domingo, decembro 28, 2008

The Umbrella Academy: Apocalypse suite



The Umbrella Academy, o fugaz pastiche pop imaxinado por Gerard Way, preséntase coma unha morea de tópicos coroada por virtudes tan estimables como a inmediatez e a coherencia. Xa no primeiro capítulo do arco argumental que inaugura a serie, Apocalypse suite (Dark Horse, 2008), fican presentados os personaxes, o escenario e o ton da cabeceira. Todo cabe: superheroes, fantasía, terror, pulp, ficción científica… De aí en adiante a trama flúe a borbotóns, nun desenfadado festival de acción, imaxinación e clixés de culebrón. Se a execución e o ritmo son impecables, non é menos certo que os recursos dos que o autor bota man son o estereotipo e a renuncia a calquera orixinalidade que non sexa superficial. Cando a trama chega á súa conclusión case todas as posibilidades da serie parecen esgotadas: o irmán desaparecido apareceu; a irmá marxinada cumpriu o seu destino; as combinacións románticas ficaron reveladas; tan só permanece un misterio, a morte do irmán 00.06, o lovecraftiano Horror. Seguindo a máxima punk, The Umbrella Academy vive apresa, morre axiña e deixa un bonito cadáver. O debuxante Gabriel Bá, cruce de camiños entre Mike Mignola e a escola Cartoon Network, acompaña con eficacia. O colorista Dave Stewart tamén.

mércores, decembro 24, 2008

Desolation Jones: Made in England



Warren Ellis é un autor interesante pero irregular. Na súa abondosa produción atopamos obras tan salientables e influíntes coma Planetary ou o primeiro volume de The Authority xunto a traballos prescindibles coma Mek, Red ou Dark blue. É por iso que mantiña unha actitude de prudencia ao achegarme a este Desolation Jones (Norma, 2007), obra non excesivamente popular na que o británico conta co sempre excelente J.H. Williams III aos lápices. E quer por esa actitude, quer porque a obra o vale, o certo é que a miña impresión é francamente boa, sendo este Desolarion Jones un dos traballos máis interesantes que lle teño lido a Ellis.

Resulta moi evidente que este primeiro arco argumental, composto por seis capítulos, estaba destinado a presentar un elenco de personaxes e bosquexar os rasgos dun particular universo coa intención de ser continuado en entregas posteriores. É moito o que se suxire deste detective albino e enfermizo e do seu entorno e relativamente pouco o que se amosa. Porén, os personaxes teñen carisma e a trama, unha revisitación en clave futurista (un tanto freak) do xénero criminal, está ben resolta. De feito, agradécese que o británico manteña unha certa contención sen renunciar á súa querencia pola extravagancia.

O traballo gráfico de Williams é, coma sempre, magnífico. O seu estilo é algo máis suxo e escuro que en Promethea, no que supón unha deliberada adaptación ao ton da historia, pero o que en calquera caso se mantén é a súa orixinalidade na composición e a súa perfecta caracterización de personaxes. Hai prometida unha continuación que aínda non chegou e alguén (cousa rara) mercou xa os dereitos para facer unha película. ¿Chegaremos a saber máis de Desolation Jones?

Entradas relacionadas – Warren Ellis
The Authority Vol.1

Entradas relacionadas – J.H. Williams III
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4
Promethea 5

luns, decembro 15, 2008

Point blank



Semella imposible achegarse a Point blank (Norma, 2006) sen entrar en pouco favorecedoras comparacións con Sleeper. Point blank é, efectivamente, a miniserie que deu lugar a Sleeper. Dela, da súa resolución, xurde o que constituiría o leit motiv argumental de Sleeper: a complicada situación do infiltrado nunha organización criminal que fica abandonado á súa sorte. E non só iso. Co exceso de congruencia que posibilitan as lecturas a posteriori podemos entender Point blank coma un ensaio xeral, o episodio piloto onde se propoñen, sen explorarse debidamente, unha serie de posibilidades que serían desenvolvidas máis tarde, baixo outra cabeceira. Semella, xa que logo, que calquera consideración que podamos facer verbo desta obra parte da súa subordinación á serie que a sucedería. Velaí a súa febleza, mais velaí tamén o seu maior punto de interese.

É en Point blank onde Ed Brubaker comeza a experimentar coa mestura de xéneros que explotaría posteriormente con grande éxito creativo. O antiheroe do xénero negro, versión distorsionada (humana, falible, de moral máis complexa) do heroe detectivesco, válelle para humanizar á figura do superheroe. E así, Grifter, ata entón unha torpe actualización do superheroe Marvel en clave noventeira, preséntasenos como Cole Cash, sen poñer o uniforme, sen usar os seus superpoderes e coas ideas menos claras que nunca. Os tópicos superheroicos son apenas un adobío folclórico nunha ambientación inequívocamente noir, na que heroes e villanos apenas poden distinguirse. A cantina sustitúe á cova secreta; os tiros ao intercambio de raios cósmicos; mesmo aparece un amago de muller fatal. Brubaker abre e pecha unha trama de curto alcance que, porén, deixa as pezas situadas no taboleiro para a súa magnífica continuación. É inevitable, voltamos a Sleeper. Tampouco o debuxante, Colin Wilson, que cumple con discreción, está á altura da sutil xenialidade de Sean Phillips. Guionista, debuxante, personaxes, trama, solución; todo está a apenas un paso da excelencia.

