martes, outubro 30, 2007

Y o último home: Dragóns no kimono




Un dos problemas principais do mainstream norteamericano é o ter incorporado as esixencias de rentabilidade inmediata ó seu proceso creativo, so pena de relevo (eufemismo para despido) para os equipos artísticos que non cumpran as expectativas. Dende o punto de vista da calidade do producto, a experiencia ten demostrado abondo que é o caso contrario, a longa permanencia á fronte dunha cabeceira, a que garante os mellores resultados. Y o último home é unha serie que foi plantexada como de duración limitada pero a longo prazo. O seu creador, Brian K. Vaughan, sinalou en múltiples ocasións que narraría a historia de Yorick nun mundo sen homes ó longo duns 60 números, prazo que está a piques de cumplirse en USA (por certo, que os informes que chegan de aló verbo dos acontecementos finais son óptimos). É certo que, de non ter sido unha serie moderadamente exitosa, non podería ver cumprida a súa pretensión, pero resulta indiscutible que ter a posibilidade de desenvolver unha idea a longo prazo permite o despregue de estratexias narrativas ás que cada día estamos menos afeitos.

O presente volume, Dragóns no kimono, relata a estadía de Yorick e a súa cofradía en Xapón, anque o interese principal da trama radica na indagación das orixes de dúas das secundarias máis importantes da serie: a doutora Mann e a némese de Yorick, Alter. Apenas uns capítulos atrás fixérase o proprio co outro personaxe esencial da serie, 355. Todo isto acontece cando a cabeceira alcanza o seu número 40, o cal indica que esta información non era absolutamente imprescindible para o seu curso. Sen embargo, tendo a oportunidade de facelo, confíreselle ós personaxes unha profundidade da que carecerían de non ser así.

Algo semellante podemos dicir do labor de Pía Guerra. Ó longo destes capítulos temos asistido prácticamente ó seu cociñado como artista, dende uns principios onde se deixaba sentir a súa inexperiencia, ata o momento actual, no que dá mostras dunha seguridade incuestionable. Xa teño sinalado en máis dunha ocasión que a evolución da artista no decurso da serie era máis que evidente. Probablemente, éste sexa o primeiro tomo no que os seus debuxos pasan de ser correctos a plenamente disfrutables, ata o punto de que se lle bota en falta cando a sustitúe un Goran Sudzuka ó que, por outra banda, tampouco se lle poden poñer moitas obxeccións. A nocturnidade da trama e os numerosos flashbacks conceden importancia á coloración, correctamente executada por Zylonol (?).

¿Cando sairá o próximo volume? Sexa cando sexa, chegarame tarde.

Entradas relacionadas - Y o último home
Entradas relacionadas - Brian K. Vaughan
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia



luns, outubro 22, 2007

Preguiza



Preguiza semella ser unha historia sobre o desaxuste que se produce ó vivir o vértixe da adolescencia nun contexto inaxeitado. Situada nunha pequena localidade estadounidense na que a vida transcurre lentamente, os mozos protagonistas ven como un contaxioso estado de coma dificulta o normal exercicio das inquedanzas proprias da súa idade (o sexo oposto, a música, a arela de superar o seu contorno inmediato), reducíndoos a un antinatural estado de preguiza.

A historia non só introduce deliberadamente elementos fantásticos ou esotéricos, fundamentalmente cun campo de limoeiros coma espazo fantasmagórico, senón que xoga ó cambio de personalidade entre os personaxes cuns xiros narrativos que lembran ó cinema de David Lynch. A obra non é, xa que logo, perfectamente explícita, anque si pon ó alcance do lector a información precisa para encher os ocos da trama.

A simplicidade do trazo de Gilbert “Beto” Hernández semella máis un imperativo do seu estilo gráfico que unha opción libremente escollida. Sen embargo, posúe a experiencia e o oficio precisos para encauzar e deixar fluir debidamente a historia. O resultado é unha obra de lectura agradable sempre que se esté disposto a aceptar a existencia dalgunha sombra de dúbida sobre os feitos narrados.

xoves, outubro 11, 2007

Midnight Nation



Norma reedita nun volume único esta serie limitada escrita por J.M. Straczinsky e debuxada por Gary Frank. Comezando por este último, debo dicir que é un artista que, con todas as súas limitacións, me gusta. Os seus cómics sempre resultan de lectura fluida, o que nos conduce a un factor que en moitas ocasións pasa inadvertido, a correcta planificación de páxina e o dominio da técnica narrativa. Tamén é notable a súa mellora na definición e expresividade facial dos personaxes, aspecto este que explota considerablemente na obra que nos ocupa. Todo o anterior, canda unha evidente evolución se comparamos os seus traballos actuais coas súas obras primeirizas, superan con moito, ó meu entender, os seus puntos febles: un certo estatismo das figuras e algunhas desproporcións anatómicas.

