mércores, outubro 28, 2009

Powers: Para sempre



O primeiro que cómpre é celebrar que Panini retome a publicación de Powers, a magnífica cabeceira de Brian Michael Bendis e Michael Avon Oeming, e o faga ademáis no punto onde o deixara Planeta. A nova entrega, Para sempre (Panini, 2009), marca un punto de inflexión importante na cabeceira. A decisión de Bendis de esclarecer a orixe do personaxe principal (e da mitoloxía superheroica do seu microuniverso de ficción) pode resultar ata certo punto lóxica mais tamén arriscada: elucidar o pasado misterioso dun personaxe non só supón cancelar unha fonte importante de recursos argumentais, senón que frecuentemente adoita traducirse nunha grave perda de carisma. Ademáis, este arco argumental vén a alonxarse de feito da liña marcada nas entregas anteriores, ao poñer a cuestión dos superpoderes nun primeiro plano cando ata o de agora fora só parte, anque importante, da paisaxe.

Bendis leva adiante a súa opción con coherencia pero sen excesiva brillantez. Remontándose nos estadios evolutivos do ser humano e expoñendo teorías cosmogónicas resultan inevitables unhas pouco favorecedoras comparanzas con Stanley Kubrick ou Alan Moore, por máis que sexan de agradecer tanto o ton livián como as chiscadelas referenciais. Concluido o relato, non pode dicirse que a estrutura do personaxe principal mellorara, mais tampoco empeora. Se cadra a viaxe era innecesaria, pero o importante é que todo indica que, tras o inciso, a cabeceira recobrará os seus sinais de identidade: policíaco impuro, diálogos artificiosos (no mellor estilo Bendis), tensión sexual non resolta entre os protagonistas e distancia irónica. Ou sexa, unha delicatessen.

Avon Oeming, como sempre, é dicir: magnífico.

martes, outubro 27, 2009

Hellboy: A escuridade chama



Individualmente consideradas, as narracións que conforman o ciclo de Hellboy poden interpretarse coma un simple divertimento, a reciclaxe en clave lúdica dos lugares comúns do xénero terrorífico. Porén, unha lectura global e ordenada revela unha realidade máis complexa, un texto hipercodificado, transxenérico e irónico co que se revisa o xénero e se explora a súa viabilidade contemporánea. Recoñecendo as limitacións de Mike Mignola como guionista, penso que tampouco debemos pasar por alto a súa claridade de ideas respecto ao proxecto que quixo desenvolver (e está a desenvolver) coma autor completo. As historias de Hellboy poden parecer simples, repetitivas ou superficiais, pero o conxunto da proposta resulta, en moitos sentidos, máis moderno e estimulante que outras moitas producións mellor consideradas.

Hai na cabeceira dous tipos de historias. Dunha banda, arcos argumentais dunha certa extensión, organizados en miniseries de varios números e normalmente centrados principal ou secundariamente na tensión entre liberdade individual e predestinación que constitúe o drama persoal do protagonista; doutra, narracións breves a través das cuais o autor dialoga coa tradición do xénero terrorífico. A escuridade chama (Norma, 2008) estaría no primeiro grupo, levando un paso máis aló a rivalidade entre Hellboy e Baba Yaga, que nos últimos tempos se está revelando como a principal antagonista do demo vermello en sustitución de Rasputín. O relato axéitase ao que o autor nos ten afeitos, coa habitual recuperación de figuras arquetípicas do xénero macabro (desta volta as meigas, ata agora prácticamente ausentes), unha incursión no folclore ruso e a habitual resolución a puñadas dos conflitos esotéricos aos que o protagonista se ve sometido.

Cómpre destacar o soberbio labor aos lápices dun Duncan Fegredo que mantén un perfecto equilibrio entre a súa personalidade como ilustrador e a coherencia visual da cabeceira, ben secundado por un Dave Stewart que se reivindica coma un dos mellores coloristas do momento.

Entradas relacionadas

domingo, outubro 11, 2009

Wild Worlds



A recopilación dos cómics que Alan Moore escribiu nos anos 90 para Image e Wildstorm en tomos como o de WildC.A.T.S. (Norma, 2009) ou este Wild Worlds (Norma, 2009) pode entenderse xustificada, ademáis de pola lexítima vontade dos editores de tirarlle aproveitamento económico ao nome duns dos escritores máis importantes do momento, pola conveniencia de que o conxunto da súa obra resulte accesible para calquera lector que se queira aproximar a ela. Dito iso, poucos motivos máis aconsellan a reedición ou mesmo a lectura dos cómics que integran este volume.