Entradas relacionadas – Sleeper
Sleeper: Á súa sorte
Sleeper: Todo é mentira - Unha liña borrosa
Sleeper: O longo camiño a casa

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

xoves, decembro 11, 2008

Promethea 5



Diríase que a serie de Promethea se sostén nun pacto tácito polo cal o lector accede a se adentrar na mesta cosmovisión máxica de Alan Moore mentres este se compromete a resultar lexible. O británico vencella a maxia coa imaxinación, a creatividade e a necesidade de ficcións do ser humano e por esa vía crea un produto híbrido, que alterna capítulos de pura elucubración esotérica con tramas máis convencionais. Se isto xa determina unha maior accesibilidade desta obra fronte a O amnios natal ou Serpes e escaleiras, igualmente esotéricas pero moito máis crípticas, o aspecto gráfico incide na mesma liña. Fronte esoutras obras, ilustradas polo marabilloso pero ríspeto Eddie Campbell, Promethea conta cos lápices dun espectacular e vistoso J.H. Williams III, perfectamente complementado por Mick Gray nas tintas e Jeremy Cox nas cores, ao que se debe engadir a exhaustiva planificación do aspecto visual por parte de Moore. De feito, cada capítulo de Promethea pode interpretarse coma unha reivindicación do comic-book non coma fin en si, senón como compoñente dun tapiz máis complexo pero, iso si e contrariamente á tendencia maioritaria hoxe, dotado de pleno significado formal e material.

Se unha cosmogonía sen Apocalipse é coma un xardín sen flores, podemos dicir que neste quinto tomo (Norma, 2008) a cabeceira atopa un punto e final de indiscutible coherencia. Moore amosa de novo as costuras da narración, situando ao lector no lugar onde se contan contos, na lareira, e esvaíndo as diferencias entre este e os personaxes. Todo é relato, todos somos relato. Promethea está ateigada de verdades universais como esta, tan profundas e inmutables que ninguén pode tomalas en serio. Iso si, a quen lle guste cismar por deporte atopará nas páxinas da serie un feixe de aforismos ben tentadores.

No derradeiro capítulo, inédito no noso país ata agora, Moore e Williams levan a experimentación formal ata unha nova fronteira, a que obriga ao lector a repensar o que os autores pensaron antes e o invita a ollar as cousas cunha perspectiva diferente. Mesmo a dimensión física do tebeo se pon en cuestión, ante a necesidade de operar materialmente con el para poder contemplar completamente a obra dos creadores. A solución de Norma, que edita en tomo e non en grapa, facilítalle a tarefa a lectores coma min, demasiado pudorosos na manipulación do papel para atreverse a desmontar e remontar un cómic.

Final de traxecto para Promethea. Póñanselle as pegas que se queira: estamos ante unha pequena xoia, un pracer para os sentidos, unha celebración da imaxinación do ser humano.

Entrada relacionadas – Promethea
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4

Entradas relacionadas – Alan Moore
Watchmen
Lost girls
Top 10
Top 10: The Forty Niners
A cousa do pantano
O día do xuízo

martes, decembro 09, 2008

A educación de Hopey Glass



Non hai loita libre, nin animais prehistóricos, nin enxeñería seudo-futurista en A educación de Hopey Glass (La Cúpula, 2008). Jaime Hernández foi sustituindo vagariñamente o que as súas historias tiñan de extravagante para tinxilas dunha cotidianeidade enganosa, na que amores non correspondidos e bailarinas de strip-tease conviven con superheroínas de barrio. E no cerne desta versión calma e contida do particular universo de Hernández atopamos, máis outra vez, a Hopey e Maggie, tamén distintas, maiores, maduras, pero engaiolantes coma sempre. O xenio de Hernández é difícil de explicar máis aló dalgunhas ideas soltas: o seu inmenso talento como debuxante; a súa constante procura da orixinalidade narrativa; o seu alonxamento das formas convencionais do relato; as pingas de xenialidade coas que caracteriza aos seus personaxes; o enorme cariño e respeto con que trata ás súas heroínas, Hopey e Maggie… Coma nos trucos de maxia, o importante non son os pases máxicos, senón o abraio que deixan tras de si.

Entradas relacionadas
Locas 1
Locas 2
Locas 3