sábado, novembro 17, 2007

Palomar (Vol. I)



Comparar a obra de Beto Hernández coa do seu irmán Jaime non deixa de ser arbitrario. Sen embargo, resulta interesante comprobar ata que punto nos atopamos ante dúas versións dun imaxinario compartido, tan próximas en certos aspectos como lonxanas noutros. Sendo a mesma a realidade retratada, a versión de Jaime Hernández en Locas parte dun cóctel excesivo e estrafalario (enxeñería prosolar, dinosauros, loita libre, música de garaxe) para ir derivando progresivamente cara un costumismo punk, menos extravagante nas formas pero máis intenso no emocional. Curiosamente, o punto de destino de Jaime achégase ó punto de partida de Beto en Palomar, no que esa mesma realidade fronteiriza se presenta na súa versión máis rural, espida e realista.

Ainda que a maior parte das historias que compoñen este primeiro volume recopilatorio editado por La Cúpula xiran en torno ó personaxe de Luba, parece clara a intención de Beto de darlle á obra un protagonista colectivo. As historias funcionan por acumulación, a medida que se avanza os personaxes van adquirindo corpo, moldeados pola ollada do autor, capaz de ser afectiva, humorística e comprensiva sen caer na compaixón, no folclorismo ou nun paternalismo moralizante.

Tamén no aspecto gráfico o traballo de Beto resulta incuestionable. O seu debuxo é directo e intuitivo, a metade imprescindible dun relato que pode considerarse hoxe, vinte anos despois da súa publicación orixinal, un clásico.

Entradas relacionadas – Beto Hernández
Preguiza

Entradas relacionadas – Jaime Hernández
Locas 1
Locas 2
Locas 3

luns, novembro 05, 2007

GØdland: Ola cósmico



Hai xa bastantes anos que Jack Kirby goza merecidamente da condición de mestre e figura fundacional imprescindible do mundo do cómic, en recoñecemento a unha longa e fecunda carreira que ainda hoxe segue a dar froitos. Este feito, xunto a outros factores como a cada vez máis elevada media de idade dos lectores de tebeos ou a definitiva implantación do revisionismo posmoderno tamén no mundo da historieta, permiten comprender fenómenos como a proliferación dos revival, a recuperación de clásicos do cómic ou o xurdimento dun subxénero consagrado á imitación do estilo das obras do grande mestre Kirby.

GØdland, a serie creada para Image Comics por Joe Casey e Tom Scioli, insírese sen complexos nesa tendencia. Concebida coma unha obra de ciencia ficción e superheroes case ó cincuenta por cento, vocacionalmente intrascendente e divertida, a serie válese do recurso á síntese gráfica de Kirby para apelar directamente a un xeito de narrar proprio doutra época. Non deixa de ser un paradoxo que sexa en boa medida a mesma ollada desmitificadora que lle roubou a inocencia ó tebeo popular norteamericano a que agora dé lugar a unha obra como ésta, que postula unha desprexuizada volta ás orixes. Non sabería dicir se a facilidade con que se dixire esta caste de pastiche se debe á vixencia de Kirby, á fonda interiorización persoal da súa obra ou a pervivencia da mesma coma sustrato de grande parte do que dende a súa retirada e posterior pasamento se ten publicado. Pero o certo é que a opción gráfica funciona como unha perfecta declaración de intencións por parte dos autores respecto do tono que lle pretenden imprimir á serie.

Polo demáis, o mellor que se pode dicir destes primeiros seis números de GØdland, recopilados nunha correcta edición en tomo por Saturno Edicións baixo o título Ola cósmico, é que dan o que prometen: aventuras grandilocuentes, personaxes básicos e cun punto estrafalario, epopea cósmica, colorismo pop, acción, algo de humor e a inocencia consciente de quen se nega a medrar. A trama engade un acabado superheroico a unha premisa que non se pode desvencellar de 2001, odisea no espacio, película que Kirby adaptou ó cómic no seu día e que deu lugar a unha serie ó seu cargo libremente baseada nela. Agora ben, agradécese que o festival revisionista se limite ó tono e ambientación do relato, sen apenas incorporar referencias concretas a personaxes e historias clásicas, o cal non deixa de ser un rasgo diferencial deste proxecto respecto doutros da mesma tendencia. Nen os debuxos de Tom Scioli acadan a elegancia de Steve Rude ou José Omar Ladronn (artistas que en distintos momentos teñen xogado a imitar a Kirby), nen o guión de Joe Casey destaca pola súa perspicacia, o que non impide que o resultado final sexa congruente coas súas pretensións.

