sábado, agosto 25, 2007

Eu son lexión: O fauno danzante - Vlad



¿Cantas historias se teñen contado a propósito da busca por parte dos nazis da arma definitiva no seu propósito de conquista de Europa? ¿De cantas actualizacións e revisións ten sido obxecto a figura do vampiro? Da combinación destes dous temas (¿os vampiros como arma definitiva dos nazis? ben, tampouco é tan doado) xurde Eu son lexión, miniserie escrita por Fabien Nury e debuxada por John Cassaday. Este proxecto foi promovido, xunto con outros varios, por DC comics e Les Humanoids conxuntamente, na procura dunha caste de media aritmética entre os comic-books norteamericanos e os álbumes europeos.

Para combatir os tópicos que están no cerne do seu relato, Nury emprega recursos diversos: unha narración fragmentaria, a correcta dosificación da información, un grande número de personaxes... En conxunto, a trama revélase como máis requintada do que podería parecer nun primeiro intre, o cal non deixa de agradecerse. É posible que se fose máis directa e non requerise unha atención considerable por parte do lector, a narración perdería grande parte do seu interese.

Pola súa banda, Cassaday confírmase sen dúbida como un dos mellores debuxantes do mercado americano actual. O seu estilo realista (que non chega a caer no burdo foto-realismo que practican outros autores), a coidada planificación de páxina ou os seus audaces encadres vense claramente favorecidos polo formato dos álbumes, de maior tamaño que o propio do mercado estadounidense. Mención aparte merece o labor de Laura Dupuy coas cores, autora que xa dera mostra dos seu talento xunto a Cassaday en Planetary.

Xa que logo, sen tratarse dunha obra imprescindible, si mantén o interese argumental ó tempo que articula un despregue gráfico de beleza indiscutible. O seguinte tomo será decisivo tanto no peche da trama coma no aproveitamento da potencialidade da serie.

mércores, agosto 22, 2007

Gotham Central: Josie Mac



Rematada a serie regular de Gotham Central, Planeta aproveita ainda o seu tirón (de telo) publicando este volume que recolle unha historia protagonizada por Josie Mac antes da súa incorporación ó departamento de homicidios da central de policía de Gotham City e que aparecera publicada orixinalmente como complemento na colección Detective Comics.

Pese a que o uso da cabeceira de Gotham Central non deixa de ser un engado, o certo é que a historia encaixa con considerable facilidade no tono da serie, o cal é probablemente a maior gabanza que se pode facer a este volume. A trama proposta por Judd Winnick, centrada no secuestro e procura do neto dun capo da mafia gothamita, desenvólvese correctamente e resulta unha lectura agradable, malia que a súa resolución sexa un tanto forzada e a aparición de Batman semelle, máis outra vez, rutinaria. Pola súa banda, o debuxo de Cliff Chiang, ainda que lonxano do dos principales artífices de Gotham Central (Michael Lark e Kano), garda con aqueles unha certa identidade de estilo (o seu Batman semella directamente inspirado no do Ano I de Mazzuchelli), efecto potenciado polas cores de Lee Loughridge.

Xa que logo, o conxunto resulta digno e unha lectura amena, afeitos como estamos a que este tipo de manobras impliquen a materiais de calidade moi inferior.

Entradas relacionadas

xoves, agosto 16, 2007

Coloso: Estirpe



Coa distancia dos anos, non estou seguro de cal foi o motivo polo que de neno desenvolvín unha afinidade cara o personaxe de Coloso. Se cadra foi simplemente que me gustou a súa apariencia metálica; ou se cadra o seu carácter inocente supuña para min un contraste agradable fronte a chulería testosterónica dun Lobezno co que nunca simpaticei. En calquera caso e malia ter tomado parte nas mellores etapas da franquicia mutante e ter sido fonda e agarimosamente definido por Chris Claremont, sempre tiven a sensación de que foi un personaxe relegado a un segundo plano dentro do contexto da Patrulla X. Para colmo, as súas escasas andainas en solitario nunca pasaron de mediocres, en boa medida polas propias características dos proxectos en cuestión. Así, o miniserial integrado no Marvel Comics Presents que protagonizou non podía dar moito de si por unha cuestión de formato, pese o voluntarismo de Ann Nocenti e Rick Leonardi. Por outra, o one-shot que se lle dedicou ó personaxe (coprotagonizado por Meggan, a súa compañeira en Excalibur) tivo como atracción principal, dada a mediocridade do guionista escollido, Ben Raab, os debuxos dun principiante Bryan Hitch.

