martes, xuño 28, 2011

Aldebarán e Betelgeuse



Unha breve ollada ás páxinas destes dous volumes recopilatorios abonda para constatar a vistosidade dos debuxos de Leo (acrónimo de Luiz Eduardo de Oliveira): magníficas paisaxes, cores vibrantes, fascinantes deseños da flora e fauna dos dous planetas que lle dan o seu nome ás sagas e aos libros que as recollen. Mais é tras a lectura das obras cando se comprende que a grandiosidade das formas non desempeña unha función simplemente ornamental, senón que constitúe un elemento esencial do relato. Aldebarán (Planeta, 2008) e, máis claramente aínda, Betelgeuse (Planeta, 2009) son historias de colonización nas que o lector acompaña aos protagonistas na descuberta de territorios (de feito, planetas) novos. O sentido de marabilla dun e outros perante a beleza do descoñecido é o que xustifica a demora con que Leo deseña os escenarios e os seus habitantes, facendo do elemento gráfico un dos principais atractivos dos álbums. Pero non o único, xa que o autor brasileiro vai tecendo un longo relato que, no caso de Aldebarán, vai abalando dende unha fantasía con tintes ecoloxistas cara unha distopía política, ao que se engaden en Betelgeuse elementos de ficción científica, sempre a partir dunha narración na que o que predomina é a acción e a aventura. Sorprende, ademais, a demostración do pulso narrativo do autor: cada un dos volumes que mencionamos abrangue cinco álbums que foron publicados cunha cadencia aproximadamente anual, de xeito que a primeira entrega de Aldebarán (A catástrofe) viu a luz en 1990, mentres que o derradeiro álbum de Betelgeuse (O outro) data de 2005. Unha lectura conxunta demostra a minuciosidade con que foron construidos ambos ciclos narrativos, a regularidade do ritmo, a perfecta coherencia do conxunto. Hai xa un terceiro ciclo en marcha, Antares, do que só saiu polo de agora un álbum aínda inédito no noso país. Que siga e que o leamos.

xoves, xuño 23, 2011

Estambul e os misterios de Oriente



Superadas estas semanas de febril actividade laboral, chega unha nova Paisaxe de papel, desta volta adicada a Estambul, tradicional punto de encontro entre Oriente e Occidente. Desberg e Marini, Dufaux e Miralles, Zentner e Pellejero, Giardino; todos eles, aínda que cos comprensibles matices, retrataron a cidade dende parámetros claramente occidentais, en ocasións próximos ao estereotipo: o exotismo, o misterio, a sensualidade... O Ibicus de Pascal Rabaté aporta un contrapunto interesante, se cadra por reflectir a ollada esteparia de Alekséi Tolstói. Bótase en falta a voz dos estambulitas. Todo aquí, Estambul e os misterios de Oriente.

mércores, xuño 22, 2011

O Escorpión



Lin os dous primeiros álbums de O Escorpión, A marca do diaño (Norma, 2001) e O segredo do Papa (Norma, 2002), haberá catro ou cinco anos. A impresión que levei daquela foi que se trataba dunha cabeceira que apostaba explícitamente por reproducir os esquemas clásicos do relato de aventuras a través dun guión xeneroso en acción e dun acabado gráfico de atractivo indiscutible. Sen negar a eficacia da proposta, decidín que non era eu o lector ao que se dirixían os seus autores, Stephen Desberg e Enrico Marini. Iso si, lectores non deben de faltar, xa que a cabeceira vai xa pola novena entrega (con oito delas publicadas en España) máis un especial que se nutre de extras (deseños, bosquexos) non excesivamente valiosos e polo tanto dirixidos a seguidores incondicionais.

Achégome agora ao conxunto da obra publicada no noso país con intencións vicarias e recunco nas miñas impresións preliminares. A serie asume con sinceridade os seus presupostos lúdicos, adopta unha estrutura lineal, matizada por flashbacks introdutorios ao principio de cada nova entrega e ofrece ao lector equilibradas doses de acción, romance e intriga. Pouco importan os escasos matices con que e son definidos os personaxes, a teatral maldade do Cardeal/Papa Trebaldi, a inconsistente personalidade do Escorpión ou a súa previsible tirapuxa sentimental cos personaxes femininos, definidos apenas por contraste entre si, a unha en función da outra. O relevante é a renovación cíclica do espíritu aventureiro, o continuo plantexamento de retos, a constancia do pulso narrativo.

