luns, febreiro 21, 2011

Sleeper, superheroes en clave negra



"En el hard boiled, el detective suele tener una aproximación a la realidad menos intelectual, más física que en el relato detectivesco clásico, pero como apunta Slavoj Zizek en Looking awry, lo que nos permite deslindar una y otra figura con mayor exactitud es su distinta capacidad para mantenerse al margen de los hechos. En el hard boiled, el investigador se ve atrapado en una maraña de acontecimientos de la que no puede sustraerse, lo que contrasta con el detective clásico, que consigue resolver los misterios observándolos desde la distancia. Volviendo al cómic, esa misma distancia es la que separa al superhéroe de la gente común y la causa de su neutralidad. En su formulación clásica, el superhéroe se resiste a transformar el mundo por no sentirse legitimado para hacerlo. Su función es la de garantizar un espacio libre de amenazas en el que cada ciudadano pueda hacer las elecciones que determinan su propio destino y el del mundo."

Fragmento de Sleeper, superhéroes en clave negra, artigo escrito para o monográfico sobre xénero negro e policíaco da Revista Ábrete Libro.

mércores, febreiro 16, 2011

O inverno do debuxante


Primeiro feito. Paco Roca é un dos poucos autores de banda deseñada que foi quen de traspasar as estreitas marxes do medio e facerse un oco na axenda cultural do país, feito que, tendo bastante de insólito, explícase polo éxito acadado por Engurras, obra cuxas vendas (falábase hai xa ben tempo de 20.000 copias vendidas e cinco edicións esgotadas máis unha sexta en curso) demostran a existencia dun público que, non sendo lector habitual de tebeos, está disposto a mercalos se atopa o produto axeitado. O feito de que a publicación dun novo álbum por Roca acade un (modesto) eco na prensa xeralista debe entenderse como un éxito que non deixa de ter a súa faciana negativa. Por unha banda, resulta tentador por parte dos afeccionados á BD cargar ao artista valenciano coa responsabilidade de "gañar novos lectores" para o medio. Por outra, a visibilidade de Roca pode dar lugar a críticas de lectores que consideran inxusto ou desmedido o seu éxito, ao tempo que se sinala a outros autores que serían tan merecentes (ou máis) do mesmo trato mediático. Entendo que, se queremos ser xustos con Roca, debemos xulgar a súa obra en si mesma, sen asignarlle outros fins que os perseguidos polo autor e sen entrar en comparacións arbitrarias con outros artistas.

Segundo feito. Deliberadamente ou non, Roca négase a repetir as claves do seu propio éxito. Xa acontecía co álbum que seguiu a Engurras, As rúas de area, e repítese agora con O inverno do debuxante (Astiberri, 2010), obra que posúe unha vertente social pero desbordada polo resto de asuntos que trata. Loable, xa que logo, a vontade de Roca de non recurrir ás mesmas fórmulas por exitosas que resultasen.



Terceiro feito, se cadra máis opinable que os anteriores. Roca é un gran debuxante. O seu debuxo goza dunha virtude que a cotío menosprezamos, a súa accesibilidade. Pola delicadeza do trazo, pola dozura das cores, pola sinxeleza dos planos, as súas páxinas provocan un agrado directo, instantáneo. É probable que o seu éxito se explique tamén por esa inmediatez e non só por cuestións temáticas. Pero é que o seu grafismo resiste ademais unha análise máis fonda. En O inverno... atopamos un abafante dominio dos tempos narrativos, presente non só na estrutura do relato (balizada con sinais gráficos diversos), senón en cada concreto lance (hai páxinas nas que as viñetas parecen sucederse a ritmo de metrónomo); tamén unha coidadísima composición de páxina, na que os recursos son tan visibles (simetrías, fragmentación dunha imaxe en varias viñetas, repeticións...) coma funcionais. O talento de Roca coma debuxante, evidente xa dende as súas primeiras obras, acada neste último traballo a súa mellor expresión.