Estirpe, a presente miniserie de cinco números, editada por Panini nun único tomo, non mellora os antecedentes. A historia tecida por David Hine parte dunha premisa discutible de seu (¿emparentar a Peter Rasputin a.k.a. Coloso co célebre Rasputín da Rusia zarista? ¿pode alguén buscar unha idea máis burda e comodona?) e é desenvolvida de xeito rutinario e indiferente cara a unha conclusión que non aporta nada ó personaxe. O debuxo de Jorge Lucas acusa unha excesiva rixidez e unha certa desorde na composición, mentres a utilización (gratuita, nos máis dos casos) de fondos fotográficos deixa un resultado confuso. A utilización de certos recursos de claroscuro lembran a Mike Mignola, debuxante con que Lucas debería evitar calquera comparación.

En conclusión, dado que a miña achega a este producto carecía do menor entusiasmo, constatar que existían motivos fundados para a miña prudencia resulta doblemente decepcionante.

luns, agosto 13, 2007

Metralla



Son incapaz de enfrontarme a un cómic como Metralla de Rutu Modan sen contemplar o seu estilo gráfico como un handicap. É certo que a autora semella ser consciente das súas limitacións e, consecuentemente, tenta sacarlle o máximo partido ás súas habilidades, potenciando as cores e prescindindo das sombras, sen ir máis aló do que é capaz. Sen embargo, o seu trazo simplista en exceso resta expresividade ós seus personaxes ó tempo que os problemas de composición, de perspectiva e mesmo as desproporcións anatómicas dificultan a fluidez narrativa e fan que a lectura resulte abrupta en máis dunha ocasión.

Xa que logo, a forza desta obra reside no seu argumento. Entendo que construir unha historia que aborde, ainda que sexa como escenario, os frecuentes atentados que teñen lugar en Israel, pode ser un arma de doble filo. Por unha banda, ó interese que pode suscitarlle ó lector este asunto engádeselle a posibilidade de apelar á súa emotividade para facilitar a súa identificación cos feitos narrados. Por outra, unha aproximación pouco coidadosa conleva o risco de caer en maniqueísmos ou sensiblerías baratas. É nese terreo, na construcción da historia, onde os acertos de Modan son máis evidentes. A súa contención permítelle compoñer un relato envolvente, humano e sentimental que en nengún momento resulta artificioso ou afectado e que, por certo, culmina cun imaxinativo final.

Nen a autora de Metralla (pouco coñecida), nen o seu estilo gráfico, nen mesmo o contido da obra a configuran como un producto de viabilidade garantida. É por iso que a agradable edición de Sins Entido cobra un valor especialmente digno de mención.

mércores, agosto 08, 2007

Morreu un home



Kris e Étienne Davodeau relatan en Morreu un home a historia de René Vautier, documentalista francés que en 1950 deixou efémera constancia das reivindicacións obreiras en Brest. A súa historia é a dun mundo que non só non existe xa, senón que parece máis lonxano do que realmente está, e apela cunha franqueza que se estila pouco hoxe ó compromiso social do ser humano en todas as súas facetas.

Así, a exhibición da solidariedade obreira ou da forte, anque ás veces puramente intuitiva, ideoloxización dos traballadores faise estraña nunha época como a actual, na que os idearios políticos optan por diluir os seus contidos e a conciencia de clase dura, en palabras de Vicente Verdú e no mellor dos casos, o que dura a manifestación. A reivindicación da capacidade do cinema para ser vehículo de ideas, da forza da imaxe, da súa inmediatez e o seu alcance contrasta co estado actual do medio, no que a ficción audiovisual destila conservadurismo creativo e mesmo os documentais optan pola estética do video-clip, a distancia irónica ou por fórmulas proprias da telerrealidade. A intromisión da poesía no discurso social contemplaríase hoxe con desconfianza cando non con displicencia.

