martes, maio 24, 2011

Penny Century



A primeira das historias deste Penny Century (La Cúpula, 2011) ten coma protagonistas a dúas mulleres que soñan con seren campionas de loita libre, espectáculo que atopamos frecuentemente nas paisaxes que imaxina Jaime Hernández, e que éste retrata cunha elegancia non exenta de certo realismo. Velaí unha posible clave para explicar a complicada alquimia do autor, a súa capacidade para naturalizar e mostrar como fermoso o que a priori debería resultarnos estraño ou extravagante. Coma en obras anteriores, circulan polas páxinas deste volume, ademais das mencionadas loitadoras de wrestling, superheroínas, extraterrestres, homes con cornos, mulleres que minguan e medran..., seres estrafalarios cos que somos quen de empatizar pola mediación duns argumentos que abalan entre o folletinesco e a comedia teen. O difícil equilibrio entre o cotián e o raro está presente en toda a obra de Hernández, tamén aquí.

Coma en títulos precedentes (e posteriores), é esta unha obra de protagonismo coral, de relacións cruzadas e historias sen principio e final definidos. O personaxe de Penny Century ten unha certa preoponderancia, mais o nome do volume tampouco debe levar a engano, son as locas habituais, Maggie e Hopey, personaxes que o autor perfilou con agarimo durante anos, as que ocupan, máis outra vez, o centro do relato. E máis outra vez o autor preme as teclas que fan que as sintamos próximas, familiares, entrañables. É unha cuestión de amor, Hernández trata as súas creacións cun cariño que termina chegando ao lector. Axuda, e non pouco, o seu grafismo enganosamente sinxelo, versátil (ademais de no capítulo Vacacións de verán, o rexistro cartoon asoma aquí e acolá), elegante e candoroso. Unha peza máis da única obra (e obra única) do seu autor.

Entradas relacionadas
Locas 1
Locas 2
Locas 3
A educación de Hopey Glass

venres, maio 20, 2011

Partida de caza



Pierre Christin e Enki Bilal escenificaban en As falanxes da orde negra (Norma, 2004) unha caste de confrontación final entre dous sistemas ideolóxicos, fascismo e esquerda libertaria, que o devir histórico abocaba á extinción. Os vellos fascistas erguíanse contra o modelo social europeo de finais do século XX (democracias burguesas, capitalismo máis ou menos limitado, Estados do Benestar...) con actos de violencia desesperada, conscientes da súa inutilidade; dábanse por aludidos e asumían a obriga de detelos un fato de ex-brigadistas, non menos desubicados (malia seren outras as apariencias) no novo contexto que os seus adversarios. O que pretendía ser un enfrontamento ideolóxico desembocaba nunha liorta persoal, un axuste de contas entre inimigos irreconciliables.

Christin e Bilal reúnense cinco anos máis tarde en Partida de caza (Norma, 2005), onde retratan a decadencia do bloque soviético. Publicada orixinalmente en 1983, é dicir, seis anos antes de caída do Muro, a obra relata a reunión dun grupo de dirixentes de distintas repúblicas da órbita soviética nun couto arredado da Europa do Leste para levar a cabo unha xornada de caza. Non estragamos nada se adiantamos que o que alí vai acontecer ten pouco que ver co lecer e moito con loitas intestinas polo poder. A cazata é, en definitiva, unha obvia metáfora da purga. Co seu retrato de varios persoeiros de diferentes estados comunistas, Christin e Bilal delimitan distintas posicións fronte ao chamado socialismo real, da ortodoxia militante ao oportunismo máis cínico, pasando por distintos graos pragmatismo e desafección crítica. Bilal, caracteriza os protagonistas coa dureza de trazo que o caracteriza, presentando un elenco de personaxes de perfil pétreo e hieratismo glacial, gráficamente inconfundibles dende a primeira viñeta.

A perspectiva que lle achega ao lector este clima cismático é a dun mozo idealista que asiste ao encontro en calidade de intérprete. Mais non habendo vontade de entenderse entre as partes, senón de se impoñer, e habendo xa unha linguaxe común entre eles (a violencia), a función que lle está reservada será ben outra. Os autores presentan unha praxe política na que a violencia non só é unha ferramenta habitual, senón mesmo, repetindo unha idea presente xa en As falanxes..., o sustrato final da ideoloxía. Christin e Bilal falaron en presente dun sistema político que se desintegraba e que hoxe percibimos cunha lonxanía enganosa. Pero o seu pesimismo vai máis aló, presentando a perversión do sistema coma consecuencia da condición humana, dunha ambición e un desexo de dominio que non coñecen límites.