O inverno do debuxante semella ter a súa orixe no desexo, cada vez máis asumido no mundiño da BD, de poñer en valor a denominada "escola Bruguera", o grupo de autores que reconstruiron o tebeo popular na posguerra cun xeito de facer peculiar, diverso dentro da súa coherencia e de cuxa creatividade desbordante estamos aínda tomando conciencia agora. Mais sería enganoso afirmar que a obra se esgota nesa premisa. O inverno..., por se queda alguén que aínda non o saiba, toma como punto de partida a iniciativa dalgúns dos autores que traballaban para Bruguera de abandonar a grande editorial e fundar a súa propia revista, Tío Vivo. Na orixe da decisión está a inquedanza, a insatisfacción e o idealismo un tanto inxenuo duns profesionais que probablemente reclamaban dignidade laboral antes que recoñecemento artístico. Un dos méritos de Roca é a superación de calquera tentación maniquea: en O inverno... non son os rancios funcionarios do franquismo os que frustran as xustas aspiracións dos protagonistas, xa que tanto editores coma a maior parte dos debuxantes implicados pertencían ao bando dos derrotados na Guerra Civil. A realidade dos feitos históricos permítelle a Roca ofrecer un panorama da España de finais dos 50 alonxado dos tópicos das dúas Españas aos que estamos afeitos. A obra tampouco precisa caer en excesos dramáticos para participar do arrecendo a victoria histórica e da beleza estética que posúen determinadas derrotas.



Roca
mantén un perfecto control sobre unha narración que podería térselle escorregado de múltiples formas. Administra correctamente os moitos elementos que compoñen a trama, consegue dotar dunha caracterización acaída e dun certo grao de protagonismo a todos os personaxes que circulan polo álbum, opta por unha estrutura non lineal que enriquece o relato sen alterar a súa funcionalidade, conxuga sabiamente as doses de historia e relato. O resultado é un traballo dunha sinxeleza tan meritoria como enganosa.

A recepción do álbum foi desigual. Canda as voces que a sinalaron coma unha das mellores obras do ano pasado xurdiron outras que a consideraron sobrevalorada. Cóntome entre os que opinan que O inverno do debuxante é o mellor traballo de Paco Roca ata a data.

Entradas relacionadas
Engurras
As rúas de area

xoves, febreiro 10, 2011

Powers: Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos



Xa dixemos, verbo de entregas anteriores, que Brian M. Bendis introduciu un severo cambio de orientación en Powers aproveitando o seu traslado de Image a Marvel: Icon, revisión que incluía algúns dos sinais de identidade da serie. A sucesiva obtención de superpoderes por parte dos dous personaxes protagonistas trastoca notablemente a natureza dunha cabeceira que tiña na desigualdade da confrontación entre policías normais e seres superpoderosos un factor esencial. O presente arco, Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos (Panini, 2010), ten moito de peche dun ciclo e confirma que Bendis prefire que a súa serie evolucione, aínda xerando incertezas, antes que deixala caer en repeticións.

Neste volume atopamos a conclusión dos principais fíos argumentais que comezaron a tecerse dende a chegada de Powers a Marvel, sobranceiramente no que atinxe ao personaxe de Deena Pilgrim e o seu cambio de estatus, de policía a fuxitiva. Aínda que o título do arco suxire unha volta á faciana máis superficial e lercha do mundo superheroico, que foi abondosamente explorada nas primeiras etapas da cabeceira, a realidade é ben outra. Bendis céntrase na trama policial, precipitando os acontecementos ata desembocar nun peche que, non sendo en absoluto definitivo, si parece denotar unha certa vontade de permanencia. Polo camiño, transgrédense explícitamente algunhas das normas non escritas da serie, especialmente no que atinxe á relación entre os dous personaxes protagonistas, nunha decisión loable por arriscada. Todos sabemos que establecer unha tensión non resolta entre a parella protagonista resulta moi rendible en termos narrativas, mais sabemos tamén o dano que produce cada novo avance nese eido. É por iso que se agradece a decisión de Bendis de non postergar indefinidamente a intanxibilidade entre Walker e Pilgrim, concedéndolle á espera un (primeiro e puntual) punto de destino e arriscando o propio futuro da serie no proceso.

O volume complétase cun anual centrado na orixe remota do personaxe de Christian Walker, de menor interese, ao meu entender, que o fío argumental principal, mesmo prescindible dende o punto de vista deste. Na portada, Michael Avon Oeming rende homenaxe a Frank Frazzetta.

No seguinte arco, Bendis debe asumir a difícil tarefa de dotar á nova compañeira de Christian Walker, personaxe que foi introducido xa neste volume, dun carisma equivalente ao de Deena Pilgrim. Todo un reto.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre Powers: Identidade secreta

martes, febreiro 08, 2011

O Tíbet, entre a aventura e a espiritualidade



A primeira Paisaxe de papel do 2011 está adicada ao Tíbet, país pequeno e arredado, vítima de inxustizas históricas que os lectores de banda deseñada relacionamos inevitablemente con Tintín e a súa expedición desesperada na procura do seu amigo chinés Tchang. Mais non foi Hergé o único en pisar a brancura do Himalaia, tamén o fixeron, entre outros, Lee Falk, Stan Lee, Steve Ditko, Jack Kirby, Cosey, Alejandro Jodorowsky e Georges Bess. De todos eles falo en O Tíbet, entre a aventura e a espiritualidade.