Nese senso, Morreu un home é unha obra tan directa que pode parecer tosca. Mesmo a súa factura narrativa e gráfica incide nesta idea: linealidade, austeridade formal, ausencia total de efectismo, composicións de páxina tan clásicas que lembran á liña clara… A forza do álbum reside, paradóxicamente, no recurso a contidos e formas que se dan xa por liquidados e que, postos ó servizo dunha historia humana e real, demostran seren ainda hoxe merecedores atención.

Pode obxectárselle á obra que o seu idealismo se achega á inxenuidade ou o risco de que, dado o seu distanciamento coa realidade contemporánea, só poida ser interpretada como testemuño dunha época lonxana e superada. Sen embargo, nengunha das súas eivas ten entidade abondo para entorpecer a forza que desprenden as suas páxinas. Mención especial para a sensacional edición de Ponent Mon.

xoves, agosto 02, 2007

Señor Jean: Hora de facer balance



Botando unha ollada atrás, un decátase ata que punto a evolución da serie do señor Jean viu determinada pola evolución do propio personaxe. Nos primeiros álbumes o protagonista era un escritor novo, con querencia por unha bohemia chic e aburguesada e non exactamente reacio, senón máis ben alleo, á idea de compromiso sentimental. Nestas primeiras historias, especialmente nas que compoñen o primeiro volume, o tono da serie estaba ainda, en boa medida, por definir. De aí en adiante foron perfilándose os rasgos que terminarían por caracterizar á serie, o proceso de maduración do personaxe e as resistencias e inseguridades deste, representadas habitualmente mediante imaxes oníricas, a imaxe distorsionada del mesmo que ven a ser o seu amigo Félix, a vida en parella, a paternidade…

Hora de facer balance é cronolóxicamente o sétimo volume da serie, o sexto que publica Norma. Dupuy e Berberian avanzan na liña marcada en entregas anteriores sen excesiva orixinalidade nos seus plantexamentos, pero sen desmerecer tampouco a amenidade á que nos teñen afeitos. É probable que os autores se concentren en buscar a identificación dos lectores de trinta anos e se absteñan de enfiar unha historia algo máis elaborada, como a viaxe de Jean a Portugal no tomo Noites en vela. De igual xeito, é indiscutible o grao de mestría gráfica que demostran ambos, tanto neste volume como nos anteriores. En definitiva, non sei se será unha debilidade persoal ou simplemente que encaixo no perfil de lector ó que se dirixen os autores, pero o feito é que nunca ata agora me decepcionou a lectura dun novo capítulo desta serie.

venres, xullo 20, 2007

Profesor Bell: Os bonecos de Xerusalén



Á miña confesa predilección por Joann Sfar debo engadir a debilidade que sinto, dentro das súas creacións, polo Profesor Bell. Son tantos os arquetipos ós que apela este personaxe que a súa ascendencia se dilúe nunca multitude que participa no esencial da narrativa fantástica e policial do XIX, pero tamén dos pulp do século pasado ou da máis recente reconstrucción (ou deconstrucción) posmoderna daqueles mitos.


Os bonecos de Xerusalén, segunda entrega da serie, reúne os elementos que sostiñan o episodio anterior, O mexicano de dúas cabezas, isto é, unha intriga entre policial e esotérica conducida cun alento un tanto irracional e con mostras dun sentido do humor caústico e penetrante. Ó anterior engádese, neste capítulo, un dos temas recurrintes na obra de Sfar e que, tratándose dun relato cuia acción se traslada a Jerusalén, non podía permanecer ausente: a relixión. O conxunto é unha obra animosa e desmitificadora, na que a solemnidade de figuras fantasmais e demoníacas se ve corroída pola distancia irónica e cuio espíritu lembra por intres a outra obra esencial do mesmo autor, A mazmorra.


