martes, xuño 24, 2008

The Authority Vol.3


A trasgresión dalgúns dos límites proprios do cómic superheroico no primeiro volume de The Authority valeulle a Warren Ellis para levar a cabo unha interesante reflexión sobre o xénero. No seu día amosei a miña disconformidade coa opción seguida por Mark Millar para a súa continuación no segundo volume, pero non se pode discutir que hai unha continuidade lóxica entre a súa versión e a orixinal. Nos dous casos asúmese tácitamente que The Authority nen é nen pode ser un supergrupo convencional, que a posta en cuestión da figura do superheroe é consustancial ó seu espírito e que esta vocación reflexiva debe superpoñerse á literalidade da serie.

O terceiro volume da cabeceira (Norma, 2007) supón a renuncia a este sinal de identidade. O tomo recopilatorio contén tres arcos argumentais diferenciados ós que engade o crossover Golpe de Estado no que os Authority comparten protagonismo con Sleeper, Stormwatch: Team Achilles e WildC.A.T.S. 3.0. Hai un número considerable de autores implicados, uns apenas coñecidos (Robbie Morrison, Dwayne Turner, Tan Eng Huat, Carlos D’Anda), outros de sona considerable (Ed Brubaker, Jim Lee, Whilce Portaccio, Joe Casey), pero todos eles coinciden en se manter nun nivel máis que discreto.

Os dous primeiros arcos axústanse a un esquema semellante. Dado que The Authority é un grupo de acción global, tamén o deben ser as ameazas ás que se enfrontan. Así, nestas dúas liñas argumentais debe facerse fronte a senllas invasións entre extraterrestre e interdimensionais, invasións que se xustifican en razóns diversas pero subsumibles baixo unha mesma categoría: porque si. O desenvolvemento e resolución da acción resultan puramente rutinarios, é decir, o contrario do que debe esperarse dunha cabeceira como esta. O seguinte arco argumental introduce un elemento que si podería dar xogo, a relixión. Sen embargo, a historia carece por completo de interese ou orixinalidade, cun esquema argumental proprio dun capítulo do Equipo A (primeiro combate derrota, captura, liberación, segundo combate victoria). En conclusión, non hai nestes 12 capítulos unha soa idea que xustifique de seu a continuación dunha serie que se construiu en torno á idea de procura de novos camiños.

Si parece responder a esta idea o mencionado crossover Golpe de Estado. Esta miniserie, na liña de elevar a magnitude da intervención dos Authority, propón a exacerbación da súa proactividade ata o punto de tomaren o control (político) dos USA. Sen embargo, o conxunto da obra esgótase nesa idea central, sen que a trama se desenvolva en ningún sentido que non sexa o de facer interactuar ós membros de The Authority cos protagonistas das restantes series participantes. O resultado é, máis outra vez, decepcionante.

Entradas relacionadas
The Authority Vol.1
The Authority Vol.2

mércores, xuño 18, 2008

Caderno de Xapón



Hai pouco lía nalgún artigo que, dado que toda viaxe é no fondo unha experiencia subxectiva, a literatura de viaxes non ten moito sentido. Non era unha idea moi elaborada senón apenas un apuntamento que enfiaba co asunto principal dun texto cuxo tema ou autor lamento non lembrar agora. A afirmación é certa pero susceptible de ser invertida. Isto é, dado que toda viaxe é unha experiencia subxectiva, os libros de viaxes teñen perfecto sentido en tanto non aspiren a conferirlle validez xeral ás súas conclusións. Ou dito doutro xeito, teñen bastante menos sentido as guías turísticas, coma obxectivación case normativa de experiencias viaxeiras, que a literatura de viaxes abertamente subxectiva.

Miguel-Anxo Murado parte da modestia vocacional neste seu Caderno de Xapón (Galaxia, 2001) que el mismo define como escolma de sensacións antes que análise estricta de Xapón e a súa cultura. Se hai algo que distingue á prosa de Murado, especialmente cando non escribe ficción, é o posuir unha ollada propria, un xeito xenuino de se achegar á realidade. Repasando as impresións doutros lectores sobre esta obra atopo con certa sorpresa que moitos deles o consideran un libro divertido. Non é que non o sexa, que o é, senón que dalgún xeito considero ese ton irónico e desmitificador moi proprio do autor, ata o punto de dalo por suposto.

