quarta-feira, maio 26, 2010

Ex Machina: Xogo sucio



Hai algo que non funciona na traxectoria recente de Ex Machina, a cabeceira creada por Brian K. Vaughan e Tony Harris. Hai xa tempo que desapareceu, se algunha vez o houbo, o argumento central do relato, e a serie avanza agora acumulando tramas mal conectadas entre si. O elenco de secundarios ten bastante máis presenza que relevancia, todos eles están estancados mentres o personaxe principal, Mitchell Hundred, ex-superheroe e alcalde de Nova York, segue a ser prácticamente o único soporte da cabeceira. En cada nova entrega lémbrasenos que Kremlin, que fora socio da Gran Máquina, leva meses a conspirar contra el… e aí queda a cousa. Ademais, a vertente política da cabeceira acusa un problema esencial na caracterización do protagonista. De igual xeito que as narracións superheroicas clásicas evitaban ideoloxizar aos seus heroes enfrontándoos a dilemas básicos (o mal polo mal), Vaughan pretende facernos crer que un alcalde pode ser apolítico e resolver os dilemas da xestión municipal a partir do sentido común e sen unha orientación ideolóxica determinada. O propósito é o mesmo nun e outro caso: construir un personaxe políticamente neutro (oxímoron) e polo tanto dixerible para calquera lector. Non deixa de resultar un paradoxo que o que pretende ser unha superación do discurso superheroico tradicional incurra nunha eiva tan elemental daquel. Eiva que, por certo, comeza a superarse xa no tebeo de superheroes contemporáneo.

Compoñen este Xogo sucio (Norma, 2010), oitavo tomo da cabeceira, tres historias. A primeira, un insustancial capítulo autoconclusivo sobre aparecidos e sentimentos de culpa coa cuestión racial como telón de fondo. A segunda, unha trama sobre a persecución de Hundred por unha groupie dos anos superheroicos, non só resulta igualmente irrelevante, senón que carece de sustancia abondo para alimentar os tres capítulos que ocupa. A terceira, a máis interesante, aborda un microproblema político relacionado co Ku Klux Klan (que será tratado, máis outra vez, apolíticamente) e revela certa información do pasado do protagonista. Agradécese e moito neste capítulo a presenza do atmosférico debuxante John Paul Leon. Nos episodios previos, Tony Harris continúa co seu estatismo, co seu forzado fotorrealismo e engade un tratamento gráfico que impide a correcta integración das formas nos fondos, creando problemas de perspectiva en máis dunha ocasión.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Machina: Ex Cátedra
Ex Machina: Apagón
Ex Machina: Malos fumes
Ex Machina: En pe de guerra
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Y o último home: Comos e porqués
Y o último home: Terra nai
Y o último home: Dragóns no kimono
Y o último home: Bonecas de papel
Y o último home: Moza con moza
Y o último home: O anel da verdade
Y o último home: Palabra clave

4 comentários:

Snob Megalove disse...

Concordo. Mágoa que Ex Machina estea a perder o norte cando xa queda pouco para o seu remate. As historias son ruíns, e o tratamento pretendidamente "neutral" da política fica en conservador, conformista e, o verdadeiramente imperdonable, insípido.
Igual que con Y The Last Man, BK Vaughan parece que non sabe manter a calidade nas súas creacións, nin rematalas ben: :-/

Ollo de Vidro disse...

Vaughan demostra ser moito mellor plantexando tramas que desenvolvéndoas; foi o que lle pasou, ao meu entender, en Y the last man: combinaba momentos brillantes con outros moi mellorables. E aínda sinalaría outro problema seu: todos os seus personaxes (Hundred, Yorick e os secundarios dunha e outra serie) falan igual, todos son sarcásticos, todos os diálogos semellan ser un auténtico duelo de intelectos...

Graciñas polo comentario.

Snob Megalove disse...

Iso! Eu non o podería dicir mellor! E para máis inri, eses personaxes tan irónicos e listillos logo sonche puro pan sen sal, todos boíños e cheos de valores e completamente incorruptibles e irreais e aburridos.
Vaia xogada que as cousas máis interesantes (Ser o derradeiro home da terra! Ser o único superheroe do planeta!) lles teñan que pasar aos nachos máis grises!

(E nada ho! Eu comento cando penso que teño algo que aportar, pero son lector fiel deste blog dende hai xa moito tempo!) :-)

Ollo de Vidro disse...

Pois para non deternos, ademáis os personaxes de Vaughan non evolucionan, o que me pareceu bastante flagrante no caso de Y..., que era unha serie que se prestaba para que o personaxe madurara na súa viaxe. O Yorick do capítulo final segue a ser esencialmente o mesmo do primeiro capítulo.

Dito todo isto, eu confeso que sigo a ler a Vaughan porque tamén ten acertos, ainda que non o pareza lendo os nosos comentarios. Sabe provocar dilemas interesantes, sabe deixar ao lector con ganas de máis (en Y... houbo magníficos cliffhangers) e sería magnífico nos diálogos se fose quen de diversificar un pouco as voces dos seus personaxes.

E nada, agradecido polas túas palbras!