Será por ter en mente o pasado de Straczinsky como guionista para televisión, pero Midnight Nation ten toda a apariencia de ser un proxecto de teleserie reconvertido en cómic. A idea, a estructura e desenvolvemento da historia semellan acomodarse mellor ós caracteres da serialidade televisiva que ós proprios da banda deseñada. Concebida coa estructura clásica dun road trip, a obra parece beneficiarse do seu formato unitario, en boa medida porque a trama avanza cunha lentitude excesiva. Tratándose dunha viaxe que dura un ano, os acontecementos narrados resultan exiguos, o cal ven a traducirse nun problema de ritmo que en cadencia mensual debería resultar ainda peor. O seu punto forte é probablemente a coherencia da trama, que na súa resolución elude eficazmente as trampas na que adoitan caer esta caste de narracións. Agora ben, tratándose dunha viaxe interior e, digamos, de tipo espiritual, o que menos me agradou foi ese verniz new age que ven a compoñer a xustificación de fondo da peripecia. Xa que logo, a obra resultoume en conxunto unha lectura irregular anque con algunhas virtudes.

Salientar que a recopilación incorpora un decimoterceiro capítulo a inserir nalgún punto intermedio da singladura dos protagonistas e que, se cadra, só pode interpretarse coma unha homenaxe ó Sandman de Neil Gaiman, ó recuperar invariado o concepto (por outra banda típicamente borgiano) da Biblioteca de Lucien. O feito de ser Michael Zulli o ilustrador acrecenta o efecto e dota de interese a este capítulo perdido, polo demáis, prescindible.

domingo, outubro 07, 2007

A maldición do paraugas



Anecdotario persoal. Hai dous anos, de visita en Montreal, comprobei con certa sorpresa que se estaba a celebrar alí unha Feira do Cómic; apenas entrei na carpa atopei a un tipo só, sentado nunha mesa tras un carteliño no que podía lerse Lewis Trondheim. Saudeino, falei con el uns intres (foi moi amable comigo) e despois marchei sentíndome algo marciano: atravesar o Atlántico para atoparme “casualmente” cun autor francés en Canadá...

Coñecía entón a Trondheim principalmente por A mazmorra, serie na que a súa ollada humorística interaccionaba coa de Joann Sfar. Sendo dous autores con tanta personalidade o resultado era certamente peculiar e difería de As miñas circunstancias, obra autobiográfica que poderiamos considerar antecedente deste A maldición do paraguas. Naquela, Trondheim amosaba un sentido do humor cáustico e corrosivo, permanentemente inconformista anque sutil e brillante. A maldición... supón unha evolución cara un tono máis optimista anque conserve o seu alento irónico. Menos lineal na narración, a obra céntrase no anecdótico e ás veces nen sequera pretende resultar divertido, senón simplemente reflectir algún suceso cotián.

Dende o punto de vista gráfico, tanto a acertadísima utilización das cores coma a estructura de páxina (unha anécdota por páxina coas imaxes sen encadrar en viñetas) contrarrestan o estilo desleixado proprio do autor. O conxunto é unha obra de lectura agradecida, con momentos especialmente lúcidos e que se disfruta máis na medida en que o lector se vai afacendo ó orixinal sentido do humor do autor.

sábado, outubro 06, 2007

Ex Machina: En pe de guerra



A pesares da súa orixinalidade e consistencia, a serie Ex Machina de Vaughan e Harris non deixa de plantexar algún problema. A súa vocación é a de ter un pe no contexto superheroico e outro fóra del, o cal abre certas posibilidades e limita outras. Así, cando os guións de Brian K. Vaughan se centran en aspectos políticos, o sustrato pixameiro funciona coma unha anclaxe que lle impide sumerxirse alén dunha certa profundidade. Pola contra, os anacos de historia que retoman o pasado superheroico do protagonista non deben abandonarse ós tópicos do xénero, so pena de desnaturalizar a cabeceira. É por iso que a serie é ás veces víctima da súa propria condición híbrida.

