domingo, maio 04, 2008

Estraperlo e tranvía



Salientar hoxe a importancia histórica do TBO para a banda deseñada española é pouco menos que unha obviedade. E sen embargo, a maioría dos creadores que difundiron a súa obra dende aquelas páxinas son hoxe tan anónimos como o eran daquela, por máis que algunhas das súas creacións pervivan no imaxinario colectivo. Agora, que tanto se fala de dignificación e normalización do medio, de equiparación en termos de consideración social en canto o seu valor cultural, faise especialmente patente a falta de recoñecemento duns autores que desenvolveron o seu indiscutible talento cunha enorme profesionalidade mesmo inconscientes do valor artístico da súa obra, que era contemplada coma un simple divertimento para cativos. Penso nos autores do TBO e das demáis revistas da época, pero tamén na posterior escola Bruguera, igualmente falta de recoñecemento social e popular (agás o afortunado caso de Ibáñez). Coido que non hai que ser un devoto da BD nen un semiólogo especialmente espilido para decatarse de ata que punto aqueles tebeos, nos que o ánimo lúdico apenas deixaba espazo para a crítica social, ofrecían un particular retrato da sociedade á que se dirixían. Existe algunha achega crítica especialmente notable pero a grande homenaxe, a entrada daqueles artistas no hall of fame da cultura popular predemocrática segue pendente. E a súa obra está aí (esa e outra, ¿onde está? ¿quen posúe os dereitos de edición? ¿onde están os orixinais? ¿son accesibles, non xa para unha reedición, senón cando menos para unha revisión crítica?) para quen queira estudala.

Alfonso López rinde en Estraperlo e tranvía (Ediciones B, 2007) o seu particular tributo a aqueles tebeos do pasado como fixera xa no seu día co Capitán Trono. Como reza a portada deste álbum, estamos ante unha historia longa protagonizada pola Familia Ulises, creación de Marino Benejam que acadou a popularidade dende as páxinas do TBO. A peculiar recreación de López exterioriza boa parte do discurso soterrado daqueles tebeos da posguerra e do franquismo posterior. O mundo que alí se intuía amósase aquí explícitamente: a fame, a moral social imposta, as aspiracións frustradas da clase media, mesmo o antifranquismo, os maquis e a represión guerracivilista. É a ollada contemporánea sobre aquel mundo, na que o evidente agarimo de López cara os personaxes (ós que engade un elenco de secundarios pertencentes á escola Bruguera: as irmás Gilda, dona Urraca, Carpanta, Zipi e Zape…) predomina sobre a lectura política e permite compoñer unha historia melancólica e inxenuamente optimista. Eran tempos tristes, semella querer dicir o autor, tempos de “estraperlo e tranvía” (cita dunha canción de Serrat), pero finalmente os Ulises e tantas outras familias (tamén as nosas), conseguiron sair adiante.

venres, maio 02, 2008

O que o vento trae



Non lía nada de Jaime Martín dende aquel Sangue de barrio tan alonxado no tempo e no contido deste magnífico O que o vento trae (Norma, 2008). O acabado gráfico deste álbum amosa unha evolución evidente, inevitable se consideramos non só o tempo transcurrido, senón tamén as características do proxecto (cor agora, branco e negro entón) e mesmo os avances técnicos cuxa utilización explica brevemente o autor nas páxinas finais. Pero o feito de poder explicarnos a mellora non debe levarnos a loubala menos. E é que a primeira liña de disfrute desta obra ven dada por un estilo de debuxo persoal, sobrio ou espectacular segundo os requerimentos da acción, cunha narrativa impecable e inzada de recursos (moitos deles invisibles nunha primeira lectura, o que indica que están supeditados ó relato e por tanto plenamente xustificados) e unhas cores que contribúen sabiamente tanto á ambientación espacial da obra coma a dotarlle do tono requerido pola historia. Todo o anterior debidamente resaltado, é xusto dicilo, pola excelente edición de Norma.