Entradas relacionadas

domingo, maio 15, 2011

Mamed Casanova, o fillo da furia



Mamed Casanova, o fillo da furia (Demo, 2010) de Manolo López Poy e Miguel Fernández xira arredor dunha figura tan propria da historia e tamén do imaxinario galego coma a dos bandoleiros e fuxidos. Son moitos os estudos que sobre eles se teñen publicado na nosa terra e non poucas as ficcións (dende o paródico Fendetestas de El bosque animado ao Morning Star de Xosé Miranda) que se ocupan deles. Posta en relación coa obra coa que a editorial Demo comezou a súa andaina, Os lobos de Moeche (Demo, 2009) de Manel Cráneo, ambientada nas revoltas irmandiñas, parecería confirmarse unha vontade da editora de procurar un mercado para a banda deseñada en galego e de temática centrada en Galicia. O máis recente traballo publicado por Demo, Sen mirar atrás de Dani Montero (Demo, 2010), cuestionaría esta conclusión ou, cando menos, indicaría que a editorial traballa con horizontes máis amplos, algo que sen dúbida resulta igualmente saudable.

A obra que nos ocupa busca desacomplexadamente integrarse na categoría "baseado en feitos reais", relatando algúns dos episodios máis relevantes protagonizados polo fuxido Casanova, que lavou a cabo as súas actividades á marxe da lei nas proximidades de Ortigueira a principios do século XX. O guión, escrito con oficio por López Poy, aproveita o halo de romanticismo que rodea á figura do bandoleiro, sementando dúbidas acerca da lexitimidade dos poderes legais e fácticos e presentando a Casanova se non coma un heroe, si cando menos coma un personaxe máis ético que os seus opoñentes. Nunha sociedade inxusta, clasista, violenta, resulta doado identificarse cos revoltados.

A solidez do relato de López Poy atopa un alicerce fundamental nos deseños dun Fernández que compón con intelixencia e amosa unha notable soltura no branco e negro. Aínda que o seu estilo adoece dunha certa indeterminación entre o realista e o caricaturesco, a súa recreación da Galicia dura, ríspeta e sombría de principios do século XX non deixa dúbidas acerca do persoal da súa ollada. A eficaz compenetración dos dous autores sustenta unha obra que pode abordarse coma simple aventura, mais tamén coma aproximación preliminar a un fenómeno social e a un período histórico.

venres, maio 06, 2011

A ascensión do gran mal



Referíndome á obra pola denominación orixinalmente utilizada polo autor non estou a expresar ningunha preferencia, senón a aludir á edición que veño de (re)ler, a que Sins entido publicou en seis tomos entre 2001 e 2007. Existe unha reedición integral posterior que opta polo título de Epiléptico (Sins entido, 2009), que troca o metafórico polo descriptivo, pero segue a situar a doenza no cerne mesmo do relato. Lóxicas eleccións tanto unha coma a outra, xa que esa semella ser a idea que David B. pretende transmitir acerca de si mesmo e a súa familia, que a epilepsia do irmán maior condicionou decisivamente a vida de todos eles.

Tratándose dun drama persoal cunha dimensión social, máis aínda sendo unha obra autobiográfica e polo tanto "real", cómpre fiar fino para non valorar a obra a partir da lóxica empatía que provoca o problema exposto. Neste senso, coido que o grande acerto de David B. estriba na súa capacidade para facer da doenza do seu irmán o catalisador do relato mais non a cuestión esencial. A abafante proximidade da epilepsia é a clave que o autor emprega para explicarse a si mesmo e á súa familia. O duro tránsito colectivo, a procura de remedios médicos convencionais, naturistas, esotéricos, a ascensión en grupo do gran mal, serían factores esenciais para entender aos personaxes incluída a dimensión creativa do autor, que presenta o recurso á ficción coma forma de protección antes que de evasión.