O cuarto tomo da serie que ven de publicar Norma pode constituir un bo exemplo do anterior. Na primeira das historias, En pe de guerra, prima a compoñente política, plantexando a cuestión, clásica e actual a un tempo, do equilibrio entre seguridade e liberdade. A segunda, Vida e morte, ainda que tendo como trasfondo a pena de morte, supón a maior achega, no que ata agora se viu publicado, a unha historia clásica de superheroes. En conxunto, non deixa de parecerme que os dilemas políticos plantexados resultan tópicos, en boa medida previsibles e, por tanto, superficiais, e o que é peor, entorpecen o desenvolvemento argumental. Pola contra, a trama superheroica resulta a priori agradecida: a Grande Máquina atopa a súa némese, dotada tamén de superpoderes. Sen embargo, supeditándoa a un debate tan estereotipado coma o da pena de morte, a sensación final é de insatisfacción.

No que atinxe ó labor gráfico de Tony Harris, pouco que engadir ó dito respecto de entregas anteriores. Sucede que neste volume, os dous últimos capítulos están debuxados polo xenial Chris Sprouse, que aquí disimula o seu estilo de xeito que apenas se alonxa do do seu predecesor. De feito, o que máis claramente sinala as diferencias é a desaparición da hiperexpresividade facial e das posturas excesivamente forzadas proprias de Harris, o cal resulta moi de agradecer e marca un camiño que o debuxante habitual da serie debería considerar.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Y o último home: Bonecas de papel
Y o último home: Moza con moza
Y o último home: O anel da verdade
Y o último home: Palabra clave

sábado, setembro 29, 2007

¿Por que matei a Pierre?



Coido que non estrago nada se adianto que ¿Por que matei a Pierre? é unha historia sobre o abuso a menores. Vaia por diante que non adoito gostar deste tipo de historias, básicamente porque os dilemas que plantexan déixanlle ó lector pouca capacidade de elección. ¿Que actitude se pode manter fronte un caso de pederastia que non sexa a de noxo e rexeitamento? ¿Que retrato dun maltratador se pode levar a cabo que explique unha atrocidade tan inxustificable? É por iso que a miña achega a esta obra contaba con certas reservas.

Debo dicir que a vontade de Alfred e Olivier Ka de alonxarse do camiño doado é patente dende o inicio da historia, plantexada máis coma reconstrucción psicolóxica que coma narración pura. Os autores eluden con eficacia tanto a tentación dun dramatismo excesivo coma a descripción maniquea dos feitos, sen caer nunha equidistancia que tampouco semella posible ou desexable. Por outra banda, a figura da víctima preséntase como tal, pero o suficientemente enteira e complexa para non reclamar para si unha compaixón ou paternalismo excesivos. O equilibrio resultante semella complicado e, por tanto, meritorio.

Resulta especialmente salientable a constante procura de solucións gráficas orixinais, próximas á experimentación, como vehículo que permite a exteriorización da traxectoria interior do autor/protagonista. É precisamente esa busca de expresividade, traducida nunha utilización sensata e planificada de recursos narrativos, o que máis me fixo disfrutar da lectura desta obra.

martes, setembro 25, 2007

Tintín e o segredo da literatura



Plantéxase Tom McCarthy en Tintín e o segredo da literatura se a obra de Hergé pode considerarse ou non literatura. O mero plantexamento non deixa de ser retórico xa que o feito de levalo a cabo (e non propoñer, por exemplo, se pode considerarse cinema ou pintura) denota que o autor pensa que si o é. E mal porvir para a lectura cando o lector, neste caso eu, se nega mesmo a entrar no debate mantendo a postura contraria.

É obvio que Tintín, agromando todas as influenzas literaria que se queiran, non é literatura. É cómic, tebeo, historieta, bd, chámese como se queira. Éo debido á conxunción de recursos literarios e gráficos con fins narrativos. Só mantendo un concepto desmesuradamente difuso do que é literatura pode ésta comprender a un cómic. E iso é o que fai McCarthy, apelando arbitrariamente a unha definición de literatura extraída do S/Z de Roland Barthes que, descontextualizada (Barthes non fai mención á cuestión formal porque a da por suposta: o que se propón é desentranar por que as instruccións dun aspirador non poden considerarse literatura), semella definir máis ben “narración” ou “relato”, de xeito que caben nela cómics, películas e mesmo videoxogos. Primeira trampa.

