domingo, marzo 29, 2009

Y o último home: Comos e porqués



Alcanza o seu final Y o último home e faino cun volume, Comos e porqués (Planeta, 2009), que alcanza a altura dos mellores momentos da cabeceira. Non é froito da casualidade senón da habelencia de Brian K. Vaughan para sobrevoar os aspectos accesorios da trama e incidir nos sustantivos. Así, sen apenas deterse na cuestión da praga que determina o escenario apocalíptico (se é que un mundo sen varóns pode considerarse apocalíptico) no que se desenvolve a acción, Vaughan fai fincapé na resolución emocional do argumento, co reencontro entre Yorick e a súa moza Beth e o cambio de estatus que iso determina no outro personaxe determinante, 355. Se a resolución resulta emocionante é porque Vaughan foi quen de crear personaxes atractivos e tecer entre eles unha arañeira emocional alonxada do tradicional triángulo amoroso.

A deficiente construcción dos personaxes é unha das críticas que se lle adoita facer ao labor de Vaughan. Dise, con razón, que Yorick é un personaxe plano cuxo carácter non experimenta modificación algunha en todo o percorrido da narración. Saliéntase igualmente como o peculiar sentido do humor de Vaughan remata por darlle unha mesma voz a case todos os seus personaxes. Os máis deles, efectivamente, comparten un carácter sarcástico e enxeñoso, demasiado monocorde para resultar natural ou crible. E porén, a serie funciona porque a súa baza é ben outra: a da aventura, da ciencia ficción desenfadada, do cliffhanger ao final do capítulo e do xiro argumental como motor da acción.

Non se pode negar a pegada que deixou esta cabeceira nin o papel desenvolvido (conxuntamente con outras ilustres series) na renovación do selo Vertigo de DC. A súa foi unha proposta fresca e ben plantexada, que respondía ás expectativas de certo perfil de lector ata entón orfo de alternativas. Dende esta premisa debe xulgarse esta obra, antes que dende a consideración da perfección ou orixinalidade do seu plantexamento. Porque precisamente Y o último home é (foi) unha cabeceira ben pouco orixinal, edificada en torno a tópicos de xénero (ficción científica, pulp, road movie, aventura…) e desenvolvida coa irregularidade propia dun producto desa natureza. Y… é, no fondo, unha obra superficial e imperfecta pero que funciona como serial de entretemento. E é na sinceridade dos seus propósitos onde reside a súa forza.

Xa que logo, cómpre recoñecer o labor desenvolvido por Vaughan e tamén pola ilustradora Pia Guerra, que medrou como artista ao longo da saga e foi quen de darlle unha imaxe de seu, ben complementada por Jose Marzan e Lee Loughridge. Goran Sudzuka supliuna eficazmente e Massimo Carnevale aportou unhas capas exuberantes, case sempre desaproveitadas na edición española. Punto e final para unha das cabeceiras esenciais dos últimos anos.

Entradas relacionadas – Y o último home
Y o último home: Terra nai
Y o último home: Dragóns no kimono
Y o último home: Bonecas de papel
Y o último home: Moza con moza
Y o último home: O anel da verdade
Y o último home: Palabra clave

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Os leóns de Bagdad
Ex Machina: Malos fumes
Ex Machina: En pé de guerra
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

martes, marzo 24, 2009

Perramus



Por obvio que poida parecer, a evolución do Perramus de Juan Sasturain e Alberto Breccia define a evolución do totalitarismo en Sudamérica a finais do século pasado. As primeiras historias da serie, recopiladas baixo o título O piloto do esquecemento, adoptan formas moi propias do seu tempo: un posicionamento abertamente crítico exposto nunha clave metafórica perfectamente obvia, sen apenas espazo interpretativo. Perramus (o personaxe, a saga) nace cando o protagonista elixe escapar da ditadura do seu país pola vía da desmemoria; canda el coñecemos aos cadavéricos mariscais no poder ou a ese “inimigo” que só exerce como tal unha vez ao ano e ante a ollada pública, co fin de lexitimar todo un sistema político. Todos eles exemplifican un xeito de narrar que hoxe pode parecer visceral, pouco sutil, mesmo torpe, pero que a primeiros dos 80 funcionaba como eficaz palanca reivindicativa ao tempo que abría a banda deseñada a unha nova utilidade, a denuncia política.