No aspecto gráfico, o traballo de Sfar presenta unha factura algo máis coidada do que adoita. O trazo inacabado e un tanto desleixado propio das súas creacións máis recentes contrasta coa liña precisa, estructurada e ben definida desta obra, máis convencional se se quere, pero tamén de lectura máis doada.

sábado, xullo 14, 2007

Top 10



A invasión dun apartamento por unha colonia de super-ratos é combatida mandando unha manada de super-gatos ó contraataque. Da colisión entre ambas especies xurde un crossover de crises e guerras segredas que termina por afectar ó tecido temporal, mudando a continuidade e facendo que a familia afectada non queira pagarlle ó exterminador, por non lembrar nada do acontecido. Un exemplo do sentido do humor que destila o Top 10 de Alan Moore, irónico e intelixente, xenuinamente británico, un tanto distante e, en calquera caso, só apto para lectores cunha bagaxe previa.

Moore eleva a norma o extraordinario creando un universo no que todo o mundo é un superheroe con pixama. A partires de aí, os policías dotados de superpoderes da comisaría de Top 10 non deixan de ser xente normal que debe afrontar casos policiais comúns. Todo indica, nun principio, que non hai mensaxe alén do paródico: un mundo estrafalario e excesivo, un mosaico no que o lector pode empregarse a fondo na pescuda de referencias e homenaxes, e unhas aventuras sinxelas, tan enxeñosas como aparentemente intrascendentes.

Sen embargo, as distancias longas benefician á serie. Cando un chega á altura do décimo capítulo as tramas que parecían inocuas comezan a tomar forma ó servizo de fins superiores. Personaxes que resultaban case grotescos amosan agora un perfil ben definido e o lector, este lector cando menos, sorpréndese de se identificar con eles. O que parecía un mero xogo paródico adquire un tono máis serio sen necesidade de renunciar ós seus sinais de identidade.

Anque Moore traballou en productos de xénero (ciencia ficción, superheroes, terror), a súa tendencia natural parece ser a de interpoñer unha certa distancia e xogar coas convencións dos mesmos. Un xogo como éste, consistente en facerlle explícitas ó lector as costuras do medio, non resulta doado. De feito, á intelixencia e capacidade analítica imprescindibles para levar a cabo proxectos deste tipo hai que engadirlle unha considerable dose de talento para non caer nunha certa asepsia. Sen abandonarmos a producción de Moore, unha obra tan indicutible como Watchmen trunfa no terreo emocional sen perder forza como disección (¿autopsia?) do xénero superheroico; pola contra, un traballo tan apreciable como Supreme funciona só como exercicio de estilo, sumamente elegante e mesmo revelador, pero virtualmente incapaz de implicar emocionalmente ó lector.

Top 10, non estando á altura das obras mestras de Moore, consegue sobrepoñerse á súa vocación meramente lúdica e ofrecer momentos brillantes non só no enxeño devaluador propio da ironía, senón tamén na defensa duns personaxes e tramas cos que, en última instancia, o británico semella amosar un indiscutible cariño polo xénero superheroico. O resultado é unha pequena marabilla, unha obra que require paciencia e unha certa madurez para poder ser disfrutada ó máximo.

A definición gráfica da serie corre a cargo dun Gene Ha prometedor pero, daquela, con defectos evidentes. Poucas obxeccións se lle poden facer ó seu labor no deseño de personaxes, sendo quen de dotar de dignidade ó que noutras mans podería non pasar de simplemente extravagante. Sen embargo e malia a mellora que evidenciaron traballos posteriores, resultan frecuentes nesta obra problemas coas perspectivas e coa definición espacial que veñen a dificultar a súa lectura en momentos concretos.

xoves, xullo 05, 2007

Solo: Darwyn Cooke



Encomiable iniciativa a de DC comics coa súa serie Solo, na que se poñen 48 páxinas a disposición dun artista para que desenvolva con total liberdade creativa (poñéndolle os debidos matices ó adxectivo “total”) as historias que desexen, con ou sen personaxes da editorial. Pola súa banda, Darwyn Cooke é un valor en alza dende a súa volta ó medio, tras un tempo traballando en animación. Á súa indiscutible excelencia gráfica hai que engadir un considerable talento como escritor, ben representado en obras como O grande golpe de Selina ou especialmente DC: A nova fronteira.