Dende o punto de vista gráfico, é unha obviedade destacar a espectacularidade do debuxo de Marini, artista dunha elegancia fácilmente apreciable. Chaman a atención, no negativo, algúns problemas nas perspectivas, especialmente nos primeiros tomos. Mais resulta igualmente salientable a forza icónica que imprime aos seus deseños, outorgándolle aos distintos personaxes unha imaxe inmediatamente recoñecible. Non é precisamente o Escorpión quen mellor exemplifica este rasgo, senón os personaxes secundarios: a cigana Mejai (de pel escura, vestida de cíngara, con frascos de veleno a colgar do seu cinto); Ansea Lata (rubia, de porte masculino, dotada de espada); ou o Capitán Rochnan e os seus monxes guerreiros (con capa e carapucha, teatralmente enmascarados). Os seus lapis representan Roma e o Vaticano con toda a súa grandiosidade e outro tanto pode dicirse das máis fugaces paisaxes de Estambul e a Capadocia. Non hai mellor publicidade para a cabeceira que contemplar o espectáculo colorista que recollen as súas páxinas.

Descoñezo cales son os plans dos autores para a serie. Intúo que unha prolongación excesiva podería perxudicar unha trama na que xa comeza a haber conspiracións bíblicas e (glups!) templarios. Mais entendo os motivos comerciais que poden aconsellar unha continuación que encaixa sen forzar excesivamente as premisas argumentais da obra. Se me permiten a obviedade, supoño que teremos Escorpión mentres os autores teñan historias que contar e os lectores queiran lelas.

xoves, maio 26, 2011

Powers: Z



Raúl López
detalla no prólogo de Powers: Z (Panini, 2011) os motivos que xustificarían o relanzamento da cabeceira cun novo número 1 coincidindo con este arco argumental (falamos, obviamente, da edición norteamericana; aquí publicouse sempre por tomos); ningún realmente convincente. A serie experimentou un profundo cambio de enfoque con ocasión do seu traslado de Image a Marvel-Icon, feito que conlevou unha primeira renumeración comprensible, mais de aí en adiante todo transcorre polo mesmo camiño. É certo que o tomo anterior pechaba unha longa subtrama coa substitución dun personaxe tan relevante como Deena Pilgrim, mais non é menos certo que a súa saída é máis virtual que real e que xa a temos de volta no final desta nova entrega. Xa que logo, os motivos, se os hai, son externos á lóxica interna da serie e con toda probabilidade de natureza comercial.

Polo demais, neste volume Brian M. Bendis segue a encher os ocos do pasado de Brian Walker, cun argumento que introduce fragmentos retrospectivos ambientados na Segunda Guerra Mundial, na que o hoxe policía loitou coma superheroe contra as potencias do Eixo no típico grupo seudo-JSA. Estamos perante un exercicio de retrocontinuidade non excesivamente referencial, no que, máis aló de reproducir a intervención dos superheroes no conflito, nin as figuras creadas son excesivamente icónicas nin o achegamento creativo se leva a cabo cos parámetros formais da época, solución ésta abundantemente explotada noutras cabeceiras. Pola contra, Michael Avon Oeming mantén o seu rexistro gráfico habitual tamén nas escenas que transcorren no pasado, probablemente porque o argumento, lonxe de incidir na inxenuidade nostálxica dos cómics daquela época, recunca na visión turbia e desmitificadora da figura superheroica.