Pero é que ademáis o autor foi quen de construir un relato apaixoante a partires da recreación dunha atmósfera que combina a ambientación da literatura rusa do XIX cos rasgos de estilo da narrativa fantástica dese mesmo século. E así, escenifícase o dó entre razón e superstición nun relato extremo e ambicioso no marco das súas pretensións recreadoras. Nen a resolución resulta excesivamente orixinal nen a orixinalidade resulta necesaria nun texto coma este, concebido como reivindicación dunhas formas narrativas que manteñen unha persistente ascendencia sobre a producción contemporánea en medios tan diversos coma a literatura, o cinema e o cómic. A diversidade do conxunto de elementos que Martín introduce na trama (a Revolución Rusa, o folclore ruso, a estructura do conto de pantasmas e a propria das investigacións criminais) permite ponderar ainda máis a súa capacidade para darlles congruencia e integralos no relato.

xoves, maio 01, 2008

Y o último home: Terra nai



A edición española de Y o último home achégase ó seu final apenas uns meses despois da conclusión da serie nos USA. O presente tomo, titulado Terra nai (Planeta, 2008) recolle os números 49 a 54 da serie orixinal e deixa por tanto media ducia de capítulos para un volume final que pechará a epopea de Yorick Brown e as súas cofrades nun mundo sen (apenas) homes. Tendo recoñecido en máis dunha ocasión a miña debilidade por esta serie, confeso agora que se debezo por ler o seu final non é só para comprobar a veracidade dos rumores que chegan dende Estados Unidos e que din que o peche está á altura dos mellores momentos da cabeceira; tamén porque hai xa un tempo que a serie da mostras dun cansazo para o que un correcto desenlace pode ser o mellor remedio.

Os capítulos que compoñen este tomo adiantan unha explicación (que tomaremos como provisional) para un aspecto tan relevante da trama coma a praga que emasculou á humanidade. Son dos que pensa que o devandito andazo resulta demasiado determinante para a composición do escenario en que se desenvolven os feitos como para consideralo un mero macguffin. Sen embargo, non deixa de ser certo que o que a narración prima é a odisea persoal de Yorick e compañía, de xeito que para esclarecer o relativo á praga abondaría cunha explicación mínimamente congruente. Nese senso, a solución que se apunta nestes capítulos cumpre cunha certa elegancia, por máis que a súa sinxeleza e a normalidade con que é exposta e aceptada polos personaxes me levan a pensar que ainda pode haber sorpresas a este respecto.

Polo demáis, Yorick segue a ser vítima da súa propria inanidade, ou dito doutro xeito, 355 e a doutora Mann seguen a reivindicarse coma personaxes bastante máis interesantes que un protagonista determinado pola súa pasividade e o seu talante inmaduro. Por outra banda, o escritor Brian K. Vaughan comeza a recoller os seus xoguetes, adicando os dous últimos capítulos deste tomo a retomar a personaxes do pasado e deixalos prontos para a conclusión. Pia Guerra e Goran Sudzuka cumpren como adoitan no aspecto gráfico.

Entradas relacionadas – Y o último home
Y o último home: Dragóns no kimono
Y o último home: Bonecas de papel
Y o último home: Moza con moza
Y o último home: O anel da verdade
Y o último home: Palabra clave

domingo, abril 27, 2008

Whiteout



Malia a súa longa carreira coma escritor de superheroes, non hai dúbida de que a tendencia natural de Greg Rucka en canto ten unha certa liberdade creativa é o xénero negro. Así, o seu primeiro traballo para Oni Press antes da súa exitosa Queen & Country foi a miniserie Whiteout (Norma, 2005), que continuaría un ano máis tarde con Whiteout: Melt (Norma, 2005). É Rucka un escritor con moito oficio e as súas historias axéitanse sen apenas vocación de orixinalidade ós tópicos do xénero. E sen embargo, nos máis dos casos a simplicidade aparente dos seus relatos constrúese a partir dunha indiscutible claridade de ideas e da exactitude narrativa precisa para executalas.