venres, febreiro 04, 2011

Pais ausentes



Pablo Muñoz, coñecido na blogosfera como Alvy Singer, relata en Pais ausentes (Alpha Decay, 2010) como xurdiu a súa afección á lectura de tebeos de superheroes: os rituais de compra, os primeiros personaxes favoritos, as primeiras lecturas compartidas... O que podería parecer un exercicio de exhibicionismo narcisista xustifícase na procura do que de xeralizable hai en toda vivencia particular. Todo lector de cómics ten a súa propia historia, o microrrelato que explica como adquiriu o vicio. A vivencia de Muñoz, intercambiable coa de calquera outro, válelle para establecer unha interpretación conxunta de As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay, A fortaleza da soidade e 1985, obras nas que a experiencia lectora, o coleccionismo de tebeos e as relacións paterno-filiais xogan un papel fundamental. Estamos, xa que logo, perante unha obra complexa na que a memoria persoal se conxuga coa análise das obras de Michael Chabon, Jonathan Lethem e Mark Millar. Esa heterodoxia pode conferirlle ao libro un certo interese pero remata tamén por deixalo en terra de ninguén. Se a compoñente vivencial é insuficiente para soster o texto, o achegamento a dúas novelas tan ambiciosas coma as de Chabon e Lethem (recoñezo que non lin 1985) resulta parcial e insatisfactorio. A idea, se cadra boa para un post longo, demóstrase feble para un ensaio, aínda que sexa mini.

mércores, febreiro 02, 2011

Uxío Novoneyra: A voz herdada



Carezo das estatísticas, pero teño a certeza de que en 2010 se publicaron máis obras en galego que en anos precedentes (para quen goste de gráficas e números, eis o magnífico informe cos datos do ano pasado elaborado por Cultura Galega). Non sei exactamente a que se debe, xa que o perfil das obras é moi diverso, dende a produción propia (Sen mirar atrás, O fillo da furia, O burato do inferno...), á tradución (Spirou, Súper López, Guy Delisle... ¡se ata puidemos ler o primeiro cómic Marvel en galego!), pasando pola reedición (o Stratos de Miguelanxo Prado, desta volta en galego), mais é probable que teña que ver coa consolidación de varios proxectos editoriais relacionados coa banda deseñada que asumen dentro da súa política editorial a procura dun lector galego e en galego.

Unha das obras máis singulares das que viron a luz o ano pasado foi Uxío Novoneyra: A voz herdada (Xunta de Galicia, 2010), escrita por Kike Benlloch e debuxada por David Rubín, editada pola Consellería de Cultura e destinada á distribución non comercial por bibliotecas e centros de ensino. Trátase dunha iniciativa vencellada ao Día das Letras Galegas, que o ano pasado se adicaba ao poeta do Courel, e que podemos considerar novidosa, non porque sexa a primeira vez que o goberno galego promove un cómic sobre o galardoado no Día das Letras (dato que descoñezo), mais si porque nunca ata agora a encomenda recaera en autores cunha traxectoria tan consolidada coma a de Benlloch e Rubín. O acerto na elección tradúcese nunha obra peculiar e conscientemente alonxada dos lugares comúns que adoitan rexer esta caste de traballos. No canto de ofrecer a típica haxiografía do personaxe escollido, Benlloch e Rubín optan por crear unha ficción, un relato convencional que outorga un papel fundamental á figura e obra de Novoneyra, pero que conta con outros argumentos para se soster. Preferindo o punto de vista do lector ao do autor, a narración gaña percorrido e consegue trascender as inevitables concesións ao didactismo. O texto non se avergonza da súa vocación divulgativa, pero tampouco fai desta a súa única razón de ser, co que consegue interpelar a un público que excede con moito aos que poderían parecer os seus destinatarios naturais, estudantes de secundaria aos que se sitúa ritualmente diante do homenaxeado no Día das Letras. De feito, hai en A voz herdada oficio e talento abondo como para satisfacer a calquera lector, e non só, aínda que si especialmente, aos interesados na figura de Novoneyra e no período histórico no que éste viviu.