sábado, novembro 03, 2007

S



S pertence a esa estirpe de historias na que a biografía individual participa da biografía colectiva, de xeito que un testemuño familiar, neste caso anecdótico e apenas relevante alén da familia implicada, convírtese en reflexo de como afectan os grandes acontecementos históricos á xente normal. S é tamén unha historia de historias, a exposición de feitos que foron previamente narrados e cuias contradiccións poñen de manifesto a ineludible interposición do narrador e os seus propósitos. S é un relato sinxelo, capaz de sobrepoñerse á linealidade que impera noutros campos sen facer do súa propria estructura o cerne da narración. Non busca provocar nen facer alarde dunha complexidade vacua, simplemente respeta ó lector ata o punto de esperar del unha correcta interpretación dos seus recursos. Tampouco se recrea na gravedade nen pretende deixar constancia da súa trascendencia. Pola contra, acada unha complicada síntese entre o cotián e o excepcional.

É difícil expresar a sensación que provoca a lectura desta obra. Un simple folleo das súas páxinas permite advertir que o seu autor, Gipi, ten unha indiscutible capacidade para crear beleza cos seus pinceis, beleza que, por máis que se subordina á narración dunha historia, termina por ser un factor esencial daquela. Xa que logo, a ledicia sensorial que transmiten as imaxes supón o éxito de Gipi non só como ilustrador, senón como narrador ou simplemente autor. E, en definitiva, o que un pode dicir ó respecto resulta válido sempre que se poida interpretar por quen o lea como unha invitación a achegarse a esta obra e desfrutar todo o que de fermoso hai nela.

venres, novembro 02, 2007

O Escapista



Rematado o libro de Kavalier e Clay, parecíame lóxico achegarme ás aventuras do personaxe creado por aqueles nos anos 40, O Escapista, por máis que a súa estrea real non se producise ata o século XXI de mans de Dark Horse. O Escapista constitúe de seu unha homenaxe non a unha época, senón a varias, da historia do cómic. Autores do prestixio de Jim Starlin, Howard Chaykin ou Kyle Baker poñen a súa peculiar ollada ó servizo da recuperación dun personaxe que, de feito, nunca existiu, con historias breves que se poderían ubicar en distintas épocas da súa tamén imaxinaria evolución.

O capítulo inaugural é, como non podería ser doutro xeito, a adaptación case literal da orixe do Escapista tal e como se recolle en As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay. Michael Chabon consta como guionista, anque descoñezo se escribiu un guión específico ou se o debuxante Eric Wright se serviu directamente da información que proporciona a novela. Ségueno varias aventuras do superheroe en tonos diversos, supostamente característicos de distintas formas históricas de aproximación ó personaxe e ó imaxinario superheroico en xeral, con textos intercalados que fan referencia a un pasado creado ex novo para o personaxe.

O resultado final é no seu conxunto bastante irregular. O mencionado Eric Wright, debuxante que eu non coñecía, amósase como un artista certamente limitado e cunha narrativa que entorpece ás veces a correcta lectura dos acontecementos. O capítulo de Jim Starlin é unha historia muda sobre outro personaxe da factoría Kavalier & Clay, Polilla Luna, lineal e sinxela, simplemente correcta. Algo semellante pode dicirse da escrita e debuxada por Howard Chaykin, mentres que a debida a Kyle Baker se beneficia do peculiar sentido do humor do autor, sen chegar a destacar abertamente sobre o resto. Kevin McCarthy escribe as historias restantes sen dar mostras dunha excesiva inspiración. Pódese dicir que o resultado, ainda sendo unha lectura agradable, está por debaixo do que se podería agardar, tanto en canto o enfoque pulp que se lle pretende dar á obra, como respecto duns autores cuio coñecido talento anima a esixir máis.

xoves, novembro 01, 2007

As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay



Reparemos no caso de Siegel e Shuster, uns mozos xudeus de orixe humilde que crearon un personaxe, Superman, que a día de hoxe é un icono coñecido case universalmente. Lembremos como a industria editorial daqueles anos se aproveitou do seu talento sen recoñecer nen case retribuir a súa autoría. E pensemos que esa industria tivo que enfrontarse anos máis tarde á súa propria caza de bruxas, mercede á célebre Seducción dos inocentes do doutor Fredric Wertham. A historia do cómic norteamericano e a súa industria nos anos 40 e seguintes ofrece, sen apenas necesidade de licencias artísticas, un escenario perfectamente novelable, probablemente sorprendente para quen non o coñeza, ó que parecen acomodarse fácilmente as estructuras dramáticas de auxe e caída.

