luns, xuño 22, 2009

Kaarib



As apariencias enganan e este Kaarib é unha boa proba. Calquera que contemple as capas dos tres álbumes que compoñen a serie e mesmo quen se asome ás páxinas interiores levará, probablemente, unha idea equivocada do que este cómic é. O debuxo de Jean-Paul Krassinsky, de plantexamento e composición inequívocamente europeos pero con claras influencias manga na configuración dos personaxes, contribúe a crear unha imaxe xuvenil e lixeira que concorda coa concepción, fornecida polas recentes experiencias cinematográficas, do xénero de piratas como vehículo para a evasión aventureira.

Cómpre matizar. Kaarib é, efectivamente, un cómic de piratas que participa da pulsión aventureira propia do xénero, mais dista moito de ser un produto de consumo doado. Aos tópicos propios do xénero, o escritor David Calvo engade un plantexamento fantástico que incorpora, ademáis, elementos do folclore caribeño. O resultado é unha trama complexa e requintada, de ton máis grave do que imprime o estilo gráfico de Krassinsky e na que os personaxes se alonxan do estereotipo a partir do cal foron, aparentemente, concebidos (o heroe, a moza o contrapunto xuvenil). A historia non termina de callar aínda que se rexistran bos momentos, especialmente cando se atopan solucións de síntese que superan a separación entre forma e fondo. Por exemplo, no deseño de personaxes, algúns de feitura inquedante.

mércores, xuño 17, 2009

Ex Machina: Ex cátedra



Tanto por esta cabeceira como pola xa concluida Y o último home, recoñecemos a Brian K. Vaughan coma un escritor máis enxeñoso e hábil plantexando argumentos que desenvolvéndoos. Porén, en Ex cátedra (Norma, 2009), séptimo volume da serie Ex Machina, atopamos exemplos dos seus defectos habituais e ningunha das súas virtudes.

A historia que ocupa os catro primeiros números do volume parte dunha idea tan pouco verosímil como que o Papa de Roma invite ao ex-superheroe e agora alcalde de Nova York Mitchell Hundred a unha audiencia no Vaticano. Máis forzado aínda resulta que o propósito do encontro sexa comprobar se Hundred está poseído polo demo ou se, atención, é o propio anticristo. Velaí, Xoán Paulo II concertando un tête a tête con quen podería ser, en palabras de Madonna, the devil in disguise. E se a premisa é de seu mala, prolongala durante catro números só a empeora. Consecuentemente, estamos ante un dos momentos máis baixos da cabeceira ata o momento.

O tomo péchase cun capítulo autoconclusivo que relata a historia da Comisaria Angiotti. Trátase dunha historia de transición, de plantexamento sinxelo e pretensións modestas, narrado cos constantes saltos temporais que caracterizan a Vaughan e destinada a redondear a personalidade dunha secundaria que ata agora non acadou excesivo protagonismo. Sen conter grandes aportacións á cabeceira, mellora considerablemente os capítulos precedentes.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Machina: Apagón

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan

Y o último home: Comos e porqués

xoves, xuño 11, 2009

Isaac o pirata



Non parece a saga de Isaac o pirata sexa precisamente un prodixio de planificación, senón máis ben o contrario. En apenas cinco álbumes cambiou varias veces de rexistro, de argumento central e mesmo de protagonistas. Así, a pulsión aventureira do primeiro álbum (As Américas, Norma, 2003) deixa lugar a un ton máis lóbrego no segundo (Os xeos, Norma, 2004); á altura do terceiro (Olga, Norma, 2005), a cualificación de Isaac como “pirata” comeza a renxer; o cuarto (A capital, Norma, 2006) marca a transformación da historia en relato picaresco; Jacques, personaxe irrelevante na primeira metade da saga, capitaliza o quinto álbum ata darlle nome (Norma, 2007). A de Isaac é unha viaxe sen brúxula nin destino aparente, viaxe que o autor, Christophe Blain, suspendeu sine die, ainda que seguro que non por non saber cara onde conducila. Todo indica que nunca o soubo.