Pode soar a tópico, pero en Whiteout o relato resulta absolutamente condicionado pola paisaxe antártica en que transcurre a acción. O escenario non pode ser máis suxerente para unha intriga policial con asesinato incorporado: o clima extremo, o illamento, a escasez de actores, o ambiente abafante… Pero en banda deseñada isto só pode ser así se hai un debuxante capaz de plasmalo. E de feito así é, Steve Lieber, un artista de trazo clásico e duro, consigue concederlle presenza ó entorno con recursos moi tradicionais e alonxados do efectismo máis contemporáneo.

Rucka concede de novo a iniciativa a unha muller, desta volta a unha Carrie Stetko que, cos seus matices, ten moito en común coa Tara Chace de Queen & Country. O seu carácter pétreo e a súa constante autoafirmación nun entorno masculinizado semella ser o único elemento que reivindica esta trama coma un noir do século XXI.

Paradóxicamente, o que concede forza ó relato tamén o fai máis feble de cara ás súas dimensións. A miniserie inicial e Melt, a súa continuación, esgotan as posibilidades do entorno: non se pode estar a resolver casos na Antártida perpetuamente. Agora ben, o círculo queda proveitosamente pechado con estes oito de números de lectura máis que agradecida. Que eu saiba Rucka non renunciou explícitamente a engadirlle máis episodios á saga pero facelo perxudicaría á súa verosimilitude e mudar o escenario sería desnaturalizar a cabeceira. Se coa versión cinematográfica que ven de camiño non hai novidades o máis probable é que xa non as vaia haber.

sábado, abril 26, 2008

Ex Machina: Apagón



Brian K. Vaughan creou en Y o último home un escenario dunha enorme potencialidade en termos políticos, moi proprio dos territorios de futurismo distópico, pero no canto de tirarlle todo o seu rendemento optou por un argumento menos ambicioso no que o esencial é o sentido da aventura. No epílogo (imperdoablemente inzado de erratas e faltas de ortografía) deste sexto volume de Ex Machina (Norma, 2008), o debuxante Tony Harris alédase de que o público apoiara este que el define como “un cómic de política”. E anque a existencia dunha compoñente política nesta cabeceira parece pouco discutible, non se pode dicir que a cuantía da dose sexa esaxerada, máxime se consideramos que o protagonista da serie é nada menos que o alcalde de Nova York.

Deste xeito, Vaughan parece non poder evitar unha aproximación a entornos políticos que logo se resiste a desenvolver suficientemente. Calquera pode comprender que a historia dun alcalde da metrópole neoiorquina dotado de superpoderes non se vai a limitar á súa esfera política pero, pola mesma, se Vaughan non tiña pensado explorar os territorios do exercicio do poder, ben podería terlle dado a Mitchell Hundred calquera outra profesión. Coido que a compoñente política de Ex Machina resulta en xeral superficial e pouco verosímil mesmo para o pacto narrativo que propón o texto. Unha mágoa porque ainda a pesares diso a cabeceira ofrece historias interesantes e moi correctamente desenvolvidas.

O presente volume ofrece, case por vez primeira no transcurso da serie, a posibilidade de encetar unha subtrama a medio prazo na que se diluciden cuestións tan centrais coma a orixe dos poderes de Hundred e que ainda non se plantexaran. A lectura en tomo favorece a un argumento que parece demorarse inxustificadamente, no que elementos relevantes de cada ó devir da serie conviven con anécdotas perfectamente irrelevantes (coma a do saqueo) cuxa única función semella ser a de ocupar páxinas.