Entradas relacionadas - Kike Benlloch
Damsmitt

Entradas relacionadas - David Rubín
O circo do desalento

domingo, xaneiro 23, 2011

Strange Suspense. Os arquivos de Steve Ditko. Vol. 1



Agradécese a edición en castelán deste Strange Suspense (Diábolo, 2010), recopilación dalgunhas das historias producidas por Steve Ditko nos seus primeiros pasos como profesional, traballando para distintas cabeceiras da extinta compañía Charlton. En primeiro lugar, porque nel atopamos un artista notablemente alonxado do estilo gráfico co que se daría a coñecer anos máis tarde, cando acadou sona como co-creador de Spiderman ou o Doutor Estraño. Aínda que a maioría dos relatos recopilados pertencen a cabeceiras de suspense e terror, atopamos tamén historias románticas, de vaqueiros ou de ciencia ficción, o que nos permite comprobar como Ditko vai modificando o seu rexistro artístico, axeitándose aos parámetros estilísticos de cada xénero. A ascendente sobre o seu debuxo dos grandes referentes do seu tempo neste tipo de publicacións (Wally Wood, Joe Orlando ou Harvey Kurtzman, entre outros) resulta evidente e comprensible, non só por tratarse dos seus primeiros traballos como profesional, mais tamén porque as distintas editoriais do momento buscaban mimetizar ao máximo os produtos que situaba no mercado a exitosa e pioneira EC Comics. Ese é un segundo motivo polo que a lectura deste volume resulta agradecida. A produción máis significativa da compañía EC xa foi editada no noso país, o que nos permite comprobar agora como se deixaba sentir o seu liderado nas publicacións daquelas editoriais que, coma Charlton, se dirixían ao mesmo público con produtos semellantes.

Cómpre salientar que Ditko exerce como autor completo, escribindo argumentos perfectamente esquecibles dende unha perspectiva contemporánea, pero cuxo valor se atopa precisamente na súa capacidade para mimetizar os referentes que toma. Estamos nun tempo no que o tebeo é, máis que nunca, un produto de consumo que se dirixe a un mercado amplísimo. O sistema produtivo das editoriais obriga aos autores a producir masivamente, case de xeito irreflexivo, ventando os cambios no mercado e ofrecendo ao lector o que quere case de xeito inmediato. Nese contexto, Ditko revélase coma un supervivente, capaz de presentarlle aos editores historias perfectamente homologables ás ofrecidas por outras compañías e, ademais, cun acento autorial no debuxo que comezaba a resultar perceptible.

É ben sabido cal foi o destino destas publicacións. Dende unha perspectiva actual, atopamos nelas moita previsibilidade e, aínda que poda resultar paradóxico, unha vocación moralizante bastante inxenua. Tamén hai achados formais notables e unha evidente traslación á BD de formas e contidos propios da literatura e o cinema. En canto a Ditko, as páxinas deste tomo deixan constancia do seu instinto creador e dunha personalidade artística que o convertiría en figura esencial do cómic ianqui dos anos 60. Motivos máis que suficientes para devecer pola publicación do seguinte volume.

venres, xaneiro 14, 2011

Zona templada



Un dos nomes literarios do pasado ano 2010 foi o do escritor norteamericano Jonathan Franzen, cuxa aparición na portada da revista Time seica debe considerarse garantía da excelencia da súa recente novela, Freedom, omnipresente nas consabidas listas co mellor do ano que agroman nestes días. Por este motivo, pode resultar interesante traer á memoria Zona templada (Seix Barral, 2005), un traballo probablemente menor (ou non?) dentro da súa obra, pero que atinxe a un tema que interesa neste blog, o cómic.

Zona templada é un breve exercicio de memoria persoal e familiar que foi publicado orixinalmente en The New Yorker e The Guardian e que sería recollido en 2005 na prestixiosa antoloxía anual The Best American essays. Seix Barral publicaría a versión castelá en 2005, nun libriño de apenas 80 páxinas, integrado na colección Únicos e que conta cun extenso prologo por Gustavo Martín Garzo. A narración está ambientada nos 70, anos nos que a fervenza contracultural e o seu modelo de vida adxunto puxeron a proba os alicerces da institución familiar en Norteamérica. Franzen relata como, con dez anos, comezou a tomar conciencia da imperfección do seu entorno: as rifas entre os seus pais, a rebeldía dun dos seus irmáns, a rivalidade cos seus compañeiros de escola... Non estamos perante o retrato dunha infancia dura nun ambiente inhóspito, senón fronte a simple constatación de que o mundo non é perfecto para ninguén e que a sensación de seguridade que todo cativo precisa para medrar cun certo equilibrio psicolóxico non deixa de se soster nun espellismo cando non unha mentira coidadosamente tecida polos pais. Para expoñer a súa desorientada percepción infantil, Franzen toma coma contrapunto as tiras de Charlie Brown das que era lector entregado, identificándose intuitivamente coas coñecidas angustias e insatisfaccións que padecía o seu protagonista.