A cabeceira, publicada inicialmente por entregas de 8 páxinas na primeira etapa da revista arxentina Fierro, experimenta o seu xiro definitivo cando dá entrada ao personaxe de Borges. Dende ese intre a narración adquire unha dirección definida, co escritor arxentino coma grande catalisador. Resulta revelador o tratamento que Breccia e Sasturain fan da figura de Borges, autor acreedor da admiración xeral malia o seu desafiante conservadurismo. O Borges de Perramus é unha versión mellorada, hoxe diriamos que políticamente correcta, do orixinal. Mantéñense a súa erudición e o seu enxeño, ao tempo que se depura o seu exhibicionismo antidemocrático e se substitúe por un improbable afán libertario. O de Perramus é un Borges sen arestas, reconciliado co mundo; un Borges que gañou o Nobel.

A existencia do desleixado grupo de protagonistas (Perramus, Canelones, o Inimigo) cobra sentido arredor da figura de Borges, o grande mestre, o patriarca. Coma unha caste de Charles Xavier metaliterario, o escritor embarca ao seu “supergrupo” en misións tan cruciais para a humanidade como conservar o espíritu de Buenos Aires (identificada como Santa María no segundo volume, denomindo A alma da cidade) ou recuperar a dentadura de Carlos Gardel (no cuarto e derradeiro, Dente a dente). Entremedias, deberán confrontar a nova faciana do totalitarismo nun terceiro volume, probablemente o menos lúcido da saga, A illa do Guano.

Xa que logo, a cabeceira transita dende a denuncia frontal dos primeiros episodios cara o pulo aventureiro do seu tramo final, revelando non só as novas facianas que adquire o totalitarismo senón tamén o noso xeito de achegarnos a el. Se nos últimos capítulos se percibe un certo distanciamento non é por un cambio de actitude dos autores, senón porque éstes se dirixen a un novo lector, menos idealista, máis descreído.

xoves, marzo 19, 2009

W de Watchmen



Calquera que coñeza mínimamente o traballo do escritor gaditano Rafael Marín saberá da súa pública admiración cara Watchmen. Este feito, engadido á súa condición de autor de ciencia ficción, guionista de cómics e filológo e tradutor fan del a persoa idónea para levar a cabo unha aproximación á coñecida obra de Alan Moore e Dave Gibbons como a que contén W de Watchmen (Dolmen, 2009). O oportunismo da saída ao mercado desta obra, agora que a adaptación ao cinema a sitúa no centro do escenario, non debe levarnos a engano verbo da súa necesidade ou da consistencia do seu contido. Pola contra, unha obra tan vizosa en significados como Watchmen merece ser obxecto dunha revisión crítica fonda e rigorosa, probablemente máis exhaustiva ainda que a que ofrece Marín nas páxinas deste libro e non menos seria.

O libro aporta moitas e moi correctas ideas sobre Watchmen. Marín parte dunha necesaria contextualización, tanto no que atinxe ao intre histórico no que se produce a obra canto no tocante ao momento que vivía entón o mercado do cómic norteamericano. É tamén de agradecer a exposición da traxectoria previa dos autores, que adianta en certa medida o que ambos conseguirían con Watchmen. A partir de aí, Marín mergúllase na análise dunha obra de sistematización difícil. Pénsese na pluralidade de perspectivas desde as que se poden examinar as distintas liñas narrativas, os personaxes e os infinitos detalles que compoñen a trama. Pénsese no cruce de argumentos, no fragmentarismo e complexidade das voces narrativas (cómic dentro do cómic, documentación complementaria…) e como iso afecta á historia. Marín ordena ao seu xeito o caos das combinacións posibles e faino sen perder o interese e a amenidade. O seu resultado é tan apaixoante como probablemente o sería calquera outro. Como a propia obra, capa sobre capa, o gaditano apresenta un Watchmen coma feliz resultado dun amplio conxunto de factores: uns autores en estado de gracia compartindo un proceso creativo no que o resultado suma moito máis que as partes; un estimulante material de partida; un minucioso labor de planificación; un inspirado labor de improvisación; unha chea de afortunadas casualidades…

Agora que se fala tanto da dignificación do medio cómpre destacar que a consideración da banda deseñada seguirá a cuestionarse mentres non exista unha bibliografía crítica rigorosa que fundamente o que de valioso teñen as súas obras. Dende ese punto de vista, é de aplaudir tanto o traballo de Marín (autor doutros ensaios interesantes) coma a iniciativa de Dolmen editorial.