Polo demáis, a o escritor axusta a obra ás súas pretensións iniciais, debullando reflexións e anécdotas, mesturando imaxes actuais con visións literarias ou históricas, compoñendo unha panorámica parcial, incompleta, arbitraria. E nesa continxencia de contidos, na intercambiabilidade da orde en que se presentan, no cruce de olladas sobre unha mesma realidade, atopa a obra a súa xustificación última e se ofrece ó lector para o seu desfrute.

Entradas relacionadas – Miguel-Anxo Murado
Ruido, relatos de guerra

martes, xuño 17, 2008

Daredevil: Marcado pola morte – Elektra



A publicación por parte de Panini da etapa de Frank Miller en Daredevil dentro da colección Best of Marvel Essentials permitirame, por fin, ter nun formato homoxéneo e digno o que ata o de agora tiña disperso entre os (deteriorados) cómics en grapa e unha reedición posterior en cartoné de Fórum. Poucos descubrimentos se poden facer en torno á importancia que estes cómics tiveron tanto para a carreira do seu autor como para o devir do personaxe. Pódese dicir que entre un e outro se estableceu unha relación dialéctica de xeito que, ó tempo que remodelaba a figura do heroe e o seu entorno, o autor reconducía a súa propria traxectoria profesional máis aló da popularidade que adquiriu no momento, pasando de debuxante prometedor a artista completo.

Miller conseguiu en Daredevil algo que está ó alcance de moi poucos artistas: canonizar a súa versión do personaxe. As diferencias entre o Daredevil que Miller atopa e o que deixa cando abandona a serie son máis que evidentes. A súa sicoloxía muda, enriquécese, faise máis complexa. Pero tamén o seu entorno (os espazos, os secundarios, os antagonistas) sufre transformacións. O primeiro dos BoMEs, Marcado pola morte (Panini, 2008), demostra, non obstante, que Miller non fixo tabula rasa. Estes primeiros números foron escritos por un eficaz Roger McKenzie que continúa a liña establecida por Marv Wolfman, outro guionista importante para a cabeceira, no sentido de definir a DD coma un heroe esencialmente urbano, emparentado co Batman da competencia ou co sempre desubicado Cabaleiro Lúa (imperfecta resposta Marvel ó Batman de Neal Adams). E porén, a dinámica da serie viña excesivamente determinada por unhas estructuras ancoradas no cliché superheroico. Cada secundario era un estereotipo: Foggy, (o amigo simpático), Heather (o interese romántico) e Betty (a admiradora acomplexada) comparecían en grupo e representaban unha monótona coreografía axeitada ós seus roles As tramas incidían excesivamente no sentido de marabilla que proporcionaban as habilidades dun home que resultaba ser cego nun momento no que o lector comezaba a demandar algo máis que superpoderes para rendirse a un personaxe.

Ben respaldado polas tintas de Klaus Janson, Miller deixou constancia de contado dos puntos fortes do seu debuxo: composición, expresionismo, dinamismo… Os mesmos que, cos anos, depurou ata o extremo e que, combinados coa rudeza anatómica que o caracteriza, fan del un debuxante único. Simultáneamente, foi reclamando máis espazo para si na construcción das historias. Primeiro, parece ser, modificando sutilmente os guións que lle chegaban (de McKenzie, de O’Neill, de Micheleine); despois, gañando para si o posto de guionista.

Aí comeza propriamente o labor de fondo de Miller, coincidindo co segundo tomo, Elektra (Panini, 2008). Fai retroceder ós antagonistas clásicamente superheroicos ós que Daredevil viña de se enfrontar (Hulk, Octopus), recupera a Bullseye, chamado a convertirse no xemelgo malvado do heroe, e dase entrada a Elektra, a muller que transformaría a súa faceta sentimental. É o exceso de congruencia proprio das análises a posteriori o que permite apreciar dende o momento inicial o sentido e a profundidade duns cambios que, en tempo real, transcurriron máis sutil e lentamente. En calquera caso, Miller comezou a deixar a súa pegada dende o seu primeiro momento na serie e, o que é máis importante, conseguiu que a súa visión do personaxe sobrevivise á súa permanencia na cabeceira. O Matt Murdock e o Daredevil actuais son no esencial os que Miller canonizou, no que supuxo o rescate dun personaxe cuxa indefinición ata entón podería terlle deparado un futuro incerto.