O novelista Michael Chabon, que pasa por ser un dos autores máis interesantes da narrativa estadounidense contemporánea, foi quen de intuir as posibilidades deste contexto e darlles forma de novela. As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay é a historia de dous rapaces que fan carreira no mundo do cómic norteamericano durante a Idade de Ouro, seguindo o ronsel de Siegel e Shuster. Inspirándose na popularidade de Houdini e os artistas do escapismo, crean unha figura superheroica, o Escapista, rodeado da cofradía característica dos personaxes da época (axudantes, mentores, intereses románticos), cuia popularidade lles permite facerse un sitio e mesmo un nome na industria do tebeo. Engadindo a inevitable dose de ficción ós feitos e figuras reais (polas páxinas da novela desfilan personaxes como Jack Kirby, Will Eisner, Gil Kane ou Salvador Dali), o autor deixa extensa constancia (a novela ten 600 páxinas) da peripecia vital dos seus protagonistas ó tempo que demostra a súa devoción polas orixes do tebeo popular e os seus autores.

É sabido que o que determina a condición superheroica dun personaxe, polo menos ata Watchmen, non son os seus superpoderes (que tamén posúen os villanos) senón a súa supermoral, isto é, o seu inquebrantable compromiso de facer sempre un uso correcto do seu talento. Nese senso, Kavalier e Clay son, sen dúbida, superheroes. Chabon delimítaos como personaxes moralmente inmaculados que deben enfrontarse a problemas que nunca derivan da súa conducta, sempre irreprochable, senón da maldade allea, da hipocresía social ou da voracidade dos homes de negocios. A súa camaradería viril convérteos en heroe e sidekick, ós que se incorpora un interese romántico (incapaz de dividilos), unha garida secreta e mesmo unha figura antagónica, un desdebuxado supervillano. Coma unha caste de Forrest Gumps da historieta, o autor fainos desfilar por diante dos principais acontecementos da historia do medio: o auxe dos superheroes; a súa posterior perda de popularidade en favor do tebeo romántico, de vaqueiros ou de terror; as denuncias entre editoriais; as queimas de cómics; a concepción da novela gráfica…

A obra é, xa que logo, unha epopea, de feito unha epopea norteamericana, coa súa historia de superación persoal, de profunda moralidade e de éxito se non material, si ético e vital. Non é de estrañar, xa que logo, que lle fora concedido o premio Pulitzer, se cadra recompensando a exemplaridade duns personaxes que, de correctos que son, chegan a resultar desagradables.

martes, outubro 30, 2007

Y o último home: Dragóns no kimono




Un dos problemas principais do mainstream norteamericano é o ter incorporado as esixencias de rentabilidade inmediata ó seu proceso creativo, so pena de relevo (eufemismo para despido) para os equipos artísticos que non cumpran as expectativas. Dende o punto de vista da calidade do producto, a experiencia ten demostrado abondo que é o caso contrario, a longa permanencia á fronte dunha cabeceira, a que garante os mellores resultados. Y o último home é unha serie que foi plantexada como de duración limitada pero a longo prazo. O seu creador, Brian K. Vaughan, sinalou en múltiples ocasións que narraría a historia de Yorick nun mundo sen homes ó longo duns 60 números, prazo que está a piques de cumplirse en USA (por certo, que os informes que chegan de aló verbo dos acontecementos finais son óptimos). É certo que, de non ter sido unha serie moderadamente exitosa, non podería ver cumprida a súa pretensión, pero resulta indiscutible que ter a posibilidade de desenvolver unha idea a longo prazo permite o despregue de estratexias narrativas ás que cada día estamos menos afeitos.

O presente volume, Dragóns no kimono, relata a estadía de Yorick e a súa cofradía en Xapón, anque o interese principal da trama radica na indagación das orixes de dúas das secundarias máis importantes da serie: a doutora Mann e a némese de Yorick, Alter. Apenas uns capítulos atrás fixérase o proprio co outro personaxe esencial da serie, 355. Todo isto acontece cando a cabeceira alcanza o seu número 40, o cal indica que esta información non era absolutamente imprescindible para o seu curso. Sen embargo, tendo a oportunidade de facelo, confíreselle ós personaxes unha profundidade da que carecerían de non ser así.

