mércores, outubro 27, 2010

Criminal: Os pecadores



Tracy Lawless, personaxe que xa aparecera no segundo volume de Criminal, é reclamado en Os pecadores (Panini, 2010), quinto volume da serie, por dous bandos aparentemente contrapostos: o exército e unha organización criminal. Trátase nos dous casos de grupos violentos, mais cunha diferencia fundamental entre ambos: fronte o carácter claramente ilegal das bandas mafiosas, o exército é un dos corpos a través dos cales o poder estatal exerce o seu monopolio sobre a violencia lexítima (ou socialmente lexitimada). A conducta de Lawless ignora esta diferencia, o que implica que, no que a el atinxe, ambas son lexítimas/ilexítimas por igual. Mais non nos trabuquemos, Lawless non é un inmoral e moito menos un cínico. Ao contrario, a súa é unha conducta claramente moral, ata o punto de pretender aplicar principios éticos na súa acción ao servizo dun capo, o que o convirte, en palabras do seu xefe, no “peor sicario do mundo”. Ed Brubaker establece unha premisa que lembra o argumento central de Sleeper, no que Holden Carver debía optar tamén entre as forzas da orde e unha organización criminal. Brubaker suxire, acolléndose máis outra vez aos lugares comúns do xénero negro, que nunha sociedade totalmente corrompida non hai outra saída moral que o individualismo. No traxecto, plantexa e resolve con corrección unha intriga criminal na que atopamos outras imaxes que evocan a súa produción previa, coma a dun mozo que monta nun scooter ao xeito de Deadenders.

Pola súa banda, Sean Phillips segue co seu labor sobrio e contundente, tan escasamente espectacular como eficaz. A coherencia gráfica da cabeceira e a súa perfecta sintonía cos guións de Brubaker ten moito que ver coa discreta mestría de Phillips, mais tamén coa sólida expresividade que aportan as cores de Val Staples. No plano argumental, a serie ofreceu ata agora un perfil variable; no gráfico, a súa regularidade vén sendo envexable.

Entradas relacionadas - Criminal

Entradas relacionadas - Ed Brubaker

sábado, outubro 09, 2010

Noxentamente rica



Dende as súas primeiras obras, Víctor Santos revelouse coma un debuxante talentoso e cun grande instinto narrativo, malia que o seu estilo gráfico dista moito dos estándares proprios do mainstream americano. De aí que a súa proxección internacional non tivese como primeiro punto de destino Marvel ou DC, senón Europa ou editoriais americanas como Anctartic Press ou Image. Non parece casual que o primeiro traballo de Santos para DC cómics, Noxentamente rica (Panini, 2010), se integre en Vertigo Crime, o novo selo da compañía adicado ao relato criminal. A obra do valenciano está repleta de relatos de xénero, do fantástico ao negro, pasando por superheroes ou historias de yakuzas. De aí que non resulte estraña a súa afinidade (artística e seica tamén persoal) con Brian Azzarello, creador xuntamente co debuxante Eduardo Risso de 100 Balas, primero grande éxito noir do selo Vertigo, nin tampouco que ambos recibiran a encarga de Karen Berger de elaborar unha so-called "novela gráfica" para a nova liña editorial da compañía especializada en xénero negro.

Se 100 Balas constituía un perfecto exemplo de noir contemporáneo, en Noxentamente rica Azzarello plantexa unha historia que ten como referentes aos clásicos literarios e cinematográficos (non son os mesmos?) do xénero. Ambientado a finais dos anos 50, o relato ten como protagonistas a uns personaxes que non agachan a súa condición de estereotipos: un ex-deportista, a non-tan-inocente filla dun empresario rico, unha actriz de Hollywood... Tampouco a trama elude a previsibilidade que abrolla das súas premisas. Ao contrario, Azzarello percorre o camiño que outros deseñaron hai tempo, facendo da fidelidade ao tópico a razón de ser do relato. É apenas nesta imitación consciente ou nun final exento da moralidade clásica que recoñecemos a contemporaneidade dun texto que quece pero non queima.

