Pódese dicir que entre un e outro se estableceu unha relación dialéctica de xeito que, ó tempo que remodelaba a figura do heroe e o seu entorno, o autor reconducía a súa propria traxectoria profesional máis aló da popularidade que adquiriu no momento, pasando de debuxante prometedor a artista completo.

Miller conseguiu en Daredevil algo que está ó alcance de moi poucos artistas: canonizar a súa versión do personaxe. As diferencias entre o Daredevil que Miller atopa e o que deixa cando abandona a serie son máis que evidentes. A súa sicoloxía muda, enriquécese, faise máis complexa. Pero tamén o seu entorno (os espazos, os secundarios, os antagonistas) sufre transformacións. O primeiro dos BoMEs, Marcado pola morte (Panini, 2008), demostra, non obstante, que Miller non fixo tabula rasa. Estes primeiros números foron escritos por un eficaz Roger McKenzie que continúa a liña establecida por Marv Wolfman, outro guionista importante para a cabeceira, no sentido de definir a DD coma un heroe esencialmente urbano, emparentado co Batman da competencia ou co sempre desubicado Cabaleiro Lúa (imperfecta resposta Marvel ó Batman de Neal Adams). E porén, a dinámica da serie viña excesivamente determinada por unhas estructuras ancoradas no cliché superheroico. Cada secundario era un estereotipo: Foggy, (o amigo simpático), Heather (o interese romántico) e Betty (a admiradora acomplexada) comparecían en grupo e representaban unha monótona coreografía axeitada ós seus roles As tramas incidían excesivamente no sentido de marabilla que proporcionaban as habilidades dun home que resultaba ser cego nun momento no que o lector comezaba a demandar algo máis que superpoderes para rendirse a un personaxe.

Ben respaldado polas tintas de Klaus Janson, Miller deixou constancia de contado dos puntos fortes do seu debuxo: composición, expresionismo, dinamismo… Os mesmos que, cos anos, depurou ata o extremo e que, combinados coa rudeza anatómica que o caracteriza, fan del un debuxante único. Simultáneamente, foi reclamando máis espazo para si na construcción das historias. Primeiro, parece ser, modificando sutilmente os guións que lle chegaban (de McKenzie, de O’Neill, de Micheleine); despois, gañando para si o posto de guionista.

Aí comeza propriamente o labor de fondo de Miller, coincidindo co segundo tomo, Elektra (Panini, 2008). Fai retroceder ós antagonistas clásicamente superheroicos ós que Daredevil viña de se enfrontar (Hulk, Octopus), recupera a Bullseye, chamado a convertirse no xemelgo malvado do heroe, e dase entrada a Elektra, a muller que transformaría a súa faceta sentimental. É o exceso de congruencia proprio das análises a posteriori o que permite apreciar dende o momento inicial o sentido e a profundidade duns cambios que, en tempo real, transcurriron máis sutil e lentamente. En calquera caso, Miller comezou a deixar a súa pegada dende o seu primeiro momento na serie e, o que é máis importante, conseguiu que a súa visión do personaxe sobrevivise á súa permanencia na cabeceira. O Matt Murdock e o Daredevil actuais son no esencial os que Miller canonizou, no que supuxo o rescate dun personaxe cuxa indefinición ata entón podería terlle deparado un futuro incerto.

E o mellor desta etapa ainda está por chegar.