Así descrita a serie parece desastrosa, a carreira dun polo sen cabeza. Nada máis lonxe da realidade. O certo é que malia o exceso de improvisación, Isaac o pirata é unha cabeceira exemplar en moitos sentidos. O autor non só dá un recital gráfico, senón que demostra unha extraordinaria capacidade para manter tensa a corda dunha narración que non decae nin por un intre. O que podería ser un pastiche é realmente unha hábil combinación de xéneros: da aventura ao folletín, do terror á picaresca. As tramas ábrense pero non se pechan, todo permanece nunha perpetua indeterminación, pero a emoción perdura.

É de supoñer que Blain retomará a serie nalgún momento, se cadra para pechar o círculo definitivamente, reunir a Isaac coa súa amada e resolver o conflicto máis irrelevante da cabeceira, o da súa continuidade como parella. Porque é precisamente da súa separación de onde parte a historia e só manténdoos arredados hai espazo para a narración.

domingo, maio 31, 2009

Daredevil: Cazadores



Os capítulos que compoñen a saga que chegou a nós co nome de Cazadores (Panini, 2009) demostran ata que punto Frank Miller foi quen de impoñer a súa visión de Daredevil sobre a historia do personaxe. Así, sen alterar unha orixe que, por cuestións de estilo da época, aparece reproducida prácticamente en cada número, Miller foi introducindo sucesivos elementos que achegarían a cabeceira aos lugares comúns da súa obra, ata conformar unha versión do personaxe que prevalecería sobre a orixinal.

Miller introduce agora a Stick, mentor de xuventude do personaxe, co mesmo propósito co que introduciu a Elektra no volume anterior. Ademáis de enriquecer o pasado de Daredevil vía retrocontinuidade, os dous personaxes contribúen á súa configuración como heroe tráxico, arquetipo reiterativo na obra posterior de Miller e certamente alonxado do acróbata desenfadado que fora ata entón. Ambos sérvenlle ademáis a Miller para dar entrada ao mundo das artes marciais, tamén recurrentes na súa obra. Chama a atención a solemnidade con que se trata nestes capítulos a figura do ninja, hoxe de seu material próximo á parodia. Afeitos como estamos á homenaxe nostálxica e á recuperación posmoderna (se é que non son unha mesma cousa) do cinema de samurais, Miller non pretendía outra cousa que un cruce frontal e directo entre dous xéneros populares, superheroes e artes marciais, nun pastiche que xa fora ensaiado por Marvel en diversas ocasións pero que agora parece funcionar, fóra de modas, por vez primeira.

Polo demáis, Miller demostra non ter menos personalidade como debuxante que como escritor. As súas páxinas, en perfecta combinación coas tintas de Klaus Janson, amosan un dominio narrativo aos seus 25 anos inalcanzable para moitos artistas despois de toda unha carreira.

Entradas relacionadas – Daredevil
Daredevil: Marcado pola morte - Elektra
Daredevil: Guerra de bandas

Entradas relacionadas – Frank Miller
Hard boiled
Give me liberty
Martha Washington goes to war

xoves, maio 14, 2009

Criminal: Os mortos e os moribundos



Catherine Tramell, a protagonista de Instinto básico (1992) representou no seu día unha certa idea renovadora sobre o arquetipo da muller fatal. Era a propia escritora interpretada por Sharon Stone quen determinaba coas súas novelas a súa historia persoal, o que finalmente lle permitía eludir o tráxico destino que convencionalmente lles corresponde ás da súa condición. De compararmos a esta icona do cinema dos 90 con Danica Briggs, a femme fatale que Ed Brubaker introduce no terceiro tomo da cabeceira Criminal, decatarémonos de que ésta, aínda sendo quince anos máis nova, pertence á xeración anterior, aquela que pagaba cara a ousadía de exercer o seu poder sobre os homes.