Entradas relacionadas
Watchmen

luns, marzo 16, 2009

Trabucado respecto a Xapón



A fascinación do fillo adolescente de Peter Carey polo manga e o anime puxo en contacto ao novelista australiano con estas peculiares manifestacións da cultura nipona. Atrapado el mesmo pola forza do imaxinario que se abría ante os seus ollos, propuxo ao seu fillo unha viaxe a Tokio na que poderían coñecer e entrevistar a figuras senlleiras do medio. Trabucado respecto a Xapón (Mondadori, 2008) narra a experiencia compartida por pai e fillo nun entorno cultural que se presenta ao lector non simplemente coma alonxado dos parámetros occidentais, senón coma case inaccesible nos seus significados.

Esa é, probablemente, a conclusión máis interesante á que conduce a viaxe. Carey atopa no manga e no anime unha porta á cultura xaponesa: analiza as formas e ritmos narrativos, o contido das tramas, os detalles aparentemente insignificantes como xeito de coñecer a cultura de orixe. Coma calquera investigador (anque proceda informal e asistemáticamente) chega ás súas conclusións que pon a proba sobre o terreo, falando con autores de relevo, profesionais do mundo editorial e mesmo afeccionados de a pé. A conclusión sempre é a mesma: as súas interpretacións veñen sempre peneiradas pola súa cultura de referencia. Non é só unha cuestión de descoñecemento da historia e cultura xaponesas, é o proprio aparello cultural empregado na achega o que impide unha comprensión real do fenómeno. Cunha mistura de diversión e reproche, a resposta que Carey obtén incide sempre na mesma idea: como gaijin, non alcanza unha comprensión real da cultura xaponesa, senón unha visión occidentalizada da mesma.

Polo demáis, o caso de Carey e o seu fillo exemplifica como pode evolucionar a fascinación polas producións artísticas, dende o disfrute franco e intuitivo da súa literalidade durante a adolescencia cara unha experiencia adulta, se cadra menos satisfactoria no inmediato, pero máis complexa na comprensión das súas implicacións.

luns, marzo 09, 2009

O último mosqueteiro



Jason presenta en O último mosqueteiro (Astiberri, 2009) unha improbable historia de ciencia ficción protagonizada por un dos míticos mosqueteiros de Dumas. Recunca, xa que logo, nalgúns dos seus lugares comúns, concedendo o protagonismo a unha figura ben coñecida polo lector e que, polo tanto, incorpora toda unha serie de expectativas que el mesmo se encarga de traizoar.

Difícilmente pode esperarse dunha aventura protagonizada polo mosqueteiro Athos que consista en impedir unha invasión extraterrestre, de xeito semellante a como se esnaquizan as expectativas do lector de Non me deixes nunca convertindo a Hemingway, Proust, Fitzgerald e compañía en debuxantes de cómics profesionais e atracadores de bancos amateurs. Polo demáis, xógase de novo á mestura de xéneros, combinando aventura e espadachíns con pistolas láser e robots. O Athos de Jason responde ao perfil dun heroe teimudo e anticuado, situado nun escenario proprio do Flash Gordon máis clásico e pasado pola peneira gráfica do artista noruegués. É, xa que logo, unha caste de Buck Rogers máis descontextualizado canto menos consciente da súa situación. Xurde así outro dos sinais de indentidade do autor, un deixe melancólico que enchoupa todo o relato e, aínda así, permite momentos de sutil ironía.

Jason demostra, máis outra vez, a fonda orixinalidade da súa voz no contexto actual e a versatilidade dunha obra que adquire valor con cada nova entrega.

Entradas relacionadas
Eu matei a Adolf Hitler
Por que fas isto?
Non me deixes nunca

sábado, febreiro 28, 2009

WildC.A.T.S. de Alan Moore



Resulta arriscado aventurar que motivos levaron a Alan Moore a traballar para algunhas das cabeceiras máis coñecidas (non precisamente pola súa calidade) de Image Comics a mediados dos anos 90. Talvez o británico quería amolar ás dúas grandes compañías (lembremos que Image xurdira abandeirando os dereitos dos autores fronte aos privilexios das grandes editoriais), ou cecáis buscaba o reencontro co grande público tras uns anos dedicado a obras de vocación minoritaria (entre o cabreo con DC e a chegada a Image, Moore producira A small killing e Brought to light, e comezara From hell, Lost girls ou a finalmente inconclusa Big numbers) Se cadra foi simplemente unha cuestión de cartos. Ao final tanto ten, xa que o que permanece alén dos xuízos de intencións son as obras.