O que comezou sendo un paseo noir polo patio traseiro das mitoloxías superheroicas rematou por converterse, case inadvertidamente, nun policíaco moito máis centrado nos personaxes protagonistas. A forza da proposta orixinal foi quedando polo camiño e aos creadores non lles quedan máis bazas que o atractivo de Walker e Pilgrim. Non se trata dun mal argumento, mais se cadra menos orixinal e ambicioso que o que deu sentido á cabeceira na súa orixe.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre
Powers: Identidade secreta
Powers: Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos

martes, maio 24, 2011

Penny Century



A primeira das historias deste Penny Century (La Cúpula, 2011) ten coma protagonistas a dúas mulleres que soñan con seren campionas de loita libre, espectáculo que atopamos frecuentemente nas paisaxes que imaxina Jaime Hernández, e que éste retrata cunha elegancia non exenta de certo realismo. Velaí unha posible clave para explicar a complicada alquimia do autor, a súa capacidade para naturalizar e mostrar como fermoso o que a priori debería resultarnos estraño ou extravagante. Coma en obras anteriores, circulan polas páxinas deste volume, ademais das mencionadas loitadoras de wrestling, superheroínas, extraterrestres, homes con cornos, mulleres que minguan e medran..., seres estrafalarios cos que somos quen de empatizar pola mediación duns argumentos que abalan entre o folletinesco e a comedia teen. O difícil equilibrio entre o cotián e o raro está presente en toda a obra de Hernández, tamén aquí.

Coma en títulos precedentes (e posteriores), é esta unha obra de protagonismo coral, de relacións cruzadas e historias sen principio e final definidos. O personaxe de Penny Century ten unha certa preoponderancia, mais o nome do volume tampouco debe levar a engano, son as locas habituais, Maggie e Hopey, personaxes que o autor perfilou con agarimo durante anos, as que ocupan, máis outra vez, o centro do relato. E máis outra vez o autor preme as teclas que fan que as sintamos próximas, familiares, entrañables. É unha cuestión de amor, Hernández trata as súas creacións cun cariño que termina chegando ao lector. Axuda, e non pouco, o seu grafismo enganosamente sinxelo, versátil (ademais de no capítulo Vacacións de verán, o rexistro cartoon asoma aquí e acolá), elegante e candoroso. Unha peza máis da única obra (e obra única) do seu autor.

Entradas relacionadas
Locas 1
Locas 2
Locas 3
A educación de Hopey Glass

venres, maio 20, 2011

Partida de caza



Pierre Christin e Enki Bilal escenificaban en As falanxes da orde negra (Norma, 2004) unha caste de confrontación final entre dous sistemas ideolóxicos, fascismo e esquerda libertaria, que o devir histórico abocaba á extinción. Os vellos fascistas erguíanse contra o modelo social europeo de finais do século XX (democracias burguesas, capitalismo máis ou menos limitado, Estados do Benestar...) con actos de violencia desesperada, conscientes da súa inutilidade; dábanse por aludidos e asumían a obriga de detelos un fato de ex-brigadistas, non menos desubicados (malia seren outras as apariencias) no novo contexto que os seus adversarios. O que pretendía ser un enfrontamento ideolóxico desembocaba nunha liorta persoal, un axuste de contas entre inimigos irreconciliables.

Christin e Bilal reúnense cinco anos máis tarde en Partida de caza (Norma, 2005), onde retratan a decadencia do bloque soviético. Publicada orixinalmente en 1983, é dicir, seis anos antes de caída do Muro, a obra relata a reunión dun grupo de dirixentes de distintas repúblicas da órbita soviética nun couto arredado da Europa do Leste para levar a cabo unha xornada de caza. Non estragamos nada se adiantamos que o que alí vai acontecer ten pouco que ver co lecer e moito con loitas intestinas polo poder. A cazata é, en definitiva, unha obvia metáfora da purga. Co seu retrato de varios persoeiros de diferentes estados comunistas, Christin e Bilal delimitan distintas posicións fronte ao chamado socialismo real, da ortodoxia militante ao oportunismo máis cínico, pasando por distintos graos pragmatismo e desafección crítica. Bilal, caracteriza os protagonistas coa dureza de trazo que o caracteriza, presentando un elenco de personaxes de perfil pétreo e hieratismo glacial, gráficamente inconfundibles dende a primeira viñeta.