Esa é a elección de Ed Brubaker, confirmada polas restantes historias deste volume, Os mortos e os moribundos (Panini, 2009), a de renovar a linguaxe do xénero negro manténdose fiel aos seus patróns máis clásicos. Pouco importan a solidez dos seus relatos ou a perfecta execución gráfica de Sean Phillips. Brubaker opta polo exercicio de estilo, por engadir ao sustrato da cabeceira novos elementos clásicos do noir americano (boxeadores, ex-combatentes de Vietnam, unhas pingas de blaxploitation…) e seguir facendo variacións sobre unha base inmutable. Nin unha nota fóra de tono, a súa é unha imitación caligráfica, elegante pero previsible, irreprochable na súa literalidade pero falta de risco.

Entradas relacionadas – Criminal

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

martes, maio 05, 2009

As serpes cegas



Cómpre recoñecer o esforzo de imaxinación e medios que BDBanda está a facer para poñer en mercado uns álbums que, por calidade de edición e de contidos, resultan plenamente homologables á mellor BD europea.

As serpes cegas (BDBanda, 2008), escrita por Felipe Hernández Cava e debuxada por Bartolomé Seguí e que apareceu inicialmente serializada na revista BDBanda para ser posteriormente compilada nun único tomo, pode constituir un exemplo perfecto. Partindo dos movementos de filiación comunista xurdidos na Norteamérica da primeira metade do século XX, Cava desenvolve con oficio e un grande sentido do equilibrio unha historia que confronta idealismo e pragmatismo no que ao compromiso político atinxe, e que integra con naturalidade elementos que, tratados con menos habelencia, terminarían renxendo. Seguí non só se amosa coma un debuxante completo, capaz de combinar unha narrativa eficaz con pranchas de indiscutible beleza; ademáis o seu estupendo labor na definición das localizacións, o Nova York dos anos 30 do século pasado e a España da Guerra Civil, outórgalle un atractivo adicional á obra.

Do perfecto entendemento entre os dous autores xurde un traballo sen fendas, cuxa calidade se viu corroborada pola súa recente nominación no Saló del Cómic de Barcelona nas categorías de mellor obra e mellor guión (por máis que xurdise ao respecto unha polémica absurda). Apenas un pero que facerlle a esta edición: non consta de quen é a tradución ao galego.

domingo, abril 26, 2009

As Falanxes da Orde Negra



A finais dos 70, un grupo de vellas glorias do fascismo europeo comete unha brutal matanza nunha aldea da provincia de Zaragoza. As autodenominadas Falanxes da Orde Negra propóñense perpetrar accións desta natureza por toda Europa, non tanto para influir na evolución política de final de século canto para expresar a súa protesta ante a superación dos vellos modelos totalitarios e o establecemento dun modelo social, as democracias burguesas, que consideran dexenerado. A reacción ten lugar axiña: un grupo de antigos membros das Brigadas Internacionais reúnese coa idea de poñerlle fin á actividade terrorista das Falanxes.

As Falanxes da Orde Negra (Norma, 2004) plantexa, xa que logo, un segundo round para as forzas que se enfrontaran cuarenta anos antes, durante a Guerra Civil española. Sen embargo, anque os suxeitos implicados sigan ancorados nos seus respectivos idearios, o paso do tempo transforma inevitablemente o significado da súa confrontación. Así, o que fora un acontecemento crucial na primeira metade do século XX non pasa de ser agora un suceso anecdótico na axenda europea. Aínda que con certa repercusión social, as accións das Falanxes percíbense coma un anacronismo ao que as autoridades dos distintos estados europeos non queren dar moita publicidade e en cuxa persecución non invirten excesivos esforzos. Son os ex-brigadistas os que encaixan as accións do grupúsculo fascista coma unha afrenta persoal e os que, consecuentemente, asumen a obriga de eliminalos.

Xa que logo, lonxe do que podería parecer nunha primeira aproximación, a historia de Enki Bilal e Pierre Christin non postula a atemporalidade dos ideais senón precisamente o contrario, a súa caducidade. Ultradereita e esquerda libertaria enfróntanse agora nunha burbulla que os arreda dunha realidade na que foron desactivados. Se os que foran brigadistas na Guerra Civil aceptan abandonar as súas vidas acomodadas (entre eles hai un ministro, un xuiz, un profesor universitario…) para reincorporárense á loita armada é porque realmente se atopan tan fóra de coordenadas coma as súas némeses fascistas. E xa que logo, o que podería entenderse coma a oposición violenta de dúas visións políticas devén en algo máis semellante a un axuste de contas persoal.

