xoves, febreiro 28, 2008

RG: Riyad-Sur-Seine


Apenas unhas semanas despois de ler Pílulas azuis, é probable que o mellor xeito de seguir coa obra de Frederik Peeters sexa cun traballo tan distanciado daquel como este RG: Riyad-Sur-Seine (Astiberri, 2007), onde a reflexión de corte biográfico e intimista en branco e negro se ve sustituida por un colorido e desprexuizado relato de xénero policiaco de vocación serial. Conxúrase o risco de repetir a fórmula de éxito o tempo que se confirma a versatilidade dun autor que xogou xa con outras formas de relato, dende a ciencia ficción ata o fantasía infantil. E agora coma entón, Peeters consegue ir máis aló do que serían meros exercicios de estilo; no canto de se recrear excesivamente nos tópicos do xénero, o autor suizo anteponlles a necesidade de contar unha historia nun escenario de vocación realista, e faino despregando os seus moitos recursos narrativos.

Este primeiro volume dunha serie de tres previstos constrúese a partir da figura protagonista, un Pierre Dragon do que non está claro se é personaxe convertido en guionista ou guionista convertido en personaxe. Todo o argumento semella concebido para dotalo de carisma e verosimilitude, ata o punto de quedaren desdebuxados o resto de secundarios: os compañeiros axentes, os superiores, os antagonistas, a parella actual e a ex-parella, así coma a súa filla. E pode dicirse que en boa parte o obxectivo se cumpre e Dragon consegue ser un personaxe interesante ainda que eu polo menos teño a sensación, a pesares da cantidade de boas críticas que obtivo esta obra, de que o conxunto se resinte un tanto do seu exceso de protagonismo e que este primeiro volume destaca máis polo que suxire de cara a un futuro que o que ofrece de seu.

Gráficamente, o labor de Peeters resulta tan impecable como adoita ser. Á relativa novidade que supón ver o seus lápices coloreados engádese unha estructura de páxina moi regular (que non repetitiva) e a habitual mestría do debuxante na caracterización dos personaxes. En conxunto, un traballo apreciable que probablemente irá a máis no futuro.

Entradas relacionadas
Pílulas azuis

sábado, febreiro 23, 2008

As aventuras do Universo



Cada vez estou máis convencido de que se as xeralizacións son sempre complicadas no que á arte se refire, sono aínda máis cando do sentido do humor se trata. Sinto unha predilección polas historias humorísticas de Lewis Trondheim, especialmente polas que protagoniza este papagaio antropomórfico trasunto do autor, pero non sabería explicar por que. As miñas circunstancias era unha obra case pesimista e dun humor destructivo centrada no quefacer profesional do autor; A maldición do paraugas recuperaba, grazas ó formato de crónica, unha ollada máis suavizada e con tendencia a unha ironía algo máis amable; este As aventuras do Universo (Norma, 2007) combina episodios de cotidianía con reflexións metafísicas de andar por casa. Pero permanece sempre ese personaxe entrañable que supostamente é o proprio Trondheim, rosmón e desganado, cetrino, mordaz, de conducta gamberril ás veces, pueril e mesmo inxenuo outras. E con el veñen os lugares comúns da súa obra, as reflexións do día a día, a insalvable contradicción que deriva de aborrecer certos aspectos do mundo e sentirse incapaz de facer nada para mudalos, a vontade tantas veces frustrada de nadar contracorrente.

Dicía que gosto deste autor e das súas obras e non sabería explicar por que. Podería mesmo discutirse se algunhas das planchas que compoñen este álbum teñen un contido realmente humorístico. E porén, todas elas me fan sorrir e mesmo asentir con complicidade. Xa que logo, non me fagan moito caso, supoño que son iso que se chama “un incondicional”.

Entradas relacionadas
A maldición do paraugas

venres, febreiro 22, 2008

O pequeno Polio



Seica a condición de fillo de arxelinos ten sido decisiva na obra de Farid Boudjellal, veterano autor francés que ten tratado temas sociais como o racismo ou a inmigración en varios dos seus traballos. O pequeno Polio (La Cúpula, 2007) non é unha excepción. Ambientado na Francia gobernada plenipotenciariamente por DeGaulle, o relato aborda simultáneamente asuntos tan dispares como a guerra de Alxeria e a situación dos arxelinos residentes en Francia, a integración dun rapaz fillo de inmigrantes e ademáis enfermo de polio, ou as dificultades dos adultos para lles explicar ós nenos á realidade da morte.