De feito, poderiamos dicir que é moito máis o que o debuxo de Víctor Santos aporta á escrita de Azzarello que ao contrario. O autor de Os Reis Elfos non só desenvolve un labor de ambientación intenso e efectivo, senón que é quen de superar os límites do seu estilo gráfico para dotar aos personaxes dun acabado moito máis realista do que resulta habitual na súa obra. E non só iso, lonxe de abandonarse ás que serían as súas referencias naturais (Darwyn Cooke ou o Frank Miller de Sin City, por exemplo), Santos rebaixa a súa vistosidade narrativa habitual ata acadar un ton igualmente funcional pero moito máis discreto.

Para finalizar, unha curiosidade. A tradución do título por parte de Panini desfai a ambigüidade da versión inglesa, xa que o rich do orixinal non só vale indistintamente para "rico", "rica" e "ricos", senón que ademáis é o nome do protagonista.

mércores, setembro 22, 2010

Tom Strong 3



O final de O sulfato atómico, probablemente o gran clásico entre as aventuras protagonizadas por Mortadelo e Filemón, refuta a teima de Francisco Ibáñez por presentar o seu traballo como intrascendente e inmune á penetración do marasmo cultural que o rodea. A imaxe dun exército de parafernalia seudo-nazi enfrontándose a unha invasión de formigas xigantes non só apela ao cinema de serie B ou ás noveliñas de a peso, senón que mesmo nos pode servir para establecer un nexo con Alan Moore.

E é que neste terceiro tomo de Tom Strong (Norma, 2007), título consagrado á reciclaxe do imaxinario fantástico máis desacomplexado, atopamos tamén unha invasión de formigas xigantes, neste caso de orixe extraterrestre, que se propoñen converter o noso planeta nunha enorme reserva alimenticia. O concepto evoca non só as imaxes de xigantismo animal tradicionais nas ficcións de terror e fantasía (de King Kong ás arañas king-size de Tarzán), senón tamén as recurrentes metáforas da Guerra Fría que presentaban as formas de vida colectiva dalgúns insectos como remedo do réxime soviético, cunha especial fixación pola redución do ser humano á faceta de agricultor-colleiteiro. Moore retoma o concepto aínda que opta por presentalo limpo de calquera subtexto político e, probablemente para subliñalo, incorpora á confraría que resiste a invasión a un secundario de orixe rusa (secundaria, para ser máis exactos: Svetlana X).

Outra idea moi propia de certa ciencia-ficción clásica que Moore recupera é a da diferencia física como signo da abducción, do maimiño que non se dobra ás cicatrices na caluga. O de Northampton opta por un terceiro ollo na fronte que só podemos cualificar como pouco sutil, por máis que resulte coherente co ton desenfadado que preside o relato, o mesmo ton que sitúa na vangarda da resistencia a un cowboy espacial que monta un cabalo futurista e fala como John Wayne.

Sorprendentemente, o resultado desta combinación de factores non é tanto unha parodia como unha aventura que non recoñece límites. Moore parece defender a posibilidade de naturalizar calquera extravagancia unha vez que se establece o enfoque fantástico do relato, evitando o ridículo pola vía de non tomarse a si mesmo demasiado en serio. Sáelle ben a xogada ou simplemente vemos con bos ollos calquera texto asinado por el? Difícil responder.

O tomo péchase cun capítulo que contén tres historias de oito páxinas: a primeira debuxada por un Howard Chaykin que coñeceu tempos mellores; a segunda escrita por Leah Moore, filla do barbudo, e debuxada por Shawn McManus; e a terceira, a máis inspirada, na que o equipo creativo habitual desenvolve un argumento tipo Golden Age (Tom Strong atrapado nun tebeo!) que agacha unha divertida reflexión metaliteraria (metatebeística?) sobre a censura nos cómics.