O tomo ábrese cun insubstancial crossover de catro capítulos entre Spawn e os WildC.A.T.S. caóticamente debuxado por un Scott Clark que se cingue ao canon gráfico da época: sacrificio da narrativa a prol dunhas composicións imposibles, dexeneración anatómica e confusión xeralizada. A historia de Moore é tan terrible coma se fose calquera outro guionista da factoría Image quen a escribise.

A miniserie Voodoo: Dancing in the dark supón unha certa mellora, tanto no argumental como no artístico. Moore tenta crear unha atmósfera de terror esotérico a partir da ambientación da historia en Nova Orleáns, mais a superficialidade do enfoque e as concesións á vergonzante exhibición anatómica da protagonista reducen os resultados a un policíaco convencional e non pouco inxenuo. Michael Lopez e Al Rio incurren nos tópicos anteditos do debuxo noventeiro, mais mantendo unha certa pulcritude narrativa.

En Deathblow: Byblows, Moore ofrece unha nova version do personaxe Deathblow que (seica) morrera e que (seica) era recuperado así para o seu posterior uso (do que non teño noticia). Ilustrada por un Jim Baikie especialmente tosco, a miniserie invirte tres capítulos para narrar o que cabería en un.

Incomprensiblemente, pecha o tomo WildC.A.T.S.: Reencarnación, unha historia escrita por Moore e debuxada por Travis Charest que sairía publicada no número 50 da cabeceira creada por Jim Lee e que Norma incluira xa no recopilatorio anterior.

Non me esquece falar de Wildstorm Spotlight: Majestic, un capítulo único debuxado por Carlos D’Anda que probablemente constitúe, malia a súa discreción, o mellor deste volume. Moore escribe unha historia protagonizada polo icónico Mr Majestic (enésimo Superman apócrifo) sobre a morte do universo, o que lle permite combinar os seus coñecidos delirios cosmogónicos cun agradecido ton de melancolía galáctica.

Entradas relacionadas
Tom Strong 1

martes, setembro 29, 2009

Daredevil: Condenados



O proceso de transformación a que Frank Miller someteu a Daredevil desde que se fixo cargo da súa cabeceira atopa unha primeira culminación no número 182 da serie orixinal que recupera Panini no seu quinto volume BoME adicado ao personaxe baixo o título Condenados (Panini, 2009). Nese punto finaliza a liña argumental que, coa relación entre Daredevil e Elektra no cerne, termina de redefinir a estatus de Kingpin e Bullseye, o primeiro como antagonista principal do personaxe e o segundo como xemelgo rival. O número 181, coa morte de Elektra a mans de Bullseye (penso que non estrago nada revelando un dato de hai máis de 25 anos e devorado xa pola continuidade) reincide na dimensión tráxica que se lle quere dar ao superheroe cego e pode considerarse un auténtico clásico do xénero. É certo que o capítulo se dirixe a un lector moi distinto do actual, máis inxenuo ou, se cadra, menos maleado polo abuso do asasinato/resurrección de personaxes coma fórmula comercial, mais conserva aínda a forza que lle outorga non só a súa perfecta execución gráfica (máis outra vez, Miller está soberbio na narración) senón a súa indiscutible congruencia coa liña argumental precedente. E non só iso, a ambigua caracterización de Elektra fai que a súa morte conculque o esquema clásico segundo o cal o heroe morre nun sacrificio a prol dun ben maior. Elektra, difícilmente clasificable como heroína, e Bullseye son dous asasinos a pelexar por intereses, sen fins altruistas á vista, o que non impide que a morte da primeira achegue un paso máis a Daredevil ao abismo e toque emocionalmente ao lector.

A partir do número 183, Miller desenvolve unha historia sobre o tráfico de drogas co Castigador coma antagonista. O xiro argumental válelle ao autor para relaxar o ton dramático da cabeceira e recuperar en boa medida un certo convencionalismo superheroico que, casualmente ou non, se ve acompañado dunha proposta formal menos coidada.

Entradas relacionadas
Daredevil: Marcado pola morte - Elektra

Entradas relacionadas – Frank Miller

xoves, setembro 17, 2009

Tres sombras



Se había algo que facía sobrancear unha cabeceira tan discreta como Ring Circus era o marabilloso debuxo de Cyril Pedrosa, artista moi influenciado polo Disney máis recente, especialmente na feitura dos personaxes. Tres sombras (Norma, 2008), unha fábula escrita por el mesmo e premiada en Angoulême no 2008, amosa unha faciana ben distinta do debuxante francés. A cor, recurso que o autor manexaba con exuberancia nos seus traballos previos, deixa paso a un branco e negro menos espectacular pero que lle dá pe a empregar unha variedade de recursos maior. Aínda que perde en preciosismo e inmediatez, Pedrosa adopta unha diversidade de rexistros que enriquecen o seu traballo, amosando un catálogo de solucións amplo e imaxinativo. Doutra banda, a mellor proba de que a súa narrativa segue a ser magnífica é a velocidade con que se poden ler as case 300 páxinas que compoñen un álbum que se reivindica así como accesible tamén para rapaces novos.