É probable que esa pluralidade temática sexa un dos principais obstáculos a que debe enfrontarse esta obra. As máis de cen páxinas que a compoñen semellan non ser abondo para lle dar un tratamento completo e coherente ó conxunto de temas abordados, o que fai que o ritmo da narración resulte irregular, sen que os picos de interese posúan a forza suficiente para lle dar nervio á totalidade. Isto tampouco implica que se trate dun traballo completamente fallido. Pola contra, a historia rexistra bos momentos, especialmente aqueles nos que se deixa sentir o predominio da ollada infantil, recurso narrativo que semella inesgotable.

Gráficamente, Boudjellal amosa unha solvencia pouco discutible. Cunha técnica próxima á acuarela, as súas páxinas destilan orixinalidade (apenas repite esquemas) e un colorismo sobrio.

xoves, febreiro 14, 2008

Aya de Yopougon



Norma publica na súa colección Nómadas o primeiro volume da serie Aya de Yopougon, escrita pola marfileña Marguerite Abouet e debuxada polo francés Clément Oubrerie. A obra tivo un inesperado éxito en Francia e gañou o Premio ó Mellor Primeiro Álbum no Festival de Angoulême 2006, polo que non é de estrañar que os autores decidiran continuala con dous volumes máis.

A historia, ambientada na Costa de Marfil dos anos 70, ten como protagonistas a tres rapazas adolescentes e xira en torno ás cuestións proprias desa idade: as relacións sentimentais, a apertura á idade adulta, a asunción de responsabilidades e a preparación para o futuro. Non pode negarse unha certa intención moralizante, ó apareceren as posicións respecto á necesidade de obter unha educación e basear as relacións persoais no mutuo respecto nítidamente dicotomizadas. Non obstante, a escritora non cae no adoutrinamento nin nun maniqueísmo simplista; pola contra, opta por modular a mensaxe cun comedido sentido do humor, fresco e intelixente. O resultado é una obra de lectura áxil e moi agradecida, en boa parte grazas á correcta execución de Oubrerie ós lápices. O debuxante, cun estilo moi europeo (ainda que posúe personalidade propria, lembra a Sfar ou, en menor medida, a Blain), desenvolve a narración cunha estructura simple pero moi eficaz.

A obra ten ademáis a virtude de poñer en cuestión a imaxe que das sociedades africanas se difunde en Occidente. Os marfileños preséntansenos coma xente de carácter festivo e despreocupado, nun retrato que se asemella máis á idea que temos dos países caribeños que ás fotografías de pobreza e enfermidade que adoitamos a relacionar con África. Xa que logo, tanto polos dilemas que plantexa como pola súa capacidade para cuestionar estereotipos, a lectura deste libro parece especialmente axeitada para rapaces de secundaria, como un xeito de fomentar o debate sobre os contidos e introducir ós máis novos na análise da BD coma vehículo de ideas. En calquera caso, tamén recomendable para lectores de calquera idade.

mércores, febreiro 13, 2008

Comprender o cómic



A lectura de Comprender o cómic de Scott McCloud (Astiberri, 2005) resultou para min tan sorprendente como adoitan ser as lecturas que se emprenden con ideas preconcebidas. Achegueime a esta obra na procura dun tratado sobre cómic, que explicase os mecanismos esenciais de funcionamento do medio (os máis deles intuitivamente coñecidos por min, coma para calquera afeccionado) e que, eventualmente, introducise algún concepto ou termo algo máis complexo de cara á mellor comprensión da novena arte. Xa que logo, o que eu buscaba eran certezas e o que atopei foi algo distinto por máis que semellante.

Comprender o cómic é máis a exposición dunha tese (ou conxunto de teses) sobre a narración gráfica que a simples divulgación dun coñecemento longamente destilado. Poderíase dicir que McCloud se fai preguntas e comparte cos lectores as súas respostas, pero mantendo sempre e dun xeito explícito as súas proprias reservas. Así concebida, a obra semella, antes que un ensaio ó uso (na medida en que se poida considerar ó uso un ensaio en viñetas), a exposición de temas e argumentos para o debate. Este plantexamento resulta posible nun medio como o cómic no que a ensaística e a teoría son aínda escasas nun intre como o actual, no que os avances nas tecnoloxías da comunicación posibilitan non só un diálogo rápido e directo dos lectores cos autores, senón mesmo a divulgación por parte daqueles dos seus puntos de vista sen necesidade de edición en papel. O proprio McCloud invita, no epílogo da obra, a que os lectores se dirixan a el para comentar, rebatir ou enriquecer os seus argumentos, explicitando a vocación desta obra como proxecto permanentemente inacabado.