E o mellor desta etapa ainda está por chegar.

mércores, xuño 11, 2008

O testemuño



Definir a Etienne Davodeau coma un autor político pode ser un reduccionismo, pero non deixa de ter a súa dose de verdade. A compoñente política aparece claramente nas súas obras máis senlleiras (A mala xente, Morreu un home) pero de feito está presente dun xeito máis ou menos evidente en toda a súa producción. O testemuño (Ponent Mon, 2008) non supón unha excepción. Plantexada coma unha mestura de road movie, buddy movie e relato de acción, esta narración, que data de 1996, incorpora o debate ideolóxico característico do autor, trascendendo as fronteiras tradicionais do xénero no que se inscribe o relato.

A narración funciona mellor unha vez que os personaxes están xa definidos. Ata ese punto, a historia flúe dun xeito un tanto abrupto, con episodios que se resolven cunha inxenuidade impropia do autor. Superados eses primeiros momentos, Davodeau constrúe un trío protagonista atípico, cuxas relacións recíprocas se basean non tanto na compoñente sentimental, como adoita ser habitual, canto no intento de establecer entre si unha estructura famliar. Entre Vincent, Abel e Rose non se forma un triángulo amoroso, senón que se escenifica a adopción do primeiro polos outros dous. Á figura xenuinamente paternal de Abel engádese unha Rose non totalmente desprovista de sexualidade, pero si cun comportamento indiscutiblemente maternal, e entre ambos tentan encarreirar o futuro dun Vincent infantilmente desvalido. Davodeau decide concluir a historia cun final interesante non só dende o punto de vista da acción, senón tamén no tocante á reestructuración da relación entre os protagonistas. Rose teima en amosarse maternalmente protectora ainda cando se removeron os obstáculos que impedían a progresión sexual da súa relación con Vincent, de xeito o seu vínculo asume connotacións edípicas. Nese intre, Davodeau interrumpe o relato e confía ó lector a conclusión do mesmo.

Polo demáis, a idea de perda centra un relato aderezado con pingas de reflexión política. Para Vincent hai unha perda amorosa; para Abel unha perda familiar; Rose parece gañar un vínculo sentimental de natureza indefinida, pero non está claro que o vaia conservar unha vez que o relato finaliza. Davodeau ten ainda espazo para reflexionar sobre o comunismo, sobre a escrita da historia polos vencedores, sobre as actitudes individuais que fan agromar o fascismo, sobre a conciencia ideolóxica coma refuxio para quen carece doutras anclaxes vitais… A riqueza de contido do texto resulta desafiante nunha época na que predomina a retórica do entretemento e na que o discurso ideolóxico xera, cando menos, desconfianza. Davodeau confírmase coma un dos autores contemporáneos máis interesantes.

Entradas relacionadas
Morreu un home

luns, xuño 02, 2008

As olivas negras



Alégrome de ter lido dunha sentada os tres primeiros volumes d’As olivas negras de Sfar e Guibert, ¿Por que esta noite é diferente a outras noites? (Kraken, 2007), Adan Harishon (Kraken, 2007) e Non comerás o cabritiño no leite da súa nai (Kraken, 2008). E é que Joann Sfar, fiel ó seu estilo xenuino, fai avanzar a narración torrencialmente, engadindo tramas e personaxes, abrindo máis e máis camiños sen deixar nengún pechado. Conclúe o terceiro tomo e non só a historia non chega ó seu final senón que mesmo un ten a sensación de que a narración se atopa ainda pouco máis aló dos preliminares.

Outro rasgo típico de Sfar, esta vez temático, a omnipresencia do xudaísmo. Recunca o francés na revisión dos principios sobre os que se soergue a relixión xudía, desta volta cunha maior sutileza que na serie d’O gato do rabino ou que no proprio Klezmer. A aproximación é agora máis directa, menos irónica e cun humor que, sen desaparecer de todo, avanza soterradamente para ir aparecendo aquí e acolá.

Emanuel Guibert interpreta á perfección esta historia cun debuxo algo ríxido pero eficaz, correcto na caracterización e na ambientación. A narración, no canto de decaer, vai adquirindo interese. O final do terceiro tomo é tan abrupto coma o dos dous previos e, como aqueles, deixa con ganas de máis.

Entradas relacionadas – Joann Sfar
Klezmer: A conquista do leste
O gato do rabino: A bar-mitzva
O profesor Bell: O mexicano de dúa cabezas
O profesor Bell: Os bonecos de Xerusalén

mércores, maio 21, 2008

Nightwing: Amor e balas



Este terceiro tomo, Amor e balas (Planeta, 2008), ven a interrumpir un tanto o ritmo co que discurría a serie en solitario de Nightwing. A edición española, probablemente con bo criterio, non inclúe os capítulos relacionados co crossover No man’s land, no que a cidade de Gotham se vía asolada polo caos tras ter lugar un terremoto e ata que Chuck Dixon retoma a loita do ex-sidekick de Batman contra as mafias de Blüdhaven deixa pasar un par de capítulos autoconclusivos de escasa trascendencia.