Se en comentarios previos critiquei a opción gráfica de Tony Harris para esta cabeceira, coido que cómpre recoñecerlle que conseguiu dotala dunha imaxe de seu, que parte das portadas e se vai facendo presente ó longo de todo o proceso narrativo. Tamén as cores de J.D. Mettler constitúen unha contribución importante a este fin.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Machina: Malos fumes
Ex Machina: En pe de guerra
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

mércores, abril 23, 2008

Novos X-Men: E de Extinción



A recente reedición en formato BoME da etapa de Grant Morrison á fronte dos X-Men (Panini, 2006) permite contemplar o labor que desenvolveu o escocés na principal cabeceira mutante coa distancia suficiente para emitir un xuízo equilibrado. Morrison é un escritor de talento cuxas obras máis destacadas difícilmente encaixan nos parámetros do mainstream, polo que a súa chegada á oficina-X levantou unha comprensible expectación. De feito, decisións tan accesorias como a sustitución dos pixamas dos membros da Patrulla por uniformes máis realistas e claramente inspirados no referente cinematográfico resultaron sorprendentemente polémicas no seu momento. Sen embargo, existe un certo consenso en que a súa etapa foi cando menos un revulsivo nun intre no que estaba a resultar especialmente complicado para o equipo directivo de Marvel atopar a un escritor capaz de lle dar un enfoque interesante e novidoso á familia mutante.

O primeiro que me chama a atención deste arranque de etapa é que a formación á que recurre é peculiar e, para o meu gusto persoal, ben pouco atractiva: o Profesor Xavier, Cíclope, Jean Grey, a Besta, Emma Frost e o inevitable Lobezno. A inimiga é un personaxe de nova creación, Cassandra Nova, sustentándose na enésima recuperación duns antagonistas tan esgotados como os Centinelas. Polo demáis, a revelación ó público da natureza da Escola Xavier é a excusa que concede un novo punto de partida a outro elemento clásico da cabeceira: a histeria antimutante. Xa que logo, atopamos unha aliñación semellante á orixinal rodeada de conceptos clásicos apenas reciclados. É o sino dos universos superheroicos, condenados a repetirse unha e outra vez.

Polo demáis, os sete números que integran este primeiro volume compoñen unha trama errática e falta de nervo, na que da a impresión de que Morrison tenta ser irónico sen conseguilo (ou sen que llo permitan). Só así, como ironía malograda, pode interpretarse a introducción duns rivais tan febles e absurdos coma a secta dos Homes U, liderados por un personaxe chamado John Sublime que resulta batante máis ridículo que intimidador. Sen embargo, a esixencia de rendemento inmediato é un dos principais defectos do mercado ianqui actual, polo que prefiro agardar a ler algúns números máis antes de elevar as miñas impresións iniciais a xuízo a definitivo.

luns, abril 21, 2008

The Authority Vol. 2



Un dos aspectos máis meritorios de Watchmen é que recollía e daba forma maxistralmente a un conxunto de consideracións críticas que levaban tempo agromando no entorno superheroico. A obra de Moore e Gibbons é insuperable na súa execución pero tivo ademáis a virtude de aparecer no intre e lugar exactos, protagonizando un cambio de etapa que se tería producido dun xeito ou outro. Moitos traballos camiñaron pola senda aberta por aquela obra inaugural. Algúns, como os epígonos do cómic noventeiro, demostrando unha sublime incapacidade interpretativa; outros, como Mark Millar (Wanted, The Ultimates), Brian Michael Bendis (Alias, Powers) ou Warren Ellis (Planetary, The Authority) explorando territorios que a maxiserie suxería pero, na súa concisión, non explotaba.

É nesa liña onde se sitúa a orixinal The Authority de Warren Ellis e Bryan Hitch, coma superación do discurso convencional do universo superheroico e construcción dun concepto non novidoso pero si adiantado. Pode ser enganoso suxerir que a serie contén o concepto de superheroe para o século XXI xa que a tradición superheroica continúa hoxe vixente, con apenas uns matices, nos universos convencionais. Porén, a corrección dos seus propósitos introduciu elementos de debate saudables e deu lugar a unha ducia de capítulos disfrutables no inmediato e estimulantes no seu trasfondo.


O guionista do segundo volume da serie (Norma, 2007), Mark Millar, decidiu non limitarse a continuala onde a deixara o seu creador, senón que, con loubable valentía, decidiu darlle outra volta de parafuso á súa lóxica interna e levala un paso máis aló. Os heroes de The Authority quebran o statu quo e toman a iniciativa, non restauran a orde establecida senón que a modifican: combaten as doenzas do mundo, expurgan a ditadores e toman o control do planeta.