Entradas relacionadas – Tom Strong
Tom Strong 1
Tom Strong 2

Entradas relacionadas – Alan Moore
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4
Promethea 5
Tomorrow Stories 1
Tomorrow Stories 2
Tomorrow Stories 3
Top 10
Top 10: The Forty Niners
Terra Obscura 1
Terra Obscura 2
Lost Girls
A Cousa do Pantano
O día do xuízo
Watchmen
WildC.A.T.S.
Wild Worlds

Entradas relacionadas – Chris Sprouse
Ocean

venres, setembro 17, 2010

Hellboy: O home retorcido



Dende as primeiras historias protagonizadas por Hellboy quedou establecido que a indagación acerca da orixe e destino do personaxe non sería o único motor argumental da saga. Tan lonxe como á altura da segunda miniserie da cabeceira, Os lobos de santo Augusto, ficaba xa establecido o outro gran principio que rexería as aventuras da creación de Mike Mignola, a de facelo interactuar coas distintas tradicións esotéricas do mundo. A lonxevidade do personaxe, consecuencia dun éxito que non estaba inicialmente garantido, fixo que esta segunda vertente (non incompatible coa primeira, por certo) fose adquirindo importancia, conformando a cabeceira nun lugar no que se nos presentan distintas concepcións do sobrenatural baixo as formas da narración terrorífica e tamén doutros xéneros que van da ficción científica, á serie B cinematográfica pasando polo bélico ou o detectivesco.

Aínda que ambientado en 1958, O home retorcido (Norma, 2010), a máis recente miniserie do personaxe, non pretende afondar na caracterización dun Hellboy cuxa participación apenas excede á dunha mera testemuña. Cunha ambientación propia do gótico americano, o relato suma a unha premisa fáustica (a venda da alma ao diaño) o tópico do soldado retornado (e, como alguén dixo, dende a Odisea, todo soldado que retorna é Ulises), para enfiar unha historia de bruxas e demos sen excesivas pretensións. Aínda que os méritos para ser acredora do Eisner á mellor miniserie poidan ser discutibles, non pode negarse a corrección e coherencia da trama, perfectamente ilustrada por un Richard Corben que non precisa despregar todas as súas facultades para demostrar non só que conserva intacto o seu talento, senón tamén que o seu estilo gráfico acáelle especialmente ben ao universo imaxinado por Mignola. A miniserie engade un novo episodio a unha cronoloxía, a do personaxe, por definición inacabable.

Entradas relacionadas
Hellboy: A escuridade chama

xoves, setembro 16, 2010

Dreadstar



Transcurridos case trinta anos dende que o Dreadstar de Jim Starlin vira a luz por vez primeira, a recente reedición dos primeiros doce números da cabeceira (Planeta, 2010) ofrece a oportunidade de calibrar a vixencia do que pasa por ser un dos traballos máis memorables do seu autor e que foi mascarón de proa de Epic, o selo de creación propia e orientación adulta da Marvel dos primeiros 80. Dende unha perspectiva actual, a proposta de Starlin, acción e aventura nun entorno de ciencia ficción claramente debedor de esquemas superheroicos, non parece precisamente arriscada, aínda que probablemente non era risco o que a liña editorial buscaba, senón diversificar a oferta, abrindo o espectro con productos capaces de captar novos segmentos de mercado sen deixar fóra ao lector-tipo da compañía. Cómpre lembrar que en 1982, ano no que a cabeceira bota a andar, o estándar de aventura futurista establecido pola primeira vaga de películas de Star Wars estaba xa plenamente asentado (as dúas primeiras entregas da saga foran un éxito e a terceira estaba xa en fase de produción) sendo ése outro ronsel no que Starlin semella querer situar a súa obra. De feito, por máis que a elección de dúas potencias galácticas de connotacións tan obvias como a Monarquía e a Instrumentalidade invitaría a pensar que hai en Dreadstar algunha caste de discurso crítico cara Estado e Igrexa, o certo é que non atopamos máis datos que os puramente nominais para sustentar esta tese. Coma nas películas de Lucas, o esencial é a aventura, nin máis nin menos.

Outro dato a salientar, nos 80 o mercado da grapa érao prácticamente todo, non se producía pensando na eventual recopilación en tomo. Consecuencia, a saga de Dreadstar acusa o peso excesivo do episódico en perxuízo do argumento a longo prazo. Starlin artella os seus guións pensando ante todo na coherencia do capítulo-número, facendo que en cada un deles se sustancie de maneira completa e pechada un evento determinado, por máis que esa acción inmediata sirva para mover unhas engranaxes máis lonxanas. Cómpre recoñecer que, aínda que pode lastrar a lectura global, o dominio de Starlin da cadencia episódica tradúcese en momentos brillantes, capítulos resoltos con mestría e golpes de efecto notables.