Sen agachar a súa admiración por Schulz, Franzen recoñece tanto o dano que na percepción popular da súa obra causou a sobrexplotación comercial das súas creacións coma unha certa decadencia no período máis serodio da súa produción. Porén, a identificación do escritor-neno co personaxe de Charlie Brown demostra que as tiras de Schulz non trasladan a un universo infantil as neuroses proprias da idade adulta, senón que en boa medida retratan os medos e inseguridades dos propios nenos ata o punto de resultaren recoñecibles por eles mesmos.

venres, xaneiro 07, 2011

Ex Machina: Abaixo co vello



Ex Machina achégase paseniño ao seu final. Abaixo co vello (Norma, 2010), noveno e presumiblemente penúltimo volume da serie, introduce algún elemento que dá idea da inminencia do peche, mais tampouco pode dicirse precisamente que os acontecementos estén a precipitarse. Abren o tomo dous números autoconclusivos. O primeiro é apenas unha broma que se esgota na súa premisa: Mitchell Hundred fai un casting para seleccionar aos autores que escribirán un cómic protagonizado por el, o que é utilizado por Brian K. Vaughan e Tony Harris para moquearse de si mesmos metendo por medio a outros artistas. No segundo, pouco máis trascendente, recupérase unha historia do pasado da Gran Máquina para facer unha reflexión superficial sobre o custo ecolóxico da industria do cómic. Resultan agradecidos os lápices de John Paul Leon que, aínda que axeitándose ao estándar marcado por Harris, ofrece un resultado moito máis persoal e dinámico ca o do artista habitual e co-creador da cabeceira.

A seguir, o arco de catro números que dá título ao volume retoma o fío principal da serie e introduce algún modesto avance no seu argumento. A tal efecto, Vaughan recupera a figura do antagonista da Gran Máquina e imprime á trama un verniz de ciencia ficción que sorprende ao asomar por vez primeira a estas alturas da narración. Esteamos ou non perante unha solución improvisada de cara ao peche, a perda de fol do equipo Vaughan-Harris resulta máis que evidente e as posibilidades de salvar os mobles pasan necesariamente por lle dar á historia un final acaído. Axiña saberemos se son quen de superar ou non o reto.

Entradas relacionadas – Ex Machina
Ex Macina: Xogo sucio

domingo, xaneiro 02, 2011

Os Superheroes e a Filosofía



Os mesmos motivos que xustificaban unha aproximación ao imaxinario superheroico dende a óptica da fe relixiosa xustifican tamén unha explicación en termos filosóficos dos moitos elementos que compoñen esta mitoloxía contemporánea, construída en torno á perpetua loita entre o ben e o mal e con referencias tan constantes coma irremediables ao concepto de xustiza. Tom Morris e Mat Morris recollen en Os Superheroes e a Filosofía (Blackie Books, 2010) unha vintena de ensaios breves nos que se analizan as moitas tanxencias entre os argumentos protagonizados por heroes en pixama e os grandes asuntos que teñen sido durante séculos obxecto de preocupación e estudio por parte da Filosofía. A maior parte dos autores dos textos son profesores universitarios de filosofía, británicos ou estadonidenses, aínda que os primeiros ensaios veñen asinados por nomes tan familiares para os lectores de cómic como Jeph Loeb, Denny O'Neil ou Mark Waid. Os asuntos tratados xiran primordialmente en torno ás ideas de deber e xustiza, aínda que no tramo final da obra se analizan con interese cuestións relacionadas coa identidade, igualmente relacionadas co xénero e moito menos estudadas que as anteriores.

Como resulta habitual en obras destas características, o interese dos distintos textos é desigual. Algúns deles exemplifican diferentes dilemas filosóficos a partires de personaxes ou obras significadas do xénero, conxugando un correcto coñecemento do medio cun agradecido didactismo; outros resultan decepcionantes, ben pola superficialidade da achega ao xénero (nalgúns casos resulta evidente que o autor coñece só os superheroes polas súas recentes versións cinematográficas), ben pola incapacidade para tomalo como materia que conduza a reflexións interesantes. Debo dicir que, sorprendentemente ou non, os textos de Loeb, O'Neil e Waid se atopan, ao meu entender, entre os de menor interese e profundidade.

A edición de Blackie Books é máis que correcta, non só polo agradable do seu formato, senón tamén por unha tradución que, con algún problema puntual, toma en consideración no esencial a nomenclatura tradicional do noso país para os personaxes e obras mencionados.