A perspectiva que lle achega ao lector este clima cismático é a dun mozo idealista que asiste ao encontro en calidade de intérprete. Mais non habendo vontade de entenderse entre as partes, senón de se impoñer, e habendo xa unha linguaxe común entre eles (a violencia), a función que lle está reservada será ben outra. Os autores presentan unha praxe política na que a violencia non só é unha ferramenta habitual, senón mesmo, repetindo unha idea presente xa en As falanxes..., o sustrato final da ideoloxía. Christin e Bilal falaron en presente dun sistema político que se desintegraba e que hoxe percibimos cunha lonxanía enganosa. Pero o seu pesimismo vai máis aló, presentando a perversión do sistema coma consecuencia da condición humana, dunha ambición e un desexo de dominio que non coñecen límites.

Entradas relacionadas

domingo, maio 15, 2011

Mamed Casanova, o fillo da furia



Mamed Casanova, o fillo da furia (Demo, 2010) de Manolo López Poy e Miguel Fernández xira arredor dunha figura tan propria da historia e tamén do imaxinario galego coma a dos bandoleiros e fuxidos. Son moitos os estudos que sobre eles se teñen publicado na nosa terra e non poucas as ficcións (dende o paródico Fendetestas de El bosque animado ao Morning Star de Xosé Miranda) que se ocupan deles. Posta en relación coa obra coa que a editorial Demo comezou a súa andaina, Os lobos de Moeche (Demo, 2009) de Manel Cráneo, ambientada nas revoltas irmandiñas, parecería confirmarse unha vontade da editora de procurar un mercado para a banda deseñada en galego e de temática centrada en Galicia. O máis recente traballo publicado por Demo, Sen mirar atrás de Dani Montero (Demo, 2010), cuestionaría esta conclusión ou, cando menos, indicaría que a editorial traballa con horizontes máis amplos, algo que sen dúbida resulta igualmente saudable.

A obra que nos ocupa busca desacomplexadamente integrarse na categoría "baseado en feitos reais", relatando algúns dos episodios máis relevantes protagonizados polo fuxido Casanova, que lavou a cabo as súas actividades á marxe da lei nas proximidades de Ortigueira a principios do século XX. O guión, escrito con oficio por López Poy, aproveita o halo de romanticismo que rodea á figura do bandoleiro, sementando dúbidas acerca da lexitimidade dos poderes legais e fácticos e presentando a Casanova se non coma un heroe, si cando menos coma un personaxe máis ético que os seus opoñentes. Nunha sociedade inxusta, clasista, violenta, resulta doado identificarse cos revoltados.

A solidez do relato de López Poy atopa un alicerce fundamental nos deseños dun Fernández que compón con intelixencia e amosa unha notable soltura no branco e negro. Aínda que o seu estilo adoece dunha certa indeterminación entre o realista e o caricaturesco, a súa recreación da Galicia dura, ríspeta e sombría de principios do século XX non deixa dúbidas acerca do persoal da súa ollada. A eficaz compenetración dos dous autores sustenta unha obra que pode abordarse coma simple aventura, mais tamén coma aproximación preliminar a un fenómeno social e a un período histórico.

venres, maio 06, 2011

A ascensión do gran mal



Referíndome á obra pola denominación orixinalmente utilizada polo autor non estou a expresar ningunha preferencia, senón a aludir á edición que veño de (re)ler, a que Sins entido publicou en seis tomos entre 2001 e 2007. Existe unha reedición integral posterior que opta polo título de Epiléptico (Sins entido, 2009), que troca o metafórico polo descriptivo, pero segue a situar a doenza no cerne mesmo do relato. Lóxicas eleccións tanto unha coma a outra, xa que esa semella ser a idea que David B. pretende transmitir acerca de si mesmo e a súa familia, que a epilepsia do irmán maior condicionou decisivamente a vida de todos eles.

Tratándose dun drama persoal cunha dimensión social, máis aínda sendo unha obra autobiográfica e polo tanto "real", cómpre fiar fino para non valorar a obra a partir da lóxica empatía que provoca o problema exposto. Neste senso, coido que o grande acerto de David B. estriba na súa capacidade para facer da doenza do seu irmán o catalisador do relato mais non a cuestión esencial. A abafante proximidade da epilepsia é a clave que o autor emprega para explicarse a si mesmo e á súa familia. O duro tránsito colectivo, a procura de remedios médicos convencionais, naturistas, esotéricos, a ascensión en grupo do gran mal, serían factores esenciais para entender aos personaxes incluída a dimensión creativa do autor, que presenta o recurso á ficción coma forma de protección antes que de evasión.