Outro punto forte, a caracterización dos protagonistas. Concedéndolles alternativamente a voz narrativa en distintos capítulos, integrando no relato os seus respectivos pasados e apoiándose en estereotipos moi empregados no tebeo de superheroes (a estrutura dos Dreadstar e compañía aseméllase e moito á dos grupos superheroicos), Starlin define aos seus protagonistas cunha concisión e coherencia envexables.

Polo demáis, Starlin foi sempre un debuxante de trazo clásico, ben acomodado no canon superheroico no que se moveu (e segue moverse) durante a maior parte da súa carreira. A boa resistencia que os seus deseños (especialmente os escenarios e a maquinaria futurista) presentan ao paso dos anos non só proba ese clasicismo, senón que demostra que estamos ante un dos seus mellores traballos como debuxante.

mércores, setembro 15, 2010

París, oito artes na novena



Na nova Paisaxe de papel, París, oito artes na novena, fago un repaso á representación da capital francesa na obra de autores como Pellejero, Bertozzi, Jason, Tardi ou Peeters. Como sempre, fico abraiado polo magnífico labor da redacción de Cultura Galega na procura e selección das imaxes que acompañan o texto. Dende aquí, a miña gratitude cara eles.

xoves, setembro 09, 2010

Freddy Lombard



Nos extras deste Freddy Lombard – Obra Completa (Glénat, 2007) atopamos un testemuño de Yves Chaland no que recoñece que a primeira aventura do personaxe, O testamento de Godofrío de Bouillon, foi debuxada directamente, sen guión, e que a conclusión da mesma xurdiu espontáneamente cando ía aproximadamente pola metade. Ese espíritu de improvisación está presente non só nese primeiro álbum, senón en todas as aventuras do personaxe. Probablemente porque os seus obxectivos son outros, Chaland non sente a necesidade de dotar ás súas obras dunha estrutura equilibrada nin de xustificar excesivamente as súas eleccións argumentais. As aventuras xorden da nada e envolven aos personaxes polos motivos máis exóticos, especialmente no primeiro álbum e no seguinte, O cemiterio dos elefantes. A partires de aí, a incorporación de Yann Lepennetier aos guións tradúcese nunhas tramas máis convencionais e equilibradas. Malia iso, a personalidade dos tres protagonistas da cabeceira muda dun relato a outro coa mesma facilidade que a súa ocupación. Concluidos os cinco álbums que compoñen os dous recopilatorios de Glénat, non podemos afirmar con seguridade quen son Freddy, Dina e Sweep, cales son as súas motivacións, os rasgos da súa conducta, entroutros motivos porque se prescinde de calquera historicidade, facendo tabula rasa ao final de cada historia. Así, en O cometa de Cartago, terceiro álbum da serie, temos a primeira e última noticia de que Dina está namorada de Freddy (aínda que se cadra non é así e todo é consecuencia do ton onírico que tinxe o relato). Vacacións en Budapest semella o intento de construir unha aventura ao xeito da tradición franco-belga que deriva directamente de Tintin, cunha viaxe ao estranxeiro e a interacción en sucesos históricos, neste caso a desestalinización de Hungría. Finalmente, en F.52 atopamos unha historia ambivalente, que mistura situacións abertamente humorísticas con cuestións tan delicadas como os nenos con discapacidade, o secuestro de cativos ou o suicidio (fermosísimo suicidio, por certo).

A indolencia de Chaland como escritor (ou co-escritor) contrasta co seu perfeccionismo como debuxante. As páxinas dos cinco álbums compilados amosan a un artista metódico, minucioso e plenamente convencido da súa opción gráfica. Se tomamos como estándar da liña clara o establecido por Herge ou Jacobs, Chaland optaría por un debuxo menos realista, máis caricaturesco, probablemente tamén máis dinámico e plano, con resultados moi semellantes a Daniel Torres, o primeiro Max ou a Mique Beltrán. O vizoso colorismo de Isabelle Beaumenay-Joannet é o complemento perfecto para as súas pranchas. Entre o primeiro álbum e o derradeiro pode percibirse unha evolución, mais nunca un cambio de coordenadas e moito menos unha relaxación na súa esixencia. As páxinas de Freddy Lombard aportaron unha visión renovadora da liña clara e demostraron que nos anos 80 (os cinco álbums foron publicados entre 1981 e 1990) o estilo era aínda viable. Como así foi ata hoxe.