Mención aparte merece o labor gráfico dun Bilal que se recrea na reproducción de escenarios europeos: a Barcelona modernista, a Roma histórica, a montaña suiza… A aparente simplicidade das composicións e o asoballante dominio narrativo rivalizan coa beleza das planchas do artista serbio, xustificando a súa condición de clásico contemporáneo da BD europea.

mércores, abril 15, 2009

Paisaxes de papel



Dende Cultura Galega bríndanme a oportunidade de emprender unha viaxe polo mundo da man da banda deseñada. Moi agradecido a eles e tamén a vostedes se deciden acompañarme por estas Paisaxes de papel. Primeira parada: Nova York.

luns, abril 06, 2009

Tomorrow Stories 1



Alan Moore non pecaba de arrogancia cando bautizou a súa liña de cómic comercial como America’s Best Comics. Analizadas a unha década do seu nacemento, as cabeceiras que conformaron a liña amósanse como a demostración de que pode facerse un cómic popular e de baixas pretensións mantendo un acabado formal irreprochable, unha calidade argumental máis que aceptable e un elegante respeto polo lector. Máis dun editor das grandes casas norteamericanas debería arroibarse ante esta evidencia: un único escritor foi quen de manter en marcha un tinglado coma a liña ABC cun alto nivel de coherencia nas series e sen apenas problemas de periodicidade. Iso sin entrar en comparacións verbo da calidade do produto.

Unha das apostas máis arriscadas da liña ABC foi a cabeceira Tomorrow stories, na que Moore optaba, ao xeito das revistas satíricas, polo humor, a parodia e a revisión irónica dalgúns lugares comúns do cómic norteamericano. E digo que a opción era arriscada porque, ao contrario do que acontecía con outras series da mesma liña, o produto carecía dun equivalente claro no mercado en que irrumpiu, se exceptuamos revistas dun perfil tan peculiar coma MAD. Non é de estrañar, xa que logo, que a cabeceira tivese unha curta vida de apenas 12 números que abondaron para que o de Northampton demostrase, máis outra vez, o seu enorme talento.

Publícase agora un tomo (Norma, 2009) que compila os seis primeiros números da cabeceira e que permite calibrar a competencia de Moore nun eido tan pouco glamoroso coma o do humor. Cada un dos seriais é un recital de enxeño por parte dun Moore que non dá tregua e que, lonxe de limitarse ao xogo das chiscadelas e do cruce referencial, constrúe as súas historias a partir de ocorrencias antolóxicas e baixo formas narrativas máis complexas do que cabería esperar nunha obra aparentemente concebida coma mero divertimento. Pero non esquezamos que esa experimentación formal estaba xa presente nalgúns productos que conforman o sustrato desta serie, nomeadamente as historias de xénero da EC, que foron laboratorio de prácticas para clásicos da historieta coma Harvey Kurtzman, Joe Orlando ou Wally Wood.

Tomorrow stories participa ademáis do que foi un dos grandes acertos da liña ABC no seu conxunto: a axeitada escolla dos debuxantes. Efectivamente, tanto se o debuxante determinou o ton de cada serial coma se foi éste o que se viu condicionado polo artista, o certo é que o resultado parece sempre froito dunha sinerxia que suma máis que as partes por separado. E así, as aventuras inxenuamente “picantes” de Cobweb resultan tan inseparables do trazo de Melinda Gebbie coma o sótaque pulp de Greyshirt do debuxo arcaizante de Rick Veitch; Jim Baikie interpreta á perfección o convencionalismo gráfico superheroico en First American ao tempo que os retrincos de Jack B. Quick veñen peneirados pola pulcritude formal de Kevin Knowlan. Máis adiante xurdirá Hillary Barta para dar unha ambientación canónicamente cartoon ao seu Splash Brannigan. Demasiados argumentos a favor dunha obra vocacionalmente menor que vén a demostrar que non existen xéneros pequenos; é o talento dos creadores o que determina o seu tamaño.

Entradas relacionadas – Alan Moore