Polo demáis, cómpre salientar a pericia de McCloud no aspecto expositivo. É tan certo que a explicación dunha tese sobre cómic reclama a presencia de imaxes explicativas coma que acometer o conxunto do proxecto en formato cómic é unha auténtica ousadía e a posta a proba das proprias habilidades coma narrador gráfico. E nese senso pode dicirse que o didactismo de McCloud fala por si só. Non só o seus postulados fican perfectamente expostos, senón que o conxunto da obra resulta áxil, amena e fondamente enriquecedora, o que fai que a súa lectura resulte altamente recomendable para calquer afeccionado á banda deseñada.

xoves, xaneiro 31, 2008

Tres lampos brancos



A historia de Tres lampos brancos (DePonent, 2007) xira en torno á chegada dun enxeñeiro de cidade a unha pequena vila da Bretaña francesa para levar a cabo a construcción dun faro. A confrontación entre a racionalidade científica e a forza irracional da natureza escenifícase, xa que logo, por partida doble: na loita pola conquista dun anaquiño de mar e no proceso de integración do estraño na cultura local.

En termos de colonialismo, o discurso da obra resulta ambivalente. O protagonista só é capaz de progresar no seu proxecto racionalista fronte a natureza na medida en que consegue vencer as reticencias dos “indíxenas” e facelos partícipes da súa angueira. O enxeñeiro trunfa na medida en que resulta eficaz coma tentáculo dunha administración que obra en beneficio de si e non necesariamente dos habitantes da vila. Pero para conseguilo, o propio funcionario debe renunciar á súa identidade de tal e deixarse abducir polo círculo social no que se integra. Paradóxicamente, só é quen de exercer dacordo co seu estatus unha vez que renuncia a el.

De todos os lugares comúns que compoñen a trama é probable que o máis rechamante sexa o rutinario namoramento do enxeñeiro cunha moza da vila. O autor non se molesta en definir sequera mínimamente ó personaxe feminino, o cal non deixa de ter a súa lóxica xa que, de feito, carece dun papel sustantivo no relato. A súa función é, curiosamente, a de exercer coma obstáculo na relación que semella ser a realmente importante, a amizade (supoñemos) entre o enxeñeiro e un mozo local, anterior amante de aquela. A lectura en termos freudianos é obvia, máis se se contempla a escena que pecha o tomo, na que o optimismo galopante dos protagonistas aparece íntimamente vencellado á súa viril camaradería.

Pero non é na construcción do relato, senón no labor gráfico, onde Bruno LeFloc’h se amosa máis consistente. A claridade da imaxe, o seu desbordante colorido ou a perfecta ambientación acompañan á narración no seu tono optimista, mesmo próximo á inxenuidade. A súa condición de autor novo e prometedor (foi Premio René Goscinny no 2004 por esta obra) invita a pensar que mellorará no futuro, tanto como debuxante como coma contador de historias.

martes, xaneiro 29, 2008

Fagin o xudeu



Will Eisner non disimula en absoluto as súas pretensións didácticas con esta novela gráfica de madurez na que leva a cabo unha recreación do personaxe de Fagin, o xudeu que acubillaba ós delincuentes xuvenís na dickensiana Oliver Twist.

A obra xurde coa inequívoca vontade de poñer en cuestión o estereotipo xudeu que a obra devandita recolle e transmite, e faino coas cautelas que cabería esperar dun autor da talla de Eisner. Lonxe de limitarse a lle dar a volta á tortilla, Fagin o xudeu (Norma, 2004) emprende o labor de desmitificación pola vía de enriquecer e contextualizar a biografía do personaxe. Se tras un clixé hai sempre unha simplificación, parece acertada a estratexia de cuestionalo construindo un personaxe complexo e cunha intensa traxectoria vital claramente mediatizada por condicionamentos sociais. Por outra banda, Eisner elude a tentación de beatificalo ou de ampararse nun determinismo igualmente simplista. O seu Fagin é un personaxe completo, coas súas virtudes e defectos e as contradiccións proprias de calquera persoa. A decisión, o xuízo moral, non veñen dados pola obra, senón que, pola contra, se trasladan ó lector.

Fagin o xudeu pode considerarse ademáis un traballo plenamente representativo da época final de Eisner, ó recoller varios dos tópicos temáticos proprios do conxunto da súa obra (a condición xudía, pero tamén o cuestionamento de certos estereotipos) e o destilado final da súa constante investigación e experimentación en canto as posibilidades da narrativa gráfica. A integración directa das imaxes na páxina sen a mediación (agás poucas excepcións) de viñetas ou mesmo de bocadillos (que aparecen desdebuxados), longamente reivindicada por Eisner, confírmase, coa súa espléndida execución, coma unha opción tan válida e suxerente como pouco utilizada no medio. O uso de tonos ocres (no canto dun branco e negro puro) pode resultar máis discutible, anque confire unidade ó conxunto e pode considerarse axeitado ó enfoque da narración.

En definitiva, este Fagin é outra demostración de que Eisner mantivo o pulso, a fe no medio e o espírito combativo ata o final da súa carreira.