Destacar apenas unha terna de cousas. En primeiro lugar, paréceme moi orixinal e magníficamente desenvolvido o capítulo titulado Os rapaces (The boys), no que Nightwing e Robin repasan as súas traxectorias subidos a un tren en marcha e cos ollos vendados. En segundo lugar, a tendencia de Dixon a introducir personaxes do bat-universo confírmase neste volume coa aparición dunha Cazadora daquela ainda en proceso de evolución coma personaxe. E en terceiro lugar, a demorada reaparición de Dudley Soames coma Torsión, abertamente estrafalaria, supón un contrapunto irónico ás tendencias noventeiras que comezaban xa a ficar obsoletas cando estes capítulos sairon á rúa por vez primeira.

Entradas relacionadas
Nightwing Ano I

domingo, maio 18, 2008

O almanaque do meu pai



As obras que xogan decididamente a carta das emocións plantexan dous tipos de problemas. Por unha banda, o autor debe atopar un difícil equilibrio que o alonxe da afectación e o sentimentalismo barato. Por outra, o lector corre o risco de confundir o valor da obra co dos sentimentos ós que esta apela. O almanaque do meu pai (Planeta, 2001) de Jiro Taniguchi posúe a inestimable virtude de conxurar estes dous problemas.

Taniguchi narra a historia do fillo que regresa á súa vila natal para redescubrir a figura do pai morto. O pasamento do pai pon punto e final á cadea de autoenganos coa que o fillo se mantivo arredado da súa orixe e obrígao a recoñecer á figura paterna a través da ollada dos outros. Ese cruce de perspectivas non só lle amosa facetas do finado ata entón descoñecidas, senón que lle reflicte unha imaxe de si mesmo que o obriga a reconsiderar a súa propria traxectoria. Hai, xa que logo, unha viaxe emocional espléndidamente desenvolvida por Taniguchi, rica en matices, fondamente humana e, sobre todo, desprovista de calquera artificiosidade sensibleira.

Coido que non pode entenderse unha obra como esta, na que os espazos son tan importantes, sen o inmenso talento gráfico do autor nipón e o seu especial talento á hora de crear ambientes. Noutras obras a construcción dos entornos semella ser, no mellor dos casos, un problema ó que dar solución para poder acometer a narración. Pola contra, Taniguchi entreténse na recreción dun espazo repleto de valor simbólico, a barbería do pai, territorio de infancia que acada unha sustantividade non menor que a do conxunto da vila natal, funcionando ambos coma recipientes que conteñen as claves da traxectoria vital do protagonista.

O almanaque do meu pai é, en definitiva, unha pequena alfaia que destila autenticidade dende a primeira ata a derradeira páxina.

Entradas relacionadas
Seton: “Lobo” o rei

sábado, maio 17, 2008

New X-Men: A procura de Magik



Hai tempo que non sigo ningunha serie en grapa e teño totalmente abandonada a franquicia mutante da Marvel, así que decidín mercar os catro números (30 a 33) que compoñen a saga A procura de Magik dos New X-Men (Panini, 2008), para variar os meus hábitos lectores e sabendo que nela voltaba á vida un personaxe polo que sempre devecín, Illyana Rasputin.

Se asumimos que, dende un punto de vista estrictamente técnico, un cómic ben desenvolvido é aquel no que o labor de guionista e debuxante permite ó lector unha lectura áxil e fluida, debemos concluir que éste é un cómic simplemente pésimo. Skottie Young pertence a esa estirpe de debuxantes que teñen un certo talento para a ilustración efectista (véxanse as súas portadas) pero de habilidade narrativa prácticamente nula. De pouca axuda resultan os diálogos de Chris Yost e Craig Kyle, confusos e repetitivos ata o paroxismo (Belasco pasa dous capítulos enteiros repetindo a mesma frase), sen que o conxunto da trama chegue a suscitar algún interese.