Dito isto, non podo ocultar unha certa decepción co traballo de Cooke en Solo, dada a evidente asimetría entre a calidade gráfica e a argumental. No que ó debuxo se refire, o traballo de Cooke pode calificarse de auténtico alarde. A variedade de estilos, a perfecta composición, a mestría narrativa, o uso da cor, do claroscuro, etc, compoñen case un manual de recursos para debuxantes. As súas planchas invitan a unha contemplación demorada e recurrinte, atenta ós detalles, ós cambios de rexistro.

Sen embargo, a irregularidade das historias ven a estragar considerablemente o resultado final. A narración titulada Deja vu, protagonizada por Batman, na miña opinión a mellor do caderno, constitúe un bo exemplo do pouco que se precisa para aproveitar ó máximo o talento do autor. Trátase dunha historia lineal e simple, sen apenas contido literario, que o bo facer narrativo de Cooke troca nunha pequena xoia de precisión e coñecemento das entranas do medio. Sen embargo, nengún dos restantes capítulos chega a este grao de perfección. A historia A xanela do mundo, de contido aparentemente autobiográfico, non pasa de tenra e agradable, de igual xeito que Tolemia cotiá ou as Tiras cómicas se quedan en simplemente simpáticas; pola contra, O Rei de América (narración protagonizada por King Faraday e integrada na realidade de A nova fronteira) e The question (protagonizada por... The Question, claro) resultan abertamente decepcionantes. Por todo isto, o que se cadra cómpre para un mellor disfrute deste traballo é unha rebaixa das expectativas, especialmente no que atinxe ó contido argumental.

Entradas relacionadas
DC: A nova fronteira

martes, xullo 03, 2007

Sleeper: Todo é mentira - Unha liña borrosa



A pesares de tratarse de dous tomos consecutivos hai unha grande diferencia entre o segundo e o terceiro arco argumental da serie Sleeper. O primeiro deles, Todo é mentira, desenvolve o plantexamento inicial da serie e o leva á sua conclusión parcial co peche do primeiro volume e un sutil cambio de estatus do protagonista. Grande parte do interese da serie pivota en torno á súa suxerente premisa: Holden Carver, axente infiltrado nunha organización criminal queda á súa sorte cando a única persoa que sabe da súa condición de axente doble cae en coma. O instinto de conservación, o coñecemento íntimo do inimigo e o rancor cara quen o puxo nunha posición tan complicada lévano a cuestionarse as súas lealdades, nun proceso contradictorio que se complica a medida que na organización criminal medran as sospeitas de contaren cun infiltrado nas súas filas.

Ed Brubaker desenvolve con pulso firme a potencialidade deste escenario e faino co bo criterio de non prolongar as situacións máis do debido. As dúbidas de Carver e a súa posición ambivalente resólvense no número 12 da serie orixinal, capítulo final deste primeiro tomo e punto de partida para a segunda etapa da serie. Malia a dar por finalizada unha premisa que funcionaba correctamente, paréceme atinada a idea de non prolongala en exceso e, pola contra, someter á serie a unha evolución proveitosa.

Unha liña borrosa é o primeiro arco desta segunda etapa no que, co escenario, muda considerablemente o tono da serie. Perde forza o enfoque de xénero negro ó tempo que se lle da entrada a elementos ata entón prácticamente ausentes, como algún concepto de ciencia ficción. O resultado é, como a liña do título, un tanto difuso, perdendo a serie boa parte dos seus rasgos de identidade e caendo nunha certa indefinición. Conserva, iso si, a ollada cáustica e socarrona sobre as convencións superheroicas, explicitada nesas orixes dos personaxes narradas en terceira persoa.

O que se mantén inalterado dun a outro volume é o labor de Sean Phillips no debuxo, inconmensurable na tarefa de responder gráficamente ás esixencias do guión. Unha ollada ós traballos anteriores deste artista pon de manifesto ata que punto altera o seu estilo, especialmente no deseño de páxina, para dotar á serie dunha imaxe de seu.

Entradas anteriores
Sleeper: Á súa sorte