A carga emocional do relato susténtase en boa medida na capacidade evocadora dun debuxo que combina orixinalidade e forza simbólica. Corpos planos, perfís xeométricos, composicións tan brillantes coma funcionais, un bestiario desacougante retratado sen matices, en brancos e negros absolutos. O autor baléirase en cada liña, en cada imaxe. E aínda conserva unha miga de inocencia para ofrecer un final luminoso, esperanzado.

Entradas relacionadas
Bagdad, esplendor e caída
A lectura das ruinas

luns, abril 25, 2011

Fágase o caos: Lux



Recuncan Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí como tándem creativo e coa (inxusta?) obriga de igualar os excelentes resultados de As serpes cegas (BDBanda, 2009), o seu exitoso e premiado traballo precedente. A parella aposta en Fágase o caos por unha narración máis longa, dividida en varios álbums dos cales Lux (Norma, 2011) é a primeira entrega. Nel relátasenos como un home común se ve involucrado nunha trama de espionaxe internacional na que están implicados opositores ao réxime ioguslavo do Mariscal Tito.

Malia diverxer no concreto, hai semellanzas entre o argumento desta nova obra e o da antecedente. Nos dous casos preséntasenos unha intriga con connotacións políticas que parte dun escenario internacional pero remata apuntando cara España, de Nova York á guerra civil española en As serpes cegas, do Londres dos anos 50 á España refuxio do fascismo europeo en Fágase o caos. Os autores parecen non querer arredarse das claves nas que ancoraron o seu éxito previo máis do imprescindible para que os paralelismos non resulten evidentes. Mantéñense asemade o ton sobrio, a contención formal, o ritmo pausado e constante, nun relato construido de acordo coas estruturas das ficcións clásicas de espionaxe. Cómpre salientar a magnífica ambientación de Seguí, cuxo Londres cinsento e bretemoso aporta ao relato a atmósfera que precisa.

Sempre resulta difícil xulgar unha obra en proceso, mais co creto gañado polos autores no pasado e tras a lectura deste primeiro acto, consistente e ben trazado, hai razóns abondo para agardar pola continuación. Esperemos que non tarde.

Entradas relacionadas
As serpes cegas

mércores, abril 20, 2011

Adèle Blanc-Sec 2



Os álbums de Adèle Blanc-Sec foron creados nun tempo no que non resultaban frecuentes as recopilacións, nin os tomos integrais que hoxe proliferan. Os autores europeos publicaban os seus traballos con cadencia xeralmente anual e a ese ritmo accedían os lectores á súa obra. Norma optou por un criterio máis contemporáneo á hora de reeditar as aventuras da creación de Jacques Tardi, recollendo os seus oito primeiros álbums en dous tomos (fica inédito o noveno tomo da serie, Le labyrinthe infernal, elaborado no 2007, datando o inmediatamente precedente de 1998). Tras ler o segundo volume (Norma, 2010) quedo coa impresión de que unha lectura conxunta posibilita un achegamento á obra mellor que unha lectura secuenciada. E iso porque Tardi fixo da confusión sinal de identidade da cabeceira, creando personaxes de nomes intercambiables, de aspecto deliberadamente semellante entre si e recuperándoos a todos, xunto con algúns eventos previos, en cada nova aventura. A autocita acada o seu paroxismo a partires de O segredo da salamandra, onde se dá entrada a Brindavoine, personaxe que protagonizara os dous primeiros álbums de Tardi como autor completo (Adeus Brindavoine e A flor no fusil) e ata o momento externo ao ciclo de Adèle.

Coma nos álbums anteriores, Tardi disfruta do ruído, amoreando personaxes, creando situacións absurdas, invocando criaturas formidables. A seudo-morte de Adèle na súa cuarta aventura valeulle para traela ao París inmediatamente posterior ao fin da Primeira Guerra Mundial, teima recorrente na obra do francés, e aproveitar o ambiente caótico da cabeceira para botarlle unha ollada distorsionada ao grande conflito. No final de cada relato nada remata porque todo continúa, remitindo ao seguinte capítulo. Un carrusel que non para.

Entradas relacionadas

martes, abril 19, 2011

Corazón de tormentas



É probable que a proposta do "24-hour comic" de Scott McCloud sexa máis interesante coma reto e coma invitación aos autores de BD de poñerse a proba que polos resultados que poida ofrecer. Someterse a realizar un cómic completo, sen ningún traballo previo, en 24 horas, implica levar aos límites as propias capacidades tanto de planificación coma de execución, ademais de constituir un auténtico test de resistencia física e supoño que tamén psicolóxica.