Norma recopila nun único tomo a etapa de Moore en WildC.A.T.S., a cabeceira que creara Jim Lee para xogar no nacente universo Image un papel semellante ao dos X-Men no universo Marvel. Así pareceu comprendelo o proprio Moore, que remodela o grupo segundo un patrón moi semellante ao da Segunda Xénese mutante. Se por algo destacan os quince capítulos que compoñen esta etapa é pola práctica inexistencia de calquera nodo de interese que non sexa o que deriva da literalidade dunha trama que, sendo correcta, aporta poucas sorpresas: unha utopía que resulta non ser tal, un romance que deriva en desengano, un traidor no grupo… O máis destacable sería, ao meu entender, a creación de dous personaxes dun certo carisma: a simpática Ladytron e Tao, que daría bastante máis de si nas mans de Ed Brubaker. En definitiva, o Alan Moore dos WildC.A.T.S. aspira e consigue ser convencional. A cuestión é, ¿que interese ten un Alan Moore convencional?

O recopilatorio permite ademáis achegarse á obra de artistas tan vencellados a aquela época como Travis Charest e Ryan Benjamin. Charest aparece nestes números como un ilustrador efectista, hábil no deseño de caras e corpos, pero discreto no narrativo e con eivas claras no deseño de fondos. As tintas de Kevin Knowlan ou JD melloran claramente o orixinal. Pola súa banda, Benjamin amósase como un debuxante xustamente esquecido, acreedor de todos os defectos de Charest sen ningunha das súas virtudes.

Entradas relacionadas – Alan Moore

luns, febreiro 23, 2009

Señor Jean: Un certo equilibrio



Volta ás orixes de Dupuy e Berberian neste sétimo volume (oitavo, se contamos A teoría dos solteiros que publicou Bang no seu día) de historias do Señor Jean titulado Un certo equilibrio (Norma, 2009). Abandónase o formato de historia única e adóptase unha estrutura máis lixeira, semellante á dos primeiros tomos do personaxe, con gags dunha soa páxina anque todos eles en torno a apenas un par de eixos temáticos. O cambio é, xa que logo, máis aparente que real, xa que as historias unitarias da serie eran tamén, con poucas excepcións, un catálogo lixeiramente estruturado de anécdotas sobre uns mesmos temas.

As historias deste volume xiran arredor da autocompasión de Félix, o desastroso amigo de Jean, e da desesperada busca de parella dun novo personaxe feminino. Incídese nalgúns sinais de identidade da cabeceira, coma a evolución dos personaxes (a madurez de Jean e a súa parella Cathy, en contraste coa inmadurez de Félix), ou a aproximación desenfadada a distintas situacións cotiás. Nada novo, xa que logo, senón o coñecido dominio dos autores franceses dun sentido do humor branco pero penetrante, que apela á familiaridade do lector respecto ás situacións retratadas.

É probable que a maior novidade deste tomo sexa a menos evidente. O debuxo do Señor Jean, esa perfecta amalgama incomprensiblemente executada a catro mans e sen un reparto de tarefas coñecido, ten evolucionado de xeito apenas perceptible dende que a cabeceira botou a andar a principios dos 90. Onde había un trazo fino e perfectamente acabado, fondos detallados e colorismo naif atopamos agora unha liña máis intuitiva e solta, unha deseño de páxina aberto, con fondos apenas suxeridos e unha coloración cuxa función esencial é a de integrar as planchas e dar unha imaxe de conxunto. Pérdese, se cadra, un certo preciosismo, pero o resultado é máis complexo e demostra un dominio cada vez maior por parte de Dupuy e Berberian da súa faceta de ilustradores.

Entradas relacionadas - Señor Jean

venres, febreiro 13, 2009

Berlín: cidade de pedras



Poucos eventos históricos teñen sido tan visitados pola ficción como o nazismo, tanto que cabe preguntarse se o filón estará xa esgotado (semella que non, visto que os produtos seguen a proliferar) ou se chegará a esgotarse algún día. En Berlín: cidade de pedras (Astiberri, 2005) Jason Lutes achégase ao período histórico inmediatamente anterior ao ascenso ao poder do nacionalsocialismo. Xa que logo, a súa non é unha aproximación ao nazismo como etapa histórica, senón unha análise da súa natureza coma corrente política a partires das condicións sociais que o favoreceron.

É obvio que estamos ante calquera cousa menos unha tarefa sinxela e o plantexamento de Lutes así o revela. Aspectos como a extensión do relato (do que éste é só o primeiro tomo) ou o reparto do protagonismo entre un elenco de personaxes amplio e diverso non parecen ser froito dunha elección do autor, senón as opcións únicas que posibilitan un certo rigor na súa achega. De feito, a súa narración é frontal e nada artificiosa, clásica en moitos sentidos, perfectamente sustentada na sobriedade que caracteriza ao seu estilo gráfico.