Algo semellante podemos dicir do labor de Pía Guerra. Ó longo destes capítulos temos asistido prácticamente ó seu cociñado como artista, dende uns principios onde se deixaba sentir a súa inexperiencia, ata o momento actual, no que dá mostras dunha seguridade incuestionable. Xa teño sinalado en máis dunha ocasión que a evolución da artista no decurso da serie era máis que evidente. Probablemente, éste sexa o primeiro tomo no que os seus debuxos pasan de ser correctos a plenamente disfrutables, ata o punto de que se lle bota en falta cando a sustitúe un Goran Sudzuka ó que, por outra banda, tampouco se lle poden poñer moitas obxeccións. A nocturnidade da trama e os numerosos flashbacks conceden importancia á coloración, correctamente executada por Zylonol (?).

¿Cando sairá o próximo volume? Sexa cando sexa, chegarame tarde.

Entradas relacionadas - Y o último home
Entradas relacionadas - Brian K. Vaughan
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia



luns, outubro 22, 2007

Preguiza



Preguiza semella ser unha historia sobre o desaxuste que se produce ó vivir o vértixe da adolescencia nun contexto inaxeitado. Situada nunha pequena localidade estadounidense na que a vida transcurre lentamente, os mozos protagonistas ven como un contaxioso estado de coma dificulta o normal exercicio das inquedanzas proprias da súa idade (o sexo oposto, a música, a arela de superar o seu contorno inmediato), reducíndoos a un antinatural estado de preguiza.

A historia non só introduce deliberadamente elementos fantásticos ou esotéricos, fundamentalmente cun campo de limoeiros coma espazo fantasmagórico, senón que xoga ó cambio de personalidade entre os personaxes cuns xiros narrativos que lembran ó cinema de David Lynch. A obra non é, xa que logo, perfectamente explícita, anque si pon ó alcance do lector a información precisa para encher os ocos da trama.

A simplicidade do trazo de Gilbert “Beto” Hernández semella máis un imperativo do seu estilo gráfico que unha opción libremente escollida. Sen embargo, posúe a experiencia e o oficio precisos para encauzar e deixar fluir debidamente a historia. O resultado é unha obra de lectura agradable sempre que se esté disposto a aceptar a existencia dalgunha sombra de dúbida sobre os feitos narrados.

xoves, outubro 11, 2007

Midnight Nation



Norma reedita nun volume único esta serie limitada escrita por J.M. Straczinsky e debuxada por Gary Frank. Comezando por este último, debo dicir que é un artista que, con todas as súas limitacións, me gusta. Os seus cómics sempre resultan de lectura fluida, o que nos conduce a un factor que en moitas ocasións pasa inadvertido, a correcta planificación de páxina e o dominio da técnica narrativa. Tamén é notable a súa mellora na definición e expresividade facial dos personaxes, aspecto este que explota considerablemente na obra que nos ocupa. Todo o anterior, canda unha evidente evolución se comparamos os seus traballos actuais coas súas obras primeirizas, superan con moito, ó meu entender, os seus puntos febles: un certo estatismo das figuras e algunhas desproporcións anatómicas.

Será por ter en mente o pasado de Straczinsky como guionista para televisión, pero Midnight Nation ten toda a apariencia de ser un proxecto de teleserie reconvertido en cómic. A idea, a estructura e desenvolvemento da historia semellan acomodarse mellor ós caracteres da serialidade televisiva que ós proprios da banda deseñada. Concebida coa estructura clásica dun road trip, a obra parece beneficiarse do seu formato unitario, en boa medida porque a trama avanza cunha lentitude excesiva. Tratándose dunha viaxe que dura un ano, os acontecementos narrados resultan exiguos, o cal ven a traducirse nun problema de ritmo que en cadencia mensual debería resultar ainda peor. O seu punto forte é probablemente a coherencia da trama, que na súa resolución elude eficazmente as trampas na que adoitan caer esta caste de narracións. Agora ben, tratándose dunha viaxe interior e, digamos, de tipo espiritual, o que menos me agradou foi ese verniz new age que ven a compoñer a xustificación de fondo da peripecia. Xa que logo, a obra resultoume en conxunto unha lectura irregular anque con algunhas virtudes.