Mais se cadra é na definición do ton da historia onde Tres sombras resulta máis obxectable. Pedrosa incorpora compoñentes habituais da narrativa xuvenil, dende o protagonista infantil a elementos fantásticos pasando polo pulo aventureiro que preside a viaxe dos personaxes principais. Mais de súpeto, o fantástico torna en alegórico ao tempo que se mantén unha molesta vocación moralizante. Ademáis, o ritmo narrativo e a estrutura do relato semellan descompensados, cun contraste entre os lances que se presentan delongadamente e os que se sustancian de xeito apresurado. Analizada no seu conxunto, a obra invita a seguir a traxectoria dun Pedrosa que engade á súa condición de debuxante magnífico a de escritor prometedor.

Entradas relacionadas
Ring Circus: Os revolucionarios
Ring Circus: Os amantes

mércores, setembro 16, 2009

Maus



A concesión en 1992 do premio Pulitzer ao Maus de Art Spiegelman marcou un fito na historia do cómic e supuxo a consagración definitiva dunha obra que xa colleitara excelentes críticas e importantes premios dentro do medio: un en Angoulême, un Max & Moritz e dous Eisner entre outros. Mais a obra foi tamén, en certo sentido, vítima do seu éxito, ao acadar un pouco favorecedor estatus de intanxibilidade. Recoñezámolo, os afeccionados ao cómic empregamos a Maus como ariete na loita pola dignificación do medio. A maioría das veces que mencionamos a obra facémolo exhibindo o seu premio Pulitzer coma certificación obxectiva da súa calidade e confirmación da validez do medio. Esta totemización, ademáis de demostrar que precisamos do recoñecemento externo para fornecer as nosas conviccións e revelar, xa que logo, unha actitude acomplexada pola nosa banda, impide de feito unha correcta valoración crítica da obra, baseada na súa estricta valía antes que na súa utilidade simbólica.

É máis, no canto de amosar tanto agradecemento á Universidade de Columbia e ao Padroado do Premio Pulitzer, ben poderiamos preguntármonos non xa por que non existe unha categoría dos mesmos adicada con carácter xeral á BD, senón como mínimo por que este é o único cómic que ten recibido o galardón nos máis de 90 anos da súa historia. Dito doutro xeito, non se ten publicado entre 1992 e hoxe ningún outro cómic merecente dun Pulitzer? Tan irrepetible, tan único na súa especie é Maus?

E aínda máis, non me sorprende que fose precisamente unha obra sobre o holocausto a primeira e única BD en romper esta barreira e ser acollida no selecto club dos premiados Pulitzer, confirmando a tendencia a modular a valoración das producións culturais en función da solemnidade do asunto do que se ocupan. Por poñer un exemplo, dubido que un clásico tan inexpugnable como o Príncipe Valente de Foster, en tanto que intrascendente incursión no imaxinario artúrico, tivese a menor oportunidade de obter un Pulitzer.

Co anterior non pretendo devaluar a obra de Spiegelman senón precisamente o contrario: soster que a súa reivindicación pode sosterse en criterios estrictamente artísticos. Veño de rematar a versión en galego (Inrevés, 2008) da obra coa impresión de que amosa unha exemplar resistencia ao paso do tempo. Spiegelman acerta coa renuncia a presentarnos ao seu pai Vladek coma heroe supervivente e engrandecido pola súa xesta persoal, deixando constancia do complexo e contraditorio da súa personalidade (o seu carácter irascible, cicateiro, maniático, voluble…) e da difícil relación entre ambos. O debuxo de Spiegelman, co seu trazo expresionista e a súa economía de medios, mantén tamén unha peculiar modernidade. A día de hoxe o relato no seu conxunto conserva aínda unha forza conmovedora que deriva da perfecta (anque sinxela e prácticamente lineal) narración dos feitos antes que da súa cacarexada veracidade.