xoves, setembro 02, 2010

O Rei das Moscas: Hallorave



“Europeo” é só un xentilicio, pero coido que nos entendemos se digo que a sensibilidade de Mezzo e Pirus neste O Rei das Moscas: Hallorave (La Cúpula, 2009) ten pouco de europea e moito de norteamericana. Como conxunto de narracións breves, relacionadas entre si por máis que carezan dunha continuidade exacta, de tema cotián e ton ácido, a referencia fundamental pode ser o realismo sucio estadounidense; o onirismo morboso que tinxe a obra no seu conxunto lembra a David Lynch; os escenarios (as casas con xardín, o barrio residencial, os restaurantes de estrada con camareiras uniformadas) evocan unha Norteamérica de cinema antes que os territorios franceses dos que supostamente se trata; pero sobretodo, o trazo groso e feísta de Pirus e a ollada surreal e doente de Mezzo confirman a Charles Burns coma a principal influencia da obra.

Dada a importancia que a atmósfera ten para o relato, cómpre salientar o labor dun Pirus que mantén un magnífico pulso gráfico ao longo de todo o volume. As súas pranchas presentan un peculiar uniformismo xeométrico, enfatizando as arestas das viñetas mediante a utilización recurrente de caixas de texto, bocadillos de diálogo rectangulares e mesmo unha fonte na que os “o” con til son cadrados. Esa regularidade transmítese tamén á transición entre viñetas (son frecuentes as sucesións de enfoques frontais e cenitais, os plano/contraplano frontais ou a aplicación dunha caste de zoom que leva dun plano medio a un primeiro plano e de aí a un plano detalle) e mesmo a cada viñeta (cuns personaxes de fronte e outros de perfil nunha mesma viñeta, isto é, en ángulo de 90º entre si). Completan a coidada definición visual do álbum unhas cores amortecidas que nos levan de novo a Burns e á cuberta do “Brick by brick” de Iggy Pop.

Os personaxes de Mezzo e Pirus (irresponsables, covardes, incurablemente egocéntricos, incapaces de empatizar cos demáis) semellan moverse nunha adolescencia perpetua adubada cun nada desprezable catálogo de neuroses. É de agradecer que, malia o sórdido da trama, os autores manteñan unha certa contención e non incurran en excesos morbosos ou nun tremedismo epatante estilo Chuck Palahniuk. Este primeiro tivo xa unha continuación inédita, esperemos que non por moito tempo, en España.

venres, agosto 27, 2010

Powers: Identidade secreta



Powers: Identidade secreta (Panini, 2010) pon un paréntese no proceso de transformación á que se viu abocada a cabeceira dende o seu traslado de Image ao selo Icon de Marvel. Como xa apuntamos verbo de entregas anteriores, o tradicional predominio do policíaco sobre o superheroico viña sendo obxecto dunha inversión paulatina, coa introdución de elementos de ciencia ficción e a decisión de Brian Michael Bendis de conferirlle superpoderes aos dous protagonistas da serie. No presente arco argumental atopamos unha agradecida volta ás orixes, cunha trama eminentemente policial e a recuperación dos elementos que caracterizaron á cabeceira nos seus inicios. De feito, o ton dos seis capítulos que conforman este Identidade secreta coinciden no esencial coa declaración de intencións de Bendis na historia de presentación da cabeceira, Quen matou a Retro Girl?. Se no arco anterior nos queixabamos dunha trama principal diluida, inconsistente e ao único servizo do argumento a longo prazo, neste que nos ocupa acontece xustamente o contrario: o convincente plantexamento e resolución do novo caso que deben afrontar Walker e Pilgrim (coa súa agradecida dose de ironía e o final anticlimático ao que conduce) non impide o avance, correctamente integrado, das tramas secundarias, o novo estatus superpoderoso de ambos e a investigación á que Deena está sendo sometida. O final, non sendo un cliffhanger, aseméllaselle bastante. A mellor historia de Powers dende que a edita Panini ou simple resistencia ao cambio?