A carga emocional do relato susténtase en boa medida na capacidade evocadora dun debuxo que combina orixinalidade e forza simbólica. Corpos planos, perfís xeométricos, composicións tan brillantes coma funcionais, un bestiario desacougante retratado sen matices, en brancos e negros absolutos. O autor baléirase en cada liña, en cada imaxe. E aínda conserva unha miga de inocencia para ofrecer un final luminoso, esperanzado.

Entradas relacionadas
Bagdad, esplendor e caída
A lectura das ruinas

luns, abril 25, 2011

Fágase o caos: Lux



Recuncan Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí como tándem creativo e coa (inxusta?) obriga de igualar os excelentes resultados de As serpes cegas (BDBanda, 2009), o seu exitoso e premiado traballo precedente. A parella aposta en Fágase o caos por unha narración máis longa, dividida en varios álbums dos cales Lux (Norma, 2011) é a primeira entrega. Nel relátasenos como un home común se ve involucrado nunha trama de espionaxe internacional na que están implicados opositores ao réxime ioguslavo do Mariscal Tito.

Malia diverxer no concreto, hai semellanzas entre o argumento desta nova obra e o da antecedente. Nos dous casos preséntasenos unha intriga con connotacións políticas que parte dun escenario internacional pero remata apuntando cara España, de Nova York á guerra civil española en As serpes cegas, do Londres dos anos 50 á España refuxio do fascismo europeo en Fágase o caos. Os autores parecen non querer arredarse das claves nas que ancoraron o seu éxito previo máis do imprescindible para que os paralelismos non resulten evidentes. Mantéñense asemade o ton sobrio, a contención formal, o ritmo pausado e constante, nun relato construido de acordo coas estruturas das ficcións clásicas de espionaxe. Cómpre salientar a magnífica ambientación de Seguí, cuxo Londres cinsento e bretemoso aporta ao relato a atmósfera que precisa.

Sempre resulta difícil xulgar unha obra en proceso, mais co creto gañado polos autores no pasado e tras a lectura deste primeiro acto, consistente e ben trazado, hai razóns abondo para agardar pola continuación. Esperemos que non tarde.

Entradas relacionadas
As serpes cegas

mércores, abril 20, 2011

Adèle Blanc-Sec 2



Os álbums de Adèle Blanc-Sec foron creados nun tempo no que non resultaban frecuentes as recopilacións, nin os tomos integrais que hoxe proliferan. Os autores europeos publicaban os seus traballos con cadencia xeralmente anual e a ese ritmo accedían os lectores á súa obra. Norma optou por un criterio máis contemporáneo á hora de reeditar as aventuras da creación de Jacques Tardi, recollendo os seus oito primeiros álbums en dous tomos (fica inédito o noveno tomo da serie, Le labyrinthe infernal, elaborado no 2007, datando o inmediatamente precedente de 1998). Tras ler o segundo volume (Norma, 2010) quedo coa impresión de que unha lectura conxunta posibilita un achegamento á obra mellor que unha lectura secuenciada. E iso porque Tardi fixo da confusión sinal de identidade da cabeceira, creando personaxes de nomes intercambiables, de aspecto deliberadamente semellante entre si e recuperándoos a todos, xunto con algúns eventos previos, en cada nova aventura. A autocita acada o seu paroxismo a partires de O segredo da salamandra, onde se dá entrada a Brindavoine, personaxe que protagonizara os dous primeiros álbums de Tardi como autor completo (Adeus Brindavoine e A flor no fusil) e ata o momento externo ao ciclo de Adèle.

Coma nos álbums anteriores, Tardi disfruta do ruído, amoreando personaxes, creando situacións absurdas, invocando criaturas formidables. A seudo-morte de Adèle na súa cuarta aventura valeulle para traela ao París inmediatamente posterior ao fin da Primeira Guerra Mundial, teima recorrente na obra do francés, e aproveitar o ambiente caótico da cabeceira para botarlle unha ollada distorsionada ao grande conflito. No final de cada relato nada remata porque todo continúa, remitindo ao seguinte capítulo. Un carrusel que non para.

Entradas relacionadas