Cómpre destacar tanto a moi correcta tradución de Diego García e Olga Amado dun texto nada doado, coma o conxunto da edición de Inrevés. Que fose unha editorial mallorquina a que tomase a iniciativa de publicar en galego unha obra tan significada (e que o fixese ben) debería ser materia para a reflexión.

mércores, setembro 02, 2009

Londres, literatura en pedra



Para imaxinar Londres, Edgar P. Jacobs empregou o hemisferio cerebral dereito; Alan Moore e Eddie Campbell valéronse do esquerdo. Londres, literatura en pedra, primeira Paisaxe de papel posvacacional.

xoves, agosto 20, 2009

Criminal: Mala noite



Para cantas variacións dá a terna perdedor/muller fatal/poli corrupto? Para poucas, na miña opinión, especialmente se quen as escribe se deixa levar pola melodía dun saxo decadente. Malia iso, recoñezo que estaba a disfrutar con Mala noite (Panini, 2009), o cuarto arco argumental de Criminal, a cabeceira noir creada por Ed Brubaker e Sean Phillips, desta volta cunha narración planificada a conciencia e na que cada pequeno detalle termina demostrándose relevante. Ademáis, Brubaker inclúe, nunha chiscadela á que o non nos ten afeitos, un cómic dentro do cómic, cunha tira de prensa protagonizada por un detective que é claro homenaxe a Dick Tracy, mais tamén a Slam Bradley e a calquera outro tipo duro de historieta.

Mais as dúbidas abrollan de novo na conclusión do relato. Coido que Brubaker non acerta recurrindo ao tópico manido do desdobramento de personalidade, menos aínda coa sobreexplotada imputación ao personaxe de ficción das accións das que renega a conciencia do protagonista. Pero en definitiva, a cuestión esencial é se ten sentido ou se merece tanta gabanza unha cabeceira na que dous grandes do cómic americano consagran o seu probado talento a reproducir esquemas que teñen sido xa explorados en todas as súas vertentes. Dito doutro xeito, é precisa unha superbanda para versionear clásicos do blues?

Entradas relacionadas
Criminal: Lawless
Criminal: Covarde
Criminal: Os mortos e os moribundos

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

mércores, agosto 19, 2009

Tom Strong 1



Sinalar o carácter icónico do personaxe de Tom Strong é pouco menos que caer na obviedade. Así o indican a sonoridade do seu nome, a súa orixe, que lembra a Verne, Rice Borroughs e tantos outros, e o seu perfil moral, dunha simplicidade típicamente heroica. Porén, en poucas ocasións ten construido Alan Moore unha narración tan ancorada na súa literalidade e, por tanto, tan frontal e sinxela, coma nos capítulos que compoñen este primeiro tomo (Norma, 2006) das aventuras do personaxe, nos que a vontade de recuperar unha ollada inocente predomina sobre calquera intención revisionista ou referencial.

Así, a ese personaxe-icona incorpórase unha familia heroica, dous secundarios amables (un simio parlante e un robot mordomo que aportan o contrapunto cómico) e uns viláns tan xenerosos en grandilocuencia coma escasos en matices. Establécese deste xeito o marco idóneo para desenvolver unha forma de relato centrado na aventura e o enxeño nun contexto moralmente plano, no que a literalidade da trama capitaliza o interese do texto por riba duns dilemas éticos prácticamente inexistentes. Chris Sprouse contribúe eficazmente aos mesmos fins, con deseños perfectamente acaídos e un debuxo asequible e luminoso, e igual sintonía presentan as páxinas que aportan outros debuxantes, primeiras figuras como Arthur Adams, Gary Frank, Dave Gibbons ou Jerry Ordway que participan en calidade de “artistas invitados” .

O texto reclama, xa que logo, un lector de ollada limpa e disposto a marabillarse ou, dito doutro xeito, mal encarreirado estará o lector habitual de Moore que busque nas páxinas desta cabeceira a mensaxe analítica e desmitificadora que lle é característica: o obxectivo non é derrubar mitos senón reconstruilos. Atopamos, é certo, algúns dos rasgos de estilo propios do de Northamton, coma o xogo metaliterario do primeiro capítulo ou a presentación de acontecementos pasados baixo fórmulas narrativas anticuadas ao xeito do que xa fixera en Supreme. Fóra diso, o único subtexto semella ser precisamente a falta de subtexto.

Entradas relacionadas

mércores, agosto 12, 2009

Stuck rubber baby



Todo o bo que lera sobre Stuck rubber baby (Dolmen, 2006) era certo. Considerando o moito e moi gabancioso que se ten escrito sobre a obra de Howard Cruse, probablemente non sexa preciso maior comentario. Entre os seus múltiples acertos destaca o de revestir de conxunto de vivencias persoais o que non deixa de ser un relato social e político sobre a intolerancia. Mantén ademáis o control emocional en todo momento, sen caer en excesos dramáticos e cun tratamento mesurado, anque non equidistante (cabe a equidistancia fronte o racismo e a homofobia?), do conflito social retratado. Por último, non se adoita dicir, probablemente polas moitas virtudes do texto, que Cruse é un estupendo debuxante, pouco atractivo nunha primeira achega, mais exemplar no empego de recursos para o aproveitamento da páxina.