Entradas relacionadas
Contrato con Deus

sábado, xaneiro 26, 2008

O retorno á terra: A vida auténtica



Xa teño deixado constancia de que non comparto o entusiasmo maioritario por Manu Larcenet. A miña experiencia coa súa obra lévame a ter unha mellor consideración do seu traballo canto menores son as súas pretensións. Iso sería, a priori, un bo agoiro de cara a unha serie como O retorno á terra, que se plantexa como o anecdotario en clave pseudo-biográfica dunha parella de urbanitas que se trasladan a vivir ó campo.

E debo dicir que cando menos a primeira entrega da serie, A vida auténtica (Bang Ediciones, 2007), confirma a tendencia previa. A razón de un gag por páxina (algunhas delas dunha soa viñeta), Larcenet desprega a súa vea máis despreocupada e cómica, con anécdotas que, en moitos casos, funcionan por acumulación e cuns personaxes que, desprovistos de calquera gravedade, resultan abondo máis agradables que os d’Os combates cotiáns. Descoñezo que parte de mérito lle corresponde a Jean-Yves Ferri, acreditado como co-guionista da obra, pero recoñezo que tras a súa lectura quedei con ganas de máis.

Entradas relacionadas
A liña de fogo
Os combates cotiáns: O que de verdade conta
Os combates cotiáns: Tantas cousas pequenas
Os combates cotiáns

mércores, xaneiro 23, 2008

Non me deixes nunca



As obras de Jason adoitan engadir ó seu tono pausado e reflexivo un distanciamento irónico que se ve reforzado, entre outros aspectos, pola utilización como personaxes de animais antropomorfizados. A esa constante dos seus traballos hai que engadir en Non me deixes nunca (Astiberri, 2007) o feito de que os protagonistas sexan ademáis coñecidos literatos da primeira metade do século pasado (o Hemingway que da nome ó álbum na súa edición orixinal, Ezra Pound, Scott Fitzgerald, Sartre, Gertrude Stein…) durante o seu tempo de estadía en París, máxime cando o episodio relatado non só é ficticio senón claramente impropio das figuras implicadas. Ainda así e partindo de que a narración en si non demanda que os seus protagonistas sexan os escritores citados, non podo deixar de recoñecer que a elección de Jason permite redondear o relato e outorgarlle un indiscutible encanto, complementando o lector co seu proprio coñecemento dos literatos implicados o labor de caracterización do autor noruegués.

Froito do anterior, a obra de Jason resulta ser un peculiar cóctel de emocións, que da cabida á ironía máis sutil e a un evidente sentido lúdico nunha atmósfera predominantamente melancólica. O seu debuxo, limpo e económico, resulta un complemento perfecto. A estructura case inmutable de nove cadriños por páxina, o seu perfecto sentido do espacio, as figuras planas, lineais, sen sentido de profundidade, aproxímano á liña clara. Pero de novo hai un matiz, esta vez representado por unha coloración de tono ocre, moi alonxada das cores rechamantes proprias da liña clara convencional.

En suma, unha historia con encanto que expresa perfectamente a peculiar voz artística do seu autor.

sábado, xaneiro 12, 2008

Os leóns de Bagdad



Explícitamente inspirada nun feito real, a liberación dos animais do zoo de Bagdad como consecuencia da invasión da cidade polos norteamericanos, Brian K. Vaughan plantexa en Os leóns de Bagdad unha fábula dirixida a reflexionar sobre a recente guerra de Irak e, mediatamente, sobre a disxuntiva clásica entre liberdade e seguridade. Trátase, xa que logo, dunha obra marcada pola súa vocación reflexiva, o que determina o grao de esixencia que nos podemos permitir fronte a ela.

O principal problema que lle atopo a este traballo é que non vexo claro a que carta quere xogar. Por unha banda, os seus propósitos van alén da mera narración da peripecia, que resulta de seu escasa e mesmo pouco interesante. Pero por outra banda, a profundidade da súa análise é mínima, reducindo ós animais protagonistas a personificacións (obviemos que non son propriamente persoas) planas dos estereotipos que representan. Inevitablemente, os dilemas plantéxanse en termos simplistas e mesmo chegan a resolverse cunha incómoda ambigüidade. O resultado é, ó meu entender, unha obra claramente fallida, fatalmente superficial cando o que pretende é precisamente o contrario.

O labor gráfico de Niko Henrichon si resulta digno de aprecio. O seu deseño dos personaxes protagonistas apela á versión edulcorada dos animais antropomórficos proprios do cinema infantil de debuxos animados o que, se cadra, confirma o reduccionismo da trama. Malia iso, as súas imaxes, ben apoiadas nun eficaz uso das cores, resultan dunha espectacularidade notable, confirmándoo como un artista que axiña se abrirá paso no mainstream norteamericano.

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Ex Machina: Malos fumes