A alternativa que este proceder supón fronte ó parámetro pixameiro tradicional está presente dende a primeira liña do primeiro capítulo (“¿Por que os supertipos nunca van detrás dos auténticos fillos de puta?”) e manténse en forma de alusións constantes ó longo de todo o percorrido. Agora ben, moito me temo que Millar desaproveita boa parte do capital que hereda, recreándose nunha incorrección política divertida nuns casos, burda noutros e sempre superficial. A diferencia do labor desenvolvido polo seu predecesor, o proxecto de Millar resulta case exclusivamente destructivo, sen aportar un modelo de seu en clave positiva. O traballo de Ellis podería calificarse de crítico, mentres que o de Millar non pasa de paródico ou corrosivo, inspirado ás veces, pero finalmente improductivo.



Jack Krigstein, o villano do primeiro arco deste segundo volume, resulta paradigmático do discurso de Millar. Trátase dunha caste de Jack Kirby cuxo caudal creativo é aproveitado polo goberno dos USA para producir en serie superseres que defendan os intereses norteamericanos, nunha reflexión metaliteraria acerca de cómo os superheroes tradicionais resultan ser baluartes do sistema establecido e, por tanto, do american way of life. The Authority confírmase coma unha dobre ameaza, tanto para os intereses dos Estados Unidos coma para o concepto clásico de superheroe, polo que Krigstein envía contra eles unha versión deformada dos Vingadores. Agora ben, primeira contradición, este supergrupo ten pouco de tradicional e resulta ser unha versión ainda máis salvaxe (e tamén máis referencial) dos proprios Authority. E en calquera caso, a resolución do episodio toma coma idea central a sodomía, o cal pode soar trasgresor pero de feito impide calquera reflexión dunha certa profundidade (e non é un xogo de palabras).

Esa é, ó meu entender, a principal eiva do labor de Millar á fronte dos Authority. Os seus argumentos parecen limitarse á creación dun espazo que xustifica a incorrección política, no que semella unha traslación á banda deseñada dos principios do cinema tarantiniano. O contexto posibilita unha enchenta de racismo, misoxinia, homofobia e ultraviolencia con fins lúdicos. Intúese a existencia dun propósito posterior, a vontade de derribo dalgún ídolo, pero Millar amósase incapaz de enfiar un discurso coherente e o que queda ó final é simplemente humor troglodita. No traxecto estráganse un fato de boas ideas, trivialízase o leit motiv da serie orixinal e uns personaxes de indiscutible carisma fican desaproveitados. Unha mágoa.

Entradas relacionadas
The Authority Vol. 1

venres, abril 18, 2008

Engurras



No mundo en que vivimos, organizado en torno á absoluta primacía dos valores xuvenís, unha historia sobre a terceira idade como a que narra Paco Roca en Engurras (Astiberri, 2007) constitúe, de seu, unha auténtica ousadía. Non se lle pode negar, xa que logo, a valentía ó autor de O faro, como tampouco se pode discutir o seu inmenso talento gráfico. O seu estilo limpo e sinxelo vese especialmente favorecido neste caso polo recurso a cores pastel que suavizan ainda máis o resultado final.

Hai moito máis que reivindicar neste volume que podería interpretarse coma unha recreación do Alguén voou sobre o niño do cuco de Ken Kesey, logo popularizado pola versión cinematográfica de Milos Forman. Se daquela eran os deficientes mentais os que cuestionaban as condicións da súa reclusión e se rebelaban en defensa da súa dignidade, nesta obra son un fato de anciáns (nomeadamente un) os que se resisten a asumir pacíficamente a súa condición residual e pasiva. E entrementres, o alzheimer preséntasenos como a ameaza que é, avanzando paseniño, reseteando as lembranzas das súas víctimas ó tempo que as inhabilita para a vida diaria.