Non ten moito sentido recrearme falando dun cómic do que non podo dicir nada bo. Remato apuntando que é unha mágoa que este producto poida ser representativo da idea que Marvel ten dun cómic dirixido a un lector adolescente. Unha cousa é compoñer unha obra simple a base de acción intrascendente e espectacularidade formal e outra ben distinta é pretender que os rapaces se afeccionen ó cómic cun producto que é prácticamente defectuoso.

domingo, maio 11, 2008

Sam Pezzo



Ainda sendo Vittorio Giardino un clásico contemporáneo da BD europea, penso que o adxectivo que mellor lle acae á súa obra Sam Pezzo (Norma, 2006) é o de neoclásica. Giardino crea a este detective de sombreiro e gabardina a finais dos 70 e a súa intención, máis explícita nos primeiros capítulos, é a de recuperar o sabor do noir americano proprio das novelas de Hammett ou Chandler dos anos 30 e 40 que o cinema popularizara apenas uns anos máis tarde. Non se manifesta nengunha intención de revisión ou actualización. Pola contra, Giardino disimula a paisaxe da cidade que despois se revelaría claramente como Bolonia con rúas de apariencia neoiorquina e rótulos en inglés, ó tempo que introduce constantemente apelidos anglosaxóns. Un lector pouco atento ben podería pensar que a historia transcurre nos USA.

Sam Pezzo é un personaxe canónico de serie negra, un clásico recuperado que non pode lerse hoxe sen un sorriso desmitificador. De feito, Giardino dalle vida no que poderiamos considerar o último momento en que a súa literalidade ainda podía afrontarse directamente sen resultar cómica, a primeira metade da década dos 80. A partires de aí, un personaxe das súas características non pode sobrevivir sen o cuestionamento irónico e posmoderno das súas proprias coordenadas. E non hai rastro de ironía na anatomía emocional deste Sam Pezzo rudo e rosmón, noble baixo a súa apariencia descreída, que fuma, bebe e gosta das mulleres, afeito a encaixar máis golpes dos que propina. Ata o seu bigote rezuma unha virilidade trasnoitada.

As primeiras historias son curtas, directas e participan do amarguexo argumental proprio do hard-boiled. Nelas, Giardino amosa un trazo delicado e elegante, herdeiro da tradición franco-belga da liña clara, pero ainda en proceso de perfeccionamento. Co tempo, os argumentos gañan en complexidade e o debuxo acada unha desafiante mestría, con oito, nove e ata dez cadriños por páxina (un exceso en termos de historieta actual), un dominio total do branco e negro e un sentido da profundidade do que carecían as súas primeiras planchas.

xoves, maio 08, 2008

Jack Staff: Ecos do futuro



Paul Grist paréceme, ante todo, un gran debuxante. Ten un trazo moi sinxelo e se cadra o seu estilo non encaixa fácilmente no que pretende ser, con todos os seus matices, un cómic de superheroes. Pero á súa indiscutible personalidade gráfica engade un acentuado dinamismo e, especialmente, un saber facer na planificación de páxina que o convirten nun artista único e plenamente recoñecible.

Se destacados son os seus recursos gráficos, máis ainda o son os narrativos. A sinxeleza de Jack Staff é realmente enganosa. Grist desenvolve simultáneamente tres ou catro liñas argumentais a base de microepisodios de catro ou cinco páxinas, ó tempo que introduce novos personaxes de forma constante (poucas obras tan corais como este Jack Staff) sen que a coherencia se resinta. E todo este despregue para o que ó cabo é unha obra desprexuizadamente lúdica, unha divertida revisión de xéneros e iconas sen demasiadas pretensións. Dos superheroes clásicos, a personaxes de pulp, pasando polos heroes do cómic británico (os mesmos que, con moita menos fortuna, recupera a serie Albion) ou mesmo algún personaxe do mundiño (meigo ademáis de guionista, ¿adiviñan de quen se trata?), todos estes caracteres desfilan polas páxinas deste Ecos do futuro, (Dreamers, 2008) con cadansúas tradicións ás costas, nun revoltallo de cruces, acción e colorismo pop.

O último que se publicara en España do personaxe foi aquel lonxano Todo solía ser en branco e negro que publicara Recerca en 2005, tomo inaugural da serie que fora precedido por dous volumes cronolóxicamente posteriores. Lamentablemente desaparecida a editorial que os publicara, o presente tomo corre a cargo do portal web reconvertido en editorial Dreamers, a través do selo RCK que, polo que se ve, herdou o fondo editorial de Recerca. Unha ledicia que non se perdan os dereitos de edición desta cabeceira e podamos seguir disfrutando dela.

Entradas relacionadas
Jack Staff - Todo solía ser en branco e negro