Segunda trampa, McCarthy ábrelle a porta literaria a Tintín e péchaa unha vez que éste pasa. Recoñece que outras moitas obras e autores reúnen características equivalentes ás das aventuras do reporteiro do mechón (de cara á súa inclusión nese magma literario que el mesmo desparramaou) pero mantén (sen explicarse) que a obra de Hergé “non foi ainda superada” o que, nos seus vaporosos parámetros, abonda para excluir a calquera outra bd (ou película, ou serie de TV, ou...) da condición magmático-literaria.

E como dirían Hernández e Fernández, eu ainda diría máis: a tese de McCarthy pretende dignificar a obra de Hergé, liberala dunha categoría que o autor considera infantil e menor (así se deduce de certos comentarios que o autor deixa aquí e acolá) e elevala a unha instancia que el contempla como superior. ¿Complexo, ignorancia, as dúas cousas?

O reduccionismo do autor faise especialmente palmario cando comprobamos que, en toda a extensión da súa obra, resulta imposible atopar un só comentario relativo ó labor de Hergé como ilustrador, unha soa referencia ó aspecto gráfico da serie. Lóxico, só cunha venda nos ollos pode manter a súa tese.

O peor é que a cuestión literaria de Tintín ocupa apenas as 40 primeiras páxinas do texto. De aí en adiante McCarthy emprégase nunha orxía deconstruccionista repleta de citas a Derrida e Freud que lle vale para extraer interpretacións pintorescas do universo de Tintín: ó capitán Haddock, descendente ilexítimo de Luis XIV (?), como o propio Hergé que podería tamén descender da realeza (??), gústalle realmente como canta Bianca Castafiore (???), muller que adoita deitarse cos seus admiradores a cambio de xoias (????) e cuia esmeralda representa o seu clítoris (?????). O delirio remata cunha descripción autocompracente dun proxecto de ópera baseado n’As xoias da Castafiore. Bravo.

Unha mágoa que a agradable edición de El tercer nombre se desperdicie nun libro tan escaso de rigor como abondoso en verborrea valeira.

luns, setembro 24, 2007

Crise Infinita



Resulta evidente que, falando da construcción coherente (non digamos xa interesante) dun crossover, a dificultade é maior cantos máis series e personaxes se vexan involucrados nel. De igual xeito, que o evento se ordene a unha finalidade que vai alén da propia historia (por exemplo, redefinir ou, cando menos, remodelar un universo) supón igualmenmte una dificultade engadida. É por iso que o, dende o meu punto de vista, incontestable fracaso creativo de Crise Infinita pode xustificarse en boa medida nas súas propias características.

Agora ben, é probable que o meirande erro deste crossover radique na súa apelación constante ás Crises en Terras Infinitas de Wolfman e Pérez. E é que aquela maxiserie dos 80 afrontaba unhas limitacións semellantes e conseguía sair triunfante das mesmas, dando lugar a unha serie que, nas súas características, non foi superada ata hoxe. A explicación deste resultado é tan simple como o talento dos seus creadores, un Marv Wolfman nos seus mellores anos e un George Pérez en estado de gracia. Pode engadirse un factor que falta na serie que agora nos ocupa, o espacio: Wolfman e Pérez tiveron todo un ano, doce números, para definir a súa historia, fronte os escasos seis capítulos da actual.

O feito de ser a conclusión daquelas “Crises” a premisa inicial desta nova “Crise” da lugar a unha comparación constante e inevitable, acentuada por certos paralelismos deliberadamente establecidos polo escritor desta caste de secuela, Geoff Johns, (anque pode tratarse dunha imposición editorial) e mesmo pola elección como artífice gráfico da mesma a Phil Jiménez, debuxante cuio trazo resulta debedor de George Pérez.

Xa que logo, a Crise Infinita reclama constantemente unha comparación que o único que fai é poñer de relevo as súas eivas. A mutación dos caracteres dos personaxes que inician a crise (Alexander Luthor, o Superman de Terra 1 e o Superboy de Terra Prima) é evidente; xurde de aí unha trama que repite os puntos clave da crise referente pero sen chegar a desenvolvelos, descansándose nos acontecementos das series regulares e, por tanto, descapitalizando a serie matriz; o desenvolvemento é confuso e, sobre todo, aburrido; a conclusión carece de dramatismo e case de interese. Nen sequera se puido manter a unidade no apartado gráfico, no que houbo que recurrir a varios debuxantes ademáis de Jiménez, algúns deles, por certo, cunha calidade inferior ás pretensións deste evento.

Por se fose pouco, a edición de Planeta intercala en cada número un capítulo dalgunha serie que non é a da cabeceira principal, no que supón unha palmaria falta de confianza no propio producto, ademáis dunha falta de respecto cara os lectores.