Salientar que a recopilación incorpora un decimoterceiro capítulo a inserir nalgún punto intermedio da singladura dos protagonistas e que, se cadra, só pode interpretarse coma unha homenaxe ó Sandman de Neil Gaiman, ó recuperar invariado o concepto (por outra banda típicamente borgiano) da Biblioteca de Lucien. O feito de ser Michael Zulli o ilustrador acrecenta o efecto e dota de interese a este capítulo perdido, polo demáis, prescindible.

domingo, outubro 07, 2007

A maldición do paraugas



Anecdotario persoal. Hai dous anos, de visita en Montreal, comprobei con certa sorpresa que se estaba a celebrar alí unha Feira do Cómic; apenas entrei na carpa atopei a un tipo só, sentado nunha mesa tras un carteliño no que podía lerse Lewis Trondheim. Saudeino, falei con el uns intres (foi moi amable comigo) e despois marchei sentíndome algo marciano: atravesar o Atlántico para atoparme “casualmente” cun autor francés en Canadá...

Coñecía entón a Trondheim principalmente por A mazmorra, serie na que a súa ollada humorística interaccionaba coa de Joann Sfar. Sendo dous autores con tanta personalidade o resultado era certamente peculiar e difería de As miñas circunstancias, obra autobiográfica que poderiamos considerar antecedente deste A maldición do paraguas. Naquela, Trondheim amosaba un sentido do humor cáustico e corrosivo, permanentemente inconformista anque sutil e brillante. A maldición... supón unha evolución cara un tono máis optimista anque conserve o seu alento irónico. Menos lineal na narración, a obra céntrase no anecdótico e ás veces nen sequera pretende resultar divertido, senón simplemente reflectir algún suceso cotián.

Dende o punto de vista gráfico, tanto a acertadísima utilización das cores coma a estructura de páxina (unha anécdota por páxina coas imaxes sen encadrar en viñetas) contrarrestan o estilo desleixado proprio do autor. O conxunto é unha obra de lectura agradecida, con momentos especialmente lúcidos e que se disfruta máis na medida en que o lector se vai afacendo ó orixinal sentido do humor do autor.

sábado, outubro 06, 2007

Ex Machina: En pe de guerra



A pesares da súa orixinalidade e consistencia, a serie Ex Machina de Vaughan e Harris non deixa de plantexar algún problema. A súa vocación é a de ter un pe no contexto superheroico e outro fóra del, o cal abre certas posibilidades e limita outras. Así, cando os guións de Brian K. Vaughan se centran en aspectos políticos, o sustrato pixameiro funciona coma unha anclaxe que lle impide sumerxirse alén dunha certa profundidade. Pola contra, os anacos de historia que retoman o pasado superheroico do protagonista non deben abandonarse ós tópicos do xénero, so pena de desnaturalizar a cabeceira. É por iso que a serie é ás veces víctima da súa propria condición híbrida.

O cuarto tomo da serie que ven de publicar Norma pode constituir un bo exemplo do anterior. Na primeira das historias, En pe de guerra, prima a compoñente política, plantexando a cuestión, clásica e actual a un tempo, do equilibrio entre seguridade e liberdade. A segunda, Vida e morte, ainda que tendo como trasfondo a pena de morte, supón a maior achega, no que ata agora se viu publicado, a unha historia clásica de superheroes. En conxunto, non deixa de parecerme que os dilemas políticos plantexados resultan tópicos, en boa medida previsibles e, por tanto, superficiais, e o que é peor, entorpecen o desenvolvemento argumental. Pola contra, a trama superheroica resulta a priori agradecida: a Grande Máquina atopa a súa némese, dotada tamén de superpoderes. Sen embargo, supeditándoa a un debate tan estereotipado coma o da pena de morte, a sensación final é de insatisfacción.

No que atinxe ó labor gráfico de Tony Harris, pouco que engadir ó dito respecto de entregas anteriores. Sucede que neste volume, os dous últimos capítulos están debuxados polo xenial Chris Sprouse, que aquí disimula o seu estilo de xeito que apenas se alonxa do do seu predecesor. De feito, o que máis claramente sinala as diferencias é a desaparición da hiperexpresividade facial e das posturas excesivamente forzadas proprias de Harris, o cal resulta moi de agradecer e marca un camiño que o debuxante habitual da serie debería considerar.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Y o último home: Bonecas de papel
Y o último home: Moza con moza
Y o último home: O anel da verdade
Y o último home: Palabra clave