Rematado este primeiro tomo, os personaxes fican presentados e ás tramas quédalles, ou iso parece, un longo camiño por percorrer. Pero non podemos dicir que este primeiro volume sexa apenas introductorio. Ademáis de contextualización e caracterización de personaxes hai nel percorrido histórico e desenvolvemento de caracteres, un relato que bota a andar e deixa con ganas de máis.

sábado, xaneiro 24, 2009

Hard boiled



En 1990, ano en que se publica orixinalmente Hard boiled (Norma, 2008), Frank Miller era xa un dos autores estrela do mainstream norteamericano. O éxito acadado coa súa recreación do personaxe de Daredevil déralle creto abondo para que as grandes compañías non só lle permitiran acometer proxectos arriscados e de orientación adulta con personaxes da súa propiedade (Born again, Batman: The Dark Knight returns, Batman: Ano I, Elektra: Asasina), senón tamén para que estivesen dispostas a publicarlle obras máis persoais e de viabilidade comercial máis dubidosa (Ronin).

É probable que o ano 1990 veña marcado pola vontade de emancipación de Miller fronte a Marvel e DC, das que xa obtivera prácticamente todo o que poderían darlle en termos creativos. De 1990 é Elektra lives again, obra ríspeta na que Miller revisita os seus lugares comúns alonxándose do seu rexistro gáfico habitual e co consistente matiz das cores de Lynn Varley. De 1990 é tamén Give me liberty, o delirio distópico que debuxara Dave Gibbons. E de 1990 é Hard boiled, publicada, coma a anterior, nunha compañía independente tan significada como Dark Horse e na que contaría coa estimable cooperación aos lápices de Geoff Darrow.

Os anos confirman a Hard boiled coma unha obra interesante pero menor. Nela, Miller non ofrece argumento senón anécdota e, sobre todo, pulso narrativo. Prefigura, xa que logo, o que sería o seu seguinte paso como autor total, Sin City (cuxa miniserie inaugural sería publicada un ano máis tarde), sustituíndo a hiperbólica estilización dos tópicos de xénero negro por una apreciable intención satírica. O seu retrato dunha sociedade absurda, hiperviolenta e infantilizada demostra que Miller cría aínda daquela na posibilidade de contar ademáis de narrar. De feito, é Miller quen conta e Darrow, coas súas enormes viñetas e o seu obsesivo detallismo, é quen narra. O resultado é, en congruencia cos seus modestos propósitos, pura enerxía. Nin máis nin menos.

Entradas relacionadas - Frank Miller

luns, xaneiro 12, 2009

O veciño 1 e 2



Pepo Pérez, coñecido na blogosfera polo seu estupendo blog Con C de Arte, é tamén un excelente debuxante que ten traballado como ilustrador para varias revistas (Rock de Lux, Volumen) e publicado cómics como Sangre (precuela da miniserie Xaque Mate para a extinta liña Laberinto de Planeta) ou as dúas entregas de O veciño (Astiberri, 2004 e 2007) en colaboración con Santiago García.

O veciño supón a enésima revisión da figura do superheroe, desta volta dende unha sensibilidade de BD europea. García e Pérez penetran no hermético universo das convencións superheroicas mediante un emisario tan significado do noso mundo coma una estudante de oposicións, figura que nos resulta tan familiar coma allea aos USA, homeland dos superheroes. A interacción entre este personaxe, que noutras circunstancias sería carne de slice of life, e un superhome emprégase a modo de crossover, isto é, coma colisión entre dous universos irreconciliables con fins irónicos. O resultado é previsiblemente devaluador, é dicir, unha realidade alternativa na que os superheroes perden a carteira e os supervillanos que a atopan petan na porta no canto de tirala abaixo. Hai referencias (básicamente a Superman), homenaxes (a Kirby, o máis obvio) e apelacións aos lugares comúns dos xéneros implicados.

No segundo volume apóstase polos personaxes e as súas relacións persoais deixando atrás, en grande medida, o diálogo entre xéneros. Coa loubable pretensión de non repetírense, os autores privan aos personaxes da andamiaxe argumental que os sostivera ata ese punto. O traxecto desemboca nun twist final que non termina de funcionar e que representa o fracaso das boas intencións dos autores.

Se hai algo que permanece nos dous volumes é o estupendo labor gráfico de Pérez, magnífico narrador e posuidor dun trazo urxente e vigoroso que o vencella á mellor tradición da BD europea.