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre

xoves, agosto 26, 2010

A tormenta de xeo

Aínda faltaban tres anos para que aparecese en pantalla O Show de Bill Cosby e xa os Midnight Oil cantaban I can’t believe the perfect families on my colour TV. A compracencia coa que a institución familiar era contemplada polos medios durante os primeiros 80 incitaba a unha desmitificación cruel. Probablemente a imaxe da familia que proxecta A tormenta de xeo (RBA, 1999) sería máis do agrado de Peter Garrett e os seus. Publicada orixinalmente en 1994, Rick Moody debuxa nela unha estampa familiar ácida e pesimista coa que pretende expresar o fracaso da xeración que viviu o verán do amor á hora de trasladar os principios da contracultura hippie á súa vivencia cotiá. Os Hood, familia simétrica (pai, nai, fillo, filla) e con can, enfrontaranse a unha vivencia que evidenciará tanto os seus febles alicerces morais como a hipócrita disonancia entre a permisividade sexual que os pais reclaman para si e o conservadurismo con que educan os seus fillos.

Estando a familia no cerne do seu discurso, non é de estrañar que o autor xogue aos paralelismos coa máis popular familia de superhéroes, os 4 Fantásticos. Non esquezamos que as maiores ameazas que a primeira familia Marvel debeu confrontar foron aquelas que ademáis de poñer en perigo a súa vida socavaban os lazos emocionais que os mantiñan unidos, no que constitúe un dos leit motivs recurrentes da cabeceira nas súas diferentes etapas. E así, Moody aproveita que o Miño pasa por Lugo para traer a colación os números 140 e o 141 do primeiro volume da serie, publicados a finais de 1973, é dicir, no momento en que se desenvolve a acción da novela. Neles consúmase un dos eventos clave do devir familiar do grupo, o bloqueo por Reed Richards da mente do seu fillo Franklin ata deixalo nun estado comatoso, coa conseguinte crise conxugal e a efectista (e efémera) disolución do cuarteto. Como curiosidade, sinalar que Moody, que acredita un coñecemento solvente da cabeceira e os personaxes, atribúe (aínda que sexa vagamente) os guións a Stan Lee, cando o autor dos mesmos era Gerry Conway (“Cuando Paul llegó a las viñetas de la mitad de debajo de la página treinta y uno [do número 141], fue como si todo el día, incluso todas las vacaciones, llevaran a un solo momento. Estaba seguro de que Stan Lee mantenía alguna comunicación con el universo (…) y que por medio de la visión espiritualmente avanzada de Lee, el propio destino de Paul estaba atrapado en las aventuras mensuales de aquellos superhéroes tan kitsch”, p.156). Igualmente, chaman a atención certas decisións do tradutor Mariano Antolín Rato, quen combina denominacións tradicionais no noso país (“Estela Plateada”, p.68) con outras abertamente discutibles (“los Cuatro Feroces”, p.67, ou a tradución do apelido Storm de Johnny e Sue por “Tornado”).

Se algo se lle pode reprochar a Moody é a súa transparencia. Amósase sutil ao presentar a subversión sexual dos hippies transfigurada, anos máis tarde, en disciplina científica, coartada para a infidelidade conxugal ou xogo burgués, mais os seus personaxes resultan tan arquetípicos e unidimensionais (deles coñecemos só o que nos permite constatar o fracaso do proxecto familiar) como obvia a metáfora da “tormenta de xeo”, o grande evento exterior-interior que fai que abrollen as contradicións. Polo demáis, na novela atopamos o mesmo discurso ambivalente que na maioría das ficcións familiares contemporáneas. Os Simpson, os Fisher, os Tenenbaum…, ao contrario que o modelo Bill Cosby, as fotos de familia do século XXI incorporan necesariamente un certo grao de disfuncionalidade, mais con que fin? Baixo unha superficie aparentemente crítica atópase fácilmente un discurso lexitimador, o “cambiemos o que non funciona” torna nun “malia todo somos unha familia”. Tamén en Moody. De que outro xeito pode interpretarse que na escena final da novela apareza no ceo un catro en chamas, o Fantasti-Flare, a chamada de socorro coa que os 4F se convocaban para afrontaren conxuntamente un determinado conflito?