Enrugas é unha historia de supervivencia e camaradería nun escenario no que a familia está triste e comprensiblemente ausente e fica só, como delegado da sociedade, o institucional. Pode que o argumento se resinta da súa condición de anecdotario e mesmo que lle sobre algún episodio escabroso, pero non por iso deixa de ser un volume notable e merecedor do premio que obtivo no recente Saló de Barcelona.

martes, abril 15, 2008

Nightwing: Xustiza violenta



As máis das recensións que teño lido sobre a serie orixinal de Nightwing coinciden en emitir un xuízo matizadamente positivo, o cal non deixa de ser sorprendente. As causas que se me ocurren coma posible explicación deste fenómeno son dúas.

Por unha banda, semella que o escritor Chuck Dixon tiña unha idea moi clara do que quería levar a cabo: conceder entidade de seu ó personaxe, emancipándoo da figura paternal de Batman por unha banda, pero mantendo vasos comunicantes con aquel por outra. Pode intuirse que o labor é doado só en teoría: Blüdhaven coma versión deformada de Gotham, o inspector Soames coma dexeneración do comisario Gordon, a galería de villanos, tomados da segunda fila de inimigos do morcego, secundarios novos, team-ups con heroes gothamitas… A combinación require un equilibrio que Dixon foi quen de atopar, algo do que en última instancia se beneficiou Nightwing, cuxa evolución coma personaxe tería sido outra sen esta cabeceira.

Por outra banda, é innegable o oficio de Dixon como escritor, desenvolvendo tramas convencionalmente superheroicas repletas de acción desenfadada e poñendo en funcionamento o reloxio soterrado que marca as horas da evolución futura da serie: intereses sentimentais, inimigos que virán, liñas argumentais que irán materializándose paulatinamente…

Quixera salientar outra vez o labor de Scott McDaniel. En consonancia co tono das tramas, o debuxante deixa de lado calquera pretensión de verosimilitude para deixarse caer precisamente no contrario: a acción sen límites, os escorzos imposibles, o recital de acrobacias que as leis da natureza prohiben. Sendo esa a premisa, a perfecta lexibilidade do resultado final supón recoñecerlle a McDaniel un indiscutible dominio narrativo e perdoarlle os excesos noventeiros nos que, por outra banda, incurre repetidamente.

Entradas relacionadas
Nightwing Ano I
Nightwing: Un cabaleiro en Blüdhaven

domingo, abril 06, 2008

Seton: “Lobo” o Rei



A relación do ser humano coa natureza é contradictoria. Por unha banda forma irremediablemente parte dela; pero por outra, é o único ser vivo capaz de tomar distancia suficiente como para opoñérselle abertamente. Para escenificar esta confrontación en termos narrativos nada mellor que encarnar a natureza nun ser vivo e convertir o dó entre home e animal nun espello que reflicte algún aspecto da condición humana, dende as reminiscencias relixiosas de Moby Dick á ollada mórbida de Tiburón.

O primeiro tomo da serie Seton (Ponent Mon, 2007), biografía do naturalista norteamericano Ernest Thompson Seton levada a cabo por Yoshiharu Imaizumi e Jiro Taniguchi, participa desta tradición. A historia toma un episodio de xuventude, posteriormente literaturizado polo propio Seton, no que se relata o asedio e caza de “O Rei”, un exemplar extraordinario de lobo. Inicialmente, a narración semella funcionar como metáfora do enfrontamento entre a racionalidade humana e os instintos da besta, exacerbados ata o punto de aparentar unha conducta intelixente (e por tanto máxica ou demoníaca). Sen embargo, a trama péchase facendo ó animal partícipe dun rasgo de conducta tan humano coma o intelecto, a emotividade, o que se traduce nunha mensaxe ambivalente e un tanto indefinida.

Os debuxos de Jiro Taniguchi participan de boa parte dos rasgos de estilo proprios do manga xaponés pero cun acabado máis realista do habitual. A súa narrativa, áxil e efectista, compleméntase con paisaxes de inspiración aparentemente fotográfica, anque o suficientemente esvaídas para se integraren correctamente na páxina. En conxunto, unha obra correcta e de lectura amena.