Entradas relacionadas
Crise de identidade

venres, setembro 14, 2007

Sleeper: O longo camiño a casa




Conclúe neste cuarto tomo a serie Sleeper, que Ed Brubaker e Sean Phillips conduciron con pulso firme ó longo de 24 números, e o mellor que se pode dicir é que o punto final sinala un dos puntos álxidos dunha cabeceira que mantivo un índice de calidade envexable durante a práctica totalidade da súa traxectoria.

Apunta Brubaker no epílogo que dende a súa concepción, a historia de Sleeper non estaba pensada para durar indefinidamente. Explica a seguir que o segundo ano da mesma permitiulle explorar máis detidamente aspectos que quedaran sen desenvolver nos 12 primeiros números. E ese é, con toda probabilidade, un dos acertos da serie, que a súa extensión resultou ser o suficientemente longa para tirarlle todo o partido a un núcleo de personaxes perfectamente definidos sen chegar a prolongar en exceso as tramas.

O longo camiño a casa retoma o tono inicial da serie, logo do cambio de orientación co que comezara o segundo ano da mesma. Voltamos á indefinición do axente doble, incapaz de escoller entre o malo e o peor, envolto nun novelo de intereses, sentimentos e ideais contradictorios do que non é posible sair indemne. Só que agora a trama se precipita cara a súa conclusión, situando ó autor no compromiso de desfacer congruentemente o que se ensarillou concienzudamente. E aí é onde, máis outra vez, Brubaker demostra non só que é un dos mellores escritores do momento, senón ademáis que o xénero negro non ten segredos para el. O desenlace resulta plenamente coherente coa liña descrita pola serie, tanto no argumental coma nas intencións, situándose nunha irónica equidistancia entre o final feliz e o seu oposto. Ademáis, e malia terse manifestado noutro sentido, Brubaker deixa os xoguetes no armario perfectamente accesibles por se algún día quere volver xogar con eles. Brillante.

Non podo deixar de gabar, como fixen nos tomos anteriores, o traballo de Sean Phillips, cuia imprescindible cooperación no apartado gráfico fai posible que todo, tamén o visual, encaixe á perfección.

Entradas relacionadas – Sleeper
Sleeper: Todo é mentira – Unha liña borrosa
Sleeper: Á súa sorte

Entradas relacionadas – Ed Brubaker
Gotham Central: Corrigan II
Gotham Central: Robin morto
Gotham Central: O alquimista
Gotham Central: Corrigan
Gotham Central: Caso sen resolver
Gotham Central: A vida está chea de decepcións
The Fall

luns, setembro 10, 2007

O bulevar dos soños rotos



Curiosísima e altamente recomendable esta obra de Kim Deitch que ven de publicar La Cúpula. O bulevar dos soños rotos achégase ó mundo da animación infantil, tan inocente e políticamente correcto a día de hoxe, cunha óptica distorsionante e vitriólica que pode entenderse como crítica pero que despide igualmente unha indiscutible tenrura. A presenza fantasmal dun gato falcatruán, unha caste de reverso maligno do Gato Félix e demáis felinos animados da época, constitúe o fío conductor dunha trama na que se analiza a evolución dos estudios de animación de Norteamérica dende as orixes da animación infantil ata os anos 90.

Un primeiro argumento a prol desta obra é o seu espléndido debuxo. Deitch parte da síntese propria da animación da época, aqueles debuxos en branco e negro nos que Mickey se chamaba ainda Mortimer, e engádelle un acabado próximo ó underground americano de Crumb ou Clowes. O resultado consegue ser duro e tenro a un tempo, un escenario repleto de achádegos visuais sutilmente desacougantes, no que as figuras fantasmagóricas exceden os límites das viñetas e invaden a realidade dos personaxes mentres éstes semellan facer o propio respecto do lector.

Así funciona esta obra, coma metáfora da súa propria tese e demostración de que, como plantexa a trama, a animación hoxe hexemónica é continxente, resultado dun proceso histórico no que se desbotaron outras opcións. Deitch personifica no gato Waldo a súa alternativa, alternativa que resulta ser suicida, ó conducir ó fracaso e mesmo á neurose a aqueles nos que se deixa sentir a súa influenza.

Acerto indiscutible de La Cúpula coa publicación desta obra, máxime se consideramos a correcta calidade da edición. Agardemos que non sexa a derradeiro traballo deste autor que vexamos publicado.