Corazón de tormentas (Polaqia, 2006) de David Rubín é o resultado da participación do historietista ourensán, durante as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense do ano 2005, nunha experiencia que adaptaba o reto de McCloud baixo o nome de BD 24 x 24 e na que tomaron parte autores como Sergio Covelo, Miguel Fernández ou Jordi Pérez Estévez. Rubín non só foi quen de completar unha obra de 24 páxinas cumprindo con todos os requisitos da proba, senón que o resultado, considerando as limitacións impostas, difícilmente podería mellorarse.

En Corazón de tormentas atopamos boa parte dos lugares comúns da obra do seu autor: arquetipos heroicos, alento mitolóxico, sentido dramático, émocións exacerbadas... Afeito ás esixencias da narrativa breve, Rubín caracteriza os seus personaxes con urxencia e introduce inmediatamente ao lector no texto. A partires dun argumento sinxelo, co seu característico trazo áxil e cunha planificación e distribución simplemente funcionais, o autor revisa os seu propio imaxinario en condicións creativas adversas, ofrecendo unha nova mostra da súa persoal voz. Coma conclusión apresurada e acientífica, poderiamos dicir que no contexto creativo sinalado, coma na escritura automática ou na asociación de ideas, o autor non ten outra opción que botar man do que leva dentro. E efectivamente, o que abrolla neste caso é puro Rubín.

Entradas relacionadas
Uxío Novoneyra: A voz herdada

xoves, abril 14, 2011

Wilson



Daniel Clowes
estrutura Wilson (Random House, 2010) coma unha sucesión de escenas dunha páxina de extensión, pequenos lances que apenas dan para unha anécdota e que, por acumulación, conforman un relato máis amplio. Clowes busca deliberadamente semellanzas co formato das tradicionais pranchas dominicais, aínda que prescindindo do habitual contido humorístico daquelas ou sustituíndoo por unha versión moito máis amarga. Ademais, en cada prancha altera o seu rexistro gráfico, abalando con aparente arbitrariedade entre o realista e o caricaturesco e alternando tamén un coloreado en bitono con cores completas. Nin o acabado concretamente elexido en cada prancha nin a propia necesidade de cambiar de rexistro gráfico atopan xustificación algunha no argumento da obra, todo parece ser froito da libérrima vontade do autor. Simple capricho? Exercicio de estilo?

Dende logo, o de facilitarlle as cousas ao lector non parece atoparse entre os propósitos de Clowes. De feito, gran parte dos seus esforzos encoméndanse ao contrario, retratando ao protagonista da obra coma un ser particularmente antipático: egoísta, miserable, rosmón, ventaxista, irresponsable... Calquera corrente de afinidade entre personaxe e lector é obxecto dunha sistemática sabotaxe. O rexeitamento que presumiblemente o lector sentirá cara Wilson discorre en paralelo coa incapacidade do personaxe para empatizar e coa súa inhabilitación absoluta para as relacións persoais. Preso da súa misantropía, as relacións familiares de Wilson resultan sempre conflitivas (ata que punto a súa muller é a súa muller?; ata que punto a súa filla é a súa filla?); a falta de amigos, fala con descoñecidos en lugares públicos.

Non é a primeira vez que alguén imaxina un personaxe tan insufrible como Wilson e non son poucas as veces en que, interesándose polo seu periplo vital, un chega a encariñarse con eles. Non é o caso.

Entradas relacionadas
Como luva de seda forxada en ferro
Ice Haven

mércores, abril 13, 2011

Bagdad, esplendor e caída



Un dos meus capítulos favoritos de Sandman é o número 50, titulado Ramadán e incluído no recopilatorio Fábulas e reflexos. Nel, Neil Gaiman e un P.Craig Russell no seu elemento, ofrecen unha explicación para a pervivencia actual no imaxinario occidental dunha visión de Bagdad romántica, íntimamente vencellada a As mil e unha noites e que a presenta coma cidade exótica, grandiosa, máxica. Imaxe tan alonxada, por outra banda, da que ofrecen os telexornais dende os anos 80 do pasado século e moi especialmente tras a invasión de Irak polos EEUU hai apenas uns anos. A explorar estas dualidade adico a máis recente Paisaxe de papel, mencionando o traballo de David B., Fabien Vehlmann e Frantz Duchazeau, Brian K. Vaughan e Niko Henrichon, ademais dos propios Gaiman e Russell. Por falta de espacio non puiden aludir ao grande clásico da BD europea ambientado en Bagdad, Iznogud. Velaí, Bagdad, esplendor e caída.

sábado, abril 02, 2011

As dúas viaxes



É de agradecer a política de recuperación de clásicos da BD galega levada a cabo por El Patito Editorial. Grazas á colección Biblioteca Clásicos da Historieta Galega podemos acceder a dignísimas reedicións das primeiras obras de autores como Miguelanxo Prado, Fran Bueno ou, no caso que nos ocupa agora, Xaquín Marín. As dúas viaxes (El Patito, 2010) recolle "A longa viaxe de volta dende as estrelas", relato que Marín aportara a 2 Viaxes, obra fundacional do cómic galego que o ferrolán desenvolvera en 1975 xuntamente co desaparecido Reimundo Patiño, ao que engade outra narración previa e ata agora inédita, "Buscando otro mundo".

Os dous traballos foron concibidos nun tempo convulso, cheo de cambios e reivindicacións no eido político e social, mais tamén nun tempo no que os autores de banda deseñada comezaban a reclamar a dignidade do medio dun xeito cada vez máis decidido e consciente. Estes dous vectores crúzanse na obra de Marín, alumbrando dous relatos moi semellantes en forma e fondo, íntimamente ligados ao tempo que os veu nacer o que aporta hoxe unha nova dimensión ao seu interese intrínseco.


Patiño e Marín eran ben conscientes de que con 2 Viaxes inauguraban de feito o cómic galego, para o cal apenas existían antecedentes inmediatos (só A Cova das Choias podería considerarse tal) ou lonxanos (con parte da obra gráfica de Castelao coma referencia esencial). Non resulta estraño, xa que logo, que as obras que desenvolveron xirasen arredor dun tópico esencial da cultura galega, a emigración, mais tampouco que o abordaran con vocación rupturista e anovadora. De feito, esa dialéctica entre modernidade e tradición é un factor esencial para comprender a chamada Nova Narrativa Galega e probablemente sexan novelas coma Cambio en tres (1969) de Carlos Casares ou Galou Z-28 (1976) de Lois Diéguez as que conforman o contexto natural para comprender a fantasía e simbolismo de "Buscando otro mundo" ou o futurismo de "A longa viaxe de volta dende as estrelas".


Pero é que, como adiantabamos, a dos 70 foi tamén unha década clave para a evolución da BD coma linguaxe. Foron moitos os autores que neste tempo tentaron ampliar os horizontes dun medio desprestixiado malia a súa enorme potencialidade. A influenza do pop, as vangardas ou a psicodelia fíxose sentir nunhas obras que supuxeron un enorme avance cualitativo para a BD. O debuxo de Xaquín Marín en As dúas viaxes sorprende pola lonxanía respecto os seus traballos máis populares e recentes (as comic-strips de Gaspariño, o humor en prensa, as pranchas de Tonecho en Golfiño), mais tamén polas coincidencias coa obra de autores que lle eran contemporáneos aínda que artísticamente tan distantes coma Jean-Claude Forest ou Guido Crepax.



As páxinas de As dúas viaxes amosan a un Marín que rexeita solucións doadas para o problema que supón toda narración. Cada prancha parece ser o resultado dunha reflexión demorada, especialmente en "A longa viaxe...", na que a páxina predomina sobre calquera outra unidade narrativa (as viñetas ou aparecen integradas na ilustración ou apenas aparecen), de xeito que o relato resulta ser unha sucesión de imaxes complexas polo seu contido narrativo e frecuentemente simbólico, que incorporan o texto coma un elemento gráfico máis. Hoxe sabemos que houbo unha vida para a BD galega tras estes primeiros pasos e que a criatura que daquela nacía presenta hoxe un aspecto forte e saudable. Mais cómpre coñecer e recoñecer o labor daqueles pioneiros que probablemente non imaxinaban os excelentes froitos que daría a árbore que daquela prantaron. Algúns como Reimundo Patiño ou Chichi Campos non tiveron ocasión de velo. Xaquín Marín si e pode sentirse ben orgulloso da súa contribución esencial